Nós Diario, 12 de xuño do 2021 (Clicar)
Espállase ao longo do noso territorio nacional un ateigado patrimonio inmaterial: desde contos, lendas, mitoloxía, música, pasando polos maios, entroido e danzas brancas, entre outros legados. Neste armazón da nosa cultura atópanse as danzas de espadas organizadas polo estamento mariñeiro en vilas como Baiona, Redondela, Marín, Pontevedra, Carril ou Muxía. Pouco se ten atopado até de agora nos fondos arquivísticos sobre o pasado delas que nos axuden na comprensión da súa evolución, o coñecemento do número de danzas que existiron, os pasos e movementos ou a súa auto-organización. Emporiso, a máis importante e documentada foi a desaparecida Danza de Espadas de Pontevedra, finada no remate do século XIX.
Comezaba o século con movementos convulsos no sector pesqueiro polo desenvolvemento dunha industria cada vez máis feroz. Aínda que existía nas dúas vilas unha convivencia entre a pesca artesanal e a industrial, os cambios se desenvolverá de xeito desigual. A esa altura Redondela mantiña unha pequena sociedade de mariñeiros clausurada en 1903, mentres os operarios de Marín lograban paralizar en 1904 a industria pesqueira por mor dunha folga.
Porén, a danza de espadas de Marín atravesaba unha crise para a súa supervivencia, xa en 1903 era pública a apatía entre a clase pescadora para continuala. Todo o contrario pasaba en Redondela que perdía paseniñamente o forte arraigo co medio de produción de antano mais contaba cunha danza fortalecida.
En 1904 a Sociedade Artística da capital do Lérez, fundada polo redondelán Casto Sampedro, decidiu organizar entre outros eventos un concurso de Danzas de Espadas para o que se inscribiron as de Redondela e do veciño Porto de Marín. Entre o Xurado nomeáronse tres prestixiosos musicólogos galegos do momento, profesionais de prestixio e totalmente independentes: Xosé Baldomir Rodríguez, Prudencio Piñeiro Latierro e Felipe Paz Carbajal. Ademais había dous asesores, membros da última danza de espadas de Pontevedra: o mariñeiro Tomás Boullosa e o comerciante Celestino Abal Castro.
Ás catro da tarde do 17 de agosto saltaban ao rodo da praza de touros de Pontevedra as dúas danzas cos seus Mestre-Directores á fronte: Xoán Puertas Fervenza “Lei” pola de Redondela e Santiago Area González “Calistro” pola de Marín. Tras finalizar as actuacións os asesores manifestaron o seu apoio á danza de Marín. Coñecida esta posición, o xurado iniciou a deliberación e tras un debate decidiu dar o primeiro premio á danza do lugar de orixe de Casto Sampedro.
Boullosa e Abal, desconformes co veredicto, resolveron trasladar a súa queixa cunha carta de protesta que se publicou no xornal “El Noticiero de Vigo”. A reacción desde Redondela, así como tamén por parte dalgún membro do xurado principal, non se fixeron esperar, desta volta a través do xornal pontevedrés “La Correspondencia Gallega”. Juan Martínez, veciño de Redondela, respondeu nunha das cartas: “(…) basta considerar que non se trata de premiar ao grupo que bailase mellor a Danza de Espadas de Pontevedra, única que coñecen, (…)”.
Como se ve non pecaron dunha posición localista, o interesante do incidente fica en que Abal e Boullosa viron na Danza de Marín reminiscencias que eles recoñeceron da desaparecida danza de Pontevedra, velaí a importancia da polémica xurdida.
O historiador redondelán José Martínez Crespo menciona a existencia de danzas nesa vila durante o século XV, aparecendo como “de espadas” nun documento de 1605. No caso de Marín dátase unha danza en 1639 e non se cita como “danza de espadas” até 1842, dando pé a un debate estéril ao carecer de información sobre o que había realmente antes debido á falla dun baleirado arquivístico a fondo na documentación local anterior ao século XIX.
A pesar de todo, vaise formando un nexo de unión entre as danzas de Pontevedra e Marín. Algo lóxico tendo en conta á proximidade entre ambos portos, ás relacións entre os mariñeiros da Moureira (Pontevedra) e Marín, así como unha máis que probábel emigración veciñal desde a capital até Marín debido ao medre do cegamento da ría que impediu a arribada de barcos de maior calado ao porto da cidade.
Durante os primeiros anos do século XX o erudito Casto Sampedro realizou varias visitas a Marín o día de San Miguel para coñecer máis de preto a danza. Aínda que a datou nun principio no século XIX, cambiou de impresión máis tarde e entre 1914-1918 afirmaría que as danzas de Marín e Pontevedra estaban estreitamente relacionadas. En 1923 a danza de Marín foi invitada a participar na festa do Corpus de Pontevedra o día en que antigamente saía a súa danza, esta actuación foi moi aplaudida polos mariñeiros da Moureira.
A importancia deste incidente de 1904 é unha constatación máis da posíbel pervivencia da antiga danza de espadas de Pontevedra na de Marín, tendo en conta abofé as moitas contaminacións producidas polo transcorrer do tempo e sen os acompañamentos que posuíu a primeira.