Diario de Pontevedra e Pontevedraviva.com, 21 de agosto de 2021
Caxica
Aurelia González Parada naceu en Cantodarea o 15 de novembro de 1908, no seo dunha familia humilde e mariñeira, filla de Manuel “O Escolloado” e de Claudia “A Caxica”.
Representa a esas mulleres bravas que con dignidade lles tocou vivir unha vida dura e loitadora. Cando o golpe militar de 1936 tomou o bando do goberno lexítimo e democrático da II República Española, alentando nos primeiros días á folga revolucionaria na Lonxa, motivo polo cal foi represaliada, sendo rapada, obrigada a tomar aceite de rícino e paseada polo pobo como escarnio e exemplo das consecuencias de ir contra o novo goberno. Contan as fontes orais que durante eses días botou ao mar a un garda civil polo que a levaron encarcerada a San Simón.
Aurelia nunca agochou estes feitos, para ela non era motivo de vergoña senón de orgullo. Esta afouteza levoulle a ter outro incidente anos despois cun Policía Local ao que lle deu unha labazada, motivo polo que foi chamada polo alcalde. No transcurso da xuntanza, o rexedor acabou recriminando ao garda por deixarse pegar por unha muller, quedando Aurelia en liberdade.
Veciña das Pedreiras, solteira (criou a unha nena doutra muller), Aurelia foi ante todo unha muller fachendosa. Faleceu en 1993.