Manuel Portela Valladares en Marín

Diario de Pontevedra, 19 de febreiro do 2018

O que fora Presidente do Consello de Ministros durante a 2ª República tivo unha fonda relación con Marín, mais en concreto con Loira, e pese ao descoñecemento xeral no concello sobre esta cuestión é de sobra coñecida pola veciñanza do lugar. Esta conexión comeza cos seus tíos paternos Manuel María Portela Dios, crego da freguesía de San Tomé de Piñeiro a finais do século XIX até o seu pasamento en 1898, e Emilia Portela Dios que casou con Gonzalo Malvar Fontenla, fundador do Almacén de Loira en 1873. Froito deste matrimonio naceu Carmen Malvar Portela que casaría co marinense Valeriano Carballal Touza mais do que non tiveron sucesión. O importante político galego e a súa muller pasaron durante varios lustros longas tempadas estivais na Casa-Almacén de Loira da súa curmá Carmen, aproveitando a súa estancia para manter relacións con persoeiros da vida política e social de Marín do momento.

O seu nexo con Loira impulsouno a usar para moitos dos seus artigos de prensa o pseudónimo “Johan de Loira”. Semella que coa proclamación da República no Estado Español en 1931 se rompería ese vencello con Marín dado que non existe información que amosen a súa presencia durante o período republicano. A Casa-Almacén pasaría máis tarde a mans da familia Lenard-Pérez, “sobriños” de Carmen Malvar.

About the Author

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

You may also like these