Nós Diario, 25 de novembro do 2020
Celso Milleiro: “A represión contra as mulleres foi brutal en Marín”
Celso Milleiro Sánchez (A Coruña, 1971) leva practicamente unha década estudando a represión franquista en Marín. Autor de varios traballos de historia social e política dese concello, achéganos agora unha investigación sobre os vitimarios no coleccionábel Os nomes do terror en Nós Diario
Significa no seu traballo que nos meses anteriores ao golpe producíronse numerosos incidentes na rúa entre mozos das agrupacións fascistas con militantes de esquerda, como foi a dialéctica política no Marín republicano?
Marín non é unha vila calquera no país. Explícome, desde 1896 gozaba dun forte movemento obreiro que a colocaba entre a máis importante da nosa terra. Tanto a UGT como a CNT disputábanse o control da auto-organización dos operarios locais e que rematará no período republicano co dominio anarquista nos gremios do mar e por parte socialista nas asociacións de terra.
A CNT chegaría ao seu cénit en 1932-1933 cando o seu Sindicato de Industria Pesqueira lograba ser a agrupación local libertaria máis importante da Galiza polo número de afiliados. Pese a isto, existía unha certa debilidade organizativa que a someteu a unha crise en 1934 e da que intentaría recuperarse en 1936.
Por parte da UGT, a súa longa experiencia desde finais do século XIX fai formar unha Agrupación Socialista sólida e estábel,dándolle en 1931 a alcaldía, con cadros da UGT, e co apoio de republicanos e sobre todo dos agraristas de Soaxe en Seixo e Ardán.
Aínda que sempre houbo conflitos entre as dereitas e as esquerdas, a situación quentouse definitivamente en 1934. Primeiro coa expulsión da conxunción socialista-republicana-agrarista da alcaldía, substituídos por elementos republicanos-radicais e dereitistas. A segunda causa ten a ver cos incidentes da revolución de outubro de 1934 que levou á detención dun bo número dirixentes socialistas e da UGT, o que derivou entre outras, co control por parte do persoal da Armada do polígono de tiro Janer do transporte público entre Marín e a capital provincial.
Tanto a nivel nacional como estatal vai ser un punto de partida que determinará a crispación dos ánimos, visualizándose a nivel local con incidentes que van medrando día tras día.
En xullo de 1935 fúndase a Xuventude de Acción Popular de Marín, unha organización para-fascista e uniformada, cuxos membros procedían da Xuventude Católica. Menos organizados e escasamente numerosos estaba a Falanxe de Primo de Rivera, algúns dos seus membros contactaran co falanxismo a través da Universidade de Santiago de Compostela.
Os mozos da esquerda estaba encadrados na Xuventude Socialista, re-fundada en 1933. Tamén había unha pequena célula comunista moi activa da man de Daniel Gómez “Pastaseca” e José García “Santacomba”. Tras a unidade entre socialistas e comunistas en xaneiro de 1936 deu lugar á Xuventude Socialista Unificada, dándolles un impulso para formar novas agrupacións en Seixo e en Ardán.
Durante os últimos meses previos ao golpe os incidentes protagonizados por membros uniformados das dúas ideoloxías contrapostas foron habituais,xa sexa por pelexas entre eles, pintadas (que provocarían detencións en ambas partes) e escaramuzas. Tamén se detectan incidentes entre mariñeiros de Cantodarea e elementos dereitistas do lugar.
Un dos aspectos que estuda no seu artigo é a represión de xénero, con referencia as rapas de pelo ou mesmo ás violacións, cal foi o alcance e como se concretou a persecución contra as mulleres?
Como comentei anteriormente o movemento obreiro marinense iniciase a finais do século XIX e desde ese intre inicial constátase a presenza de mulleres nas asembleas e a súa participación nos propios debates. As primeiras conclusións ás que chegan teñen a ver coa necesidade de auto-organizarse, logrando en 1902 que a Sociedade de Oficios Varios conte con algunhas mulleres afiliadas. Uns meses máis tarde, en 1903, constitúese a Sociedade “El Porvenir de la Mujer” por mulleres da industria conserveira,que foi capaz de convocar a primeira folga de
mulleres na que participaron 70 persoas e en 1906 outra máis contundente onde a participación acadou a 200 operarias. Desde aquel entón constituiríanse outras sociedades de conserveiras, traballadoras do porto, peixeiras, carboeiras, mariscadoras ou xastresonde a participación das mulleres foi esencial.
Durante a II República Dolores Santiago Troitiño “A Pasionaria” chegou ser presidenta da Sociedade de Chaboleiras e Empacadoras da Lonxa, Casilda Pazos Pérez presidiu a Sociedade de Mariscadoras ou Carmen Vilas Veiga a da Sociedade de Conserveiras e Estivadoras.
Este contexto explica a situación de como estaba involucrada a muller na defensa dos seus dereitos
laborais. Polo tanto non é un desvarío que no concello se teñan recollido con nomes e apelidos medio centenar de mulleres rapadas, presumibelmente o número fose maior, unha paseada, catro mulleres encarceradas durante algúns anos por sentenza de Consello de Guerra e un bo número delas multadas, entre outras moitas accións represivas, a parte ademais de quedar estigmatizadas pola sociedade.
Por outra banda o tema das violacións, a día de hoxe temos contabilizadas tres, é un tema tabú agochado por vergoña polas propias mulleres dificultando o seu estudo. As motivacións das rapas é variábel, moitas das mulleres eran as donas de importantes dirixentes sindicais, outras activistas no sindicalismo e outras aparecen rapadas por vinganzas de tipo persoal.
Un dos materiais que achega para ilustrar o seu traballo é unha foto onde por fin lle pomos cara a Bruno Schweiger, que nos pode dicir sobre ese militante do Partido Nazi que vai aterrar o Morrazo após o18 de xullo de 1936?
En Marín era coñecido como Bruno “O Alemán”, mais a realidade é que apenas sabemos gran cousa sobre el. Joseph Bruno Schweiger naceu en 1902 en Múnic (Baviera), fillo do arquitecto Han Van Schweiger e de María Damböck, Casou con Bárbara Schäfer, da que tivo unha filla en Marín en outubro de 1938 á que chamaron Asunción Beatriz. En Marín vivía na Mouta, na entrada cara A Cañota, e os maiores o lembraban conducindo unha motocicleta sidecar.
Bruno era un enxeñeiro especialista en estruturas de formigón, e foi contratado xunto co seu irmán Xoán Evanxelista, entre 1934 e 1935, para a construción dun varadoiro en Cantodarea cuxas obras foron adxudicadas a unha empresa holandesa. Durante décadas o varadoiro foi coñecido como “O dos Alemáns”.
Nos meses máis duros da represión (agosto e setembro de 1936) Bruno non ocupaba ningún cargo de importancia dentro da Milicia Cívica de Marín pero é o persoeiro que máis violencia exerceu xunto con Alfonso Temes Diéguez. As súas accións represivas non só se circunscribiu a Marín senón que se desenvolveu polo Morrazo, de xeito acaído en Moaña e en menor medida en Cangas. Atribuíselle en Marín os asasinatos de José García “Santacomba”, do pontevedrés Raimundo Rodríguez e de Carme Pesqueira “A Capirota”, acontecidas entre o 4 e o 17 de agosto de 1936. Con todo sospeitase que foron moitas máis, sendo coñecido popularmente co alcuño de “O Carniceiro do Morrazo”.Algunhas fontes orais sinalaban que Bruno coñecía ben como realizar estas accións represivas, aprendidas tras o seu paso polo Partido Nazi.
Semanas máis tarde funda a Centuria de Zapadores Minadores da Falanxe Española de Marín para combater na guerra, sendo o Xefe da 1ª Centuria e a primeira en incorporarse no Estado Español ao Corpo de Enxeñeiros. Foron destinados a Asturias, sendo ferido de gravidade en 1937, por este motivo foi condecorado coa “Medalla de Sufrimentos pola Patria” en 1938. Meses despois volve coa Centuria e tras caer a fronte do norte foron destinados á zona do Levante, entrando en Valencia o 30
de marzo de 1939. No mes de outubro regresou a Marín despois de realizar labores de reconstrución no Levante.
No mes de abril de 1941 o xulgado militar eventual de Pontevedra requiría a súa presenza,ou persoa que o coñecera,para un asunto do seu interese, e no mes de xullo faleceu a súa muller en Lugo. A partir daquel entón a súa figura esvaeceuse no tempo sen saber máis da súa vida. Algunhas fontes afirman que se trasladou a Vigo e outras que marchou a Alemaña para loitar na II Guerra Mundial, mais non hai nada concreto e confirmado.
No seu repaso polos vitimarios en Marín fai unha parada no colexio San Narciso dos Pais Paúis e do papel desta orde relixiosa na represión, que destacaría ao respecto?
Para a igrexa católica era vital ter introdución e control social, en Marín non tivo éxito coas sociedades obreiras, agrarias e mariñeiras polo que non lle quedou outra que argallar asociacións afíns.
Retrotraéndonos un pouco, uns días antes de proclamarse a II República Española en 1931, creouse no colexio San Narciso a Xuventude Católica de Marín, dando un paso firme para agrupar e organizar aos seus e non perder a súa influencia social. Esta labor vaise facer a través dos Pais Paúis e perante o control do director do colexio Ángel Marvá Amigo. En 1932 xa estaba organizada Acción Católica en Estribela.
En 1935 fórmase a para-fascista Xuventude de Acción Popular, o acto de constitución fíxose pola mañá no colexio San Narciso, desta volta ante a mirada do pai Bernardo Díaz de Obelar.
Case toda a militancia de Acción Católica, Acción Popular e a Falanxe foron alumnos do centro, sendo un acicate ideolóxico que configurará un dos grupos que nos primeiros días do golpe de estado apoiaran e se porán ao servizo das autoridades sublevadas.
A participación de xeito activa na Milicia Cívica destes mozos, na loxística e intendencia represiva: detencións, traslados ou transportes vai ser vital para normalizar o trunfo do golpe.
O papel influínte por parte dos Pais Paúis de Marín é fundamental para crear un grupo de apoio forte nas primeiras semanas do golpe que doutro xeito non sería posíbel en Marín.
Algunhas testemuñas apuntan ao Colexio como un dos lugares onde se reunían os elementos subversivos da dereita para planear o golpe.
Sendo Marín unha localidade cunha importante presenza militar, cal vai ser o papel destes na trama golpista e no operativo represivo?
Após as eleccións do 16 de febreiro de 1936 e trunfo da Fronte Popular, un grupo de militares empezaron a argallar nun golpe de Estado contra o novo Goberno. Este complot axiña chega á base naval de Marín, que contará co apoio entusiasta da oficialidade da Armada, poñéndose rapidamente para organizar o golpe na zona. Ao mando deste operativo fica o xefe da base Francisco Bastarreche Díaz de Bulnes e as súas ordes os segundos Pedro Fontenla Maristany e Pedro Nieto Antúnez.
Unha das primeiras accións tiñan como obxectivo convencer ao resto da oficialidade dos barcos que durante a primavera e nos meses de xuño e xullo arribaron ao Polígono de Tiro Naval.
A nivel local mantiñan contactos e reunións con dirixentes da dereita. Esta labor intermediaria levouna, entre outros, o auxiliar de artillaría da Armada Emilio Martínez Ros, afiliado ademais a Acción Popular.
Durante os días anteriores ao golpe mantiveron unha inusitada comunicación permanente coa oficialidade do cuartel do exército de terra de San Fernando (Pontevedra). Ao final tivo que ser Bastarreche quen movera primeiro ficha para facer efectivo o golpe.
Para o trunfo nas Rías Baixas foron vitais os hidroavións da base naval de Marín, cuxas intervencións e bombardeos lograron a rendición dos concellos leais á democrática II República.
Despois do 20 de xullo nomease unha dirección para a Milicia Cívica, ao mando da cal queda o Alférez de Navío Francisco Núñez de Olañeta, sendo substituído aproximadamente en xuño de 1937 por Emilio Ros.
Cabe lembrar o asasinato de José García Bustos “Santacomba”, que estando preso nas dependencias dos calabozos do Polígono de Tiro Naval Janer o sacaron e o pasearon á noite do 4 ao 5 de agosto de 1936, non é nin máis nin menos que a unha constatación da implicación da Mariña de Guerra na represión.
Para rematar, quería sinalar que o Pleno Municipal celebrado o 7 de decembro de 1936 acordaba denominar “Avenida de Exército e Mariña” a unha rúa da vila “en acordo e en harmonía co significado e orientación do glorioso movemento militar”. En febreiro de 1937 concedíaselle no rueiro a “Rúa de Tiro Naval Janer” “pola contribución prestada no glorioso movemento nacional”. Ambos nomes seguen vixentes aínda hoxe en día, que pese aos esforzos para cambialos, o Partido Popular de Marín defendeu a súa vixencia sen ningún tipo de argumentos, alegando sen rubor que non estaban afectados pola Lei da Memoria Histórica.