Publicado no Diario de Pontevedra o 31 de xullo do 2021
Este ano celébrase o 85 cabodano do asasinato do egrexio patriota galego Alexandre Bóveda a mans do fascismo español o 17 de agosto de 1936.
A súa presenza en Marín está documentada en dúas ocasións, ambas dentro da actividade política que desenvolveu. A primeira delas foi o 14 de xuño de 1931 no teatro Quiroga, Núñez Búa falaría anos despois sobre o acto: “(…). O primeiro foi en Marín. Todos sabiamos a capacidade de Alexandro, pero non contabamos que el, tan calmo no falar, servise para pronunciar acesas arengas mitinescas. Como era un orador que se estreaba foi o teloneiro. Deixounos pasmados. Falou con entusiasmo, elocuente, conciso, persuasivo. Nin unha dúbida, nin unha verba fora de lugar. Como si en vez de números, se houbera dedicado toda a súa vida a pronunciar discursos. Aquel día consagrouse como un mestre da oratoria e falou diante de dez auditorios diferentes”.
Sendo Xefe de Contabilidade da Delegación de Facenda de Pontevedra cargaría contra os detractores do Estatuto. Presentado polo marinense Manuel Torres disertou o 18 de febreiro de 1933 cunha conferencia galeguista sobre a “Resposta aos Reparos económicos e fiscais que se opoñen ao Estatuto”. O interese suscitado neste acto obrigou a realizar outro en Pontevedra.