Diario de Pontevedra e Pontevedraviva.com, 14 de novembro do 2020
MORAÑO
No 2016 falecía Evaristo Recamán Recamán, un veciño de Marín que nacera cen anos antes no Souto do Carregal. Só os máis achegados coñecían a súa historia, que como moitas outras podería servir de guión para a realización dun filme.
Pertencía a unha familia de labregos abastados que co estoupido da guerra civil foi obrigado a loitar no exército sublevado. Nese intre empezou unha historia que duraría nove anos, obrigándolle pasar unha odisea de tensión e penuria.
Durante a contenda española veuse obrigado a pasarse de bando en varias ocasións polas circunstancias do combate, tendo que esquivar as preguntas dos mandos de ambos exércitos. Estivo, entre outros lugares, na batalla de Belchite.
Ao rematar a guerra marchou á Alemaña para traballar na estación de trens de Berlín. Sen combater, viviu en primeira persoa os bombardeos da aviación aliada na capital xermana. En 1945, ao caer Berlín, foi apreixado sendo levado a un campo controlado polos soviéticos. Subornando a un mando do exército vermello, agasallándoo cun acordeón que conseguira co contrabando de tabaco, consigue fuxir nun tren con destino a España.
Ao chegar a Marín detectóuselle un cancro testicular e a primeira inxección de penicilina que se trouxo ao hospital provincial de Pontevedra foi para el, grazas aos cartos que aínda tiña a familia.