“Unha Danza Anarquista”. Revista Anual “San Miguel, Patrón dos Mariñeiros”. 2019.
O 2 de xullo de 1933 tivo lugar unha demostración da Danza de Espadas na praza de touros da Coruña. Dous días despois o xornal “La Voz de Galicia” recollía a noticia do seguinte xeito: “Con gran concorrencia, que enchía totalmente a praza de touros, celebrouse na tarde do domingo a anunciada festa galega, cuxos produtos destinaranse á construción da Casa Sindical da Coruña. (…) Logo, os grupos de danzaríns de Marín percorreron o rodo bailando as pintorescas danzas de antigos gremios daquela vila. Aplaudiuse moito”.
A noticia ten a súa importancia dado que é a primeira vez que se ten unha nova da danza nun acto de carácter político e aínda por riba co obxectivo de apañar cartos para construír un local de tendencia anarquista.
Para comprender este suceso debemos retrotraernos uns anos antes en Marín, seica á importante folga local que asolou varios meses de 1915 e que acabou cun forte enfrontamento no seo da Federación Obreira pola diferencia entre a clase operaria polo resultado final da mesma. Eran os anos onde a UGT tiña o control sindical absoluto no noso concello, mais o declive socialista no estamento operaria empezaría cara 1919, aproximadamente, coa chegada dun cadro sindical libertario chamado Eduardo Collado Torrente, que será transcendental na historia de Marín dos anos vinte e trinta do século pasado.
Collado foi unha das figuras máis activas no seo do anarquismo galego. A el débeselle a constitución de varias sociedades obreiras en Marín, algunhas das cales presidiría, mais o seu campo de actuación político-sindical abrangueu todo o territorio galego.
O anarcosindicalismo marinense deixaría verse de maneira máis visíbel na constitución da Confederación Rexional Galaica (CNT na Galiza) en Vigo en 1922, contando co apoio da “Sociedade de Peixeiras” e da Sociedade de Carpinteiros de Ribeira de Marín, que foron representadas por Collado. Ao ano seguinte o anarquismo sería quen de introducirse nas conserveiras, nas descargadoras de carbón e tamén no estamento mariñeiro que naquel intre loitaban polo descanso dominical. Así en 1925 Gabriel Sanjorge Rodríguez “O do Can” representou aos mariñeiros anarquistas na fundación da Federación Rexional Marítima (CNT) en Compostela.
Gabriel Sanjorge Rodríguez
Segundo o historiador Dionisio Pereira, presumibelmente entre 1930 e 1931, un pequeno sindicato marinense chamado “La Pesquera de Galicia e Semellantes”, do que a penas se sabe nada agás que presentara o seu regulamento interno no Goberno Civil de Pontevedra en 1921 mais constituída en 1927, pasou da UGT á CNT, dando lugar ao Sindicato da Industria Pesqueira de Marín. Do que si sabemos foi que a toda poderosa Alianza Mariñeira de Marín (UGT) decidiu pasarse en bloque á CNT, levando consigo todo o seu material agás a bandeira que ficou na Federación Obreira. Antes xa se integraran na CNT “El Adelanto, Maquinistas y Fogoneros del Puerto de Marín”.
Todo este conglomerado constituirá o groso do Sindicato da Industria Pesqueira de Marín (SIP) que nalgún momento entre 1931 a 1936 colocaríase na agrupación anarquista máis importante da Galiza. Neste período, a UGT local quedou afastada da loita sindical mariñeira.
Aínda hoxe en día descoñecemos como se organizaba o SIP, presumibelmente en Seccións. Habíaas de Maquinistas e Fogueiros, de Patróns de Cabotaxe, de Mariñeiros, de Chaboleiras e Empacadoras da Lonxa, de Conserveiras, etc. Adoitaban elixir a un Delegado-Secretario, un Celador e un Tesoureiro. Cada Sección tiña a/o súa/seu Presidente/a. Entre os seus militantes máis activos podemos mencionar a: Manuel Castiñeira Maneiro “Marselino Liberato”, Dolores Santiago Troitiño “A Pasionaria”, Román Landín Omil, Antonio Garrido Area “Caghacho”, Manuel Martínez Martínez, Manuel Sayar Orellana, Gabriel Sanjorge Rodríguez, Pastor Ordóñez Otero “O Borrallento”, Amando Iglesias Pérez “O da Bichona”, Francisco Area Acuña, José Martínez Rodríguez “Carrilán”, Antonio Davila Corujeiras “O Aghuardenteiro”, Francisco López Pazos “O Taravixo”, Ángel Rodríguez de Castro “Vilas”, Agustín Rodríguez García… Outros que aínda non os temos suficientemente identificados como o maquinista Manuel Juncal, Bernardo Pena, Miguel Parada ou José Portabales.
Con esta explicación podemos entender xa o contexto histórico da noticia da Coruña e polo tanto comprender a razón pola que un grupo de mariñeiros estaban concienciados en promover a riqueza cultural que representaba a Danza nun evento libertario.
Non sería a súa única representación, se cadra son os mesmos danzantes que, un ano antes da súa actuación na Coruña, participaron no mes de agosto de 1932 nun evento en Pontevedra. Isto provocou as queixas dos danzantes do Porto de Marín que, ao mando de Santiago Area Nantes “Raxó”, os criticaron por carecer de representación e “de ser afeccionados que aínda tiñan moito que aprender”.
Polo tanto estamos falando de dúas danzas de espadas de Marín que participaron e coincidiron no tempo. Mais unha dela, por dicilo dalgún xeito, era a oficial. Sobre a segunda, a que actúa na Coruña, saberemos algo máis cando en xullo de 1934 inscribíronse para un Festival Artístico en Pontevedra que contaba cun concurso de Danza de Espadas. Grazas a ese evento sabemos que os novos danzaríns eran da zona das Pedreiras e Estribela e estaban dirixidos por Pastor Ordóñez Otero, que como xa se citou antes era un activo militante do Sindicato da Industria Pesqueira marinense (CNT).
Danza de Espadas de Cantodarea
Anotados para o devandito concurso estaban as Danzas das Pedreiras e de Pontevedra, cando se inscribiu ao final tamén a do Porto de Marín de “Raxó”. O 29 de xullo tivo lugar o concurso na praza de touros, resultando gañadora a Danza de Pastor Ordóñez por ser a máis brillante, a dirixida por Santiago Area ficou no segundo lugar polo seu axuste ás figuras tradicionais e o terceiro premio foi para a Danza de Espadas de Pontevedra dirixida por Celestino Abal Castro (ligado familiarmente a Estribela) como estímulo polo seu labor que viñan desenvolvendo desde a súa constitución. Entre os tres membros do xurado do concurso estaba Xosé Filgueira.
Este resultado non foi de moito agrado na vila, así o xornalista de Marín do periódico pontevedrés “El País” comentaba, dentro dun localismo vilego e nun alarde de menosprezo á Danza dos mariñeiros das Pedreiras-Estribela: “Os nosos enviados, dirixidos polo gran Raxó, levaron á capital o entusiasmo de corenta mozos dispostos a conquistar para o seu pobo o máximo galardón para o concurso. A súa actuación foi brillante a pesar da improvisación, e o público que enchía a praza expresa a súa simpatía polas hostes de “Calistro” aplaudindo con entusiasmo. O fallo do xurado, sen embargo, non coincidiu co xuízo unánime do público e aos nosos bravos bailadores outorgóuselles o segundo premio. Non dubidamos da rectitude do xurado, mais o público imparcial cre que outra debeu ser a súa decisión. A historia repítese. Hai aproximadamente vinte anos a nosa danza de espadas sufriu a dor moral dunha inxustiza semellante”.
Neses intres, a oficial “Danza de Espadas” de Marín non pasaba por unha situación doce . Tres semanas despois do concurso de Pontevedra anunciábase o resurxir da propia Danza da man de “Raxó” e xunto a un grupo de mariñeiros propuxeron a constitución dun Padroado que organizara a Danza con arranxo a súa tradición. O xornalista de El País alegaría que a causa do ocaso tiña a ver coa desidia de todos e “por efecto das circunstancias no montón das cousas vellas”, para comentar máis adiante: “Mais agora e como enchendo o baleiro da actualidade renace o vello costume, a irradiación tan amada de Perucho, de Jorán e de Calistro”.
Desde aquel entón non se volveu a ter noticias da Danza das Pedreiras-Estribela. Pastor e Santiago falecerían pouco tempo despois destes feitos. Antes, Pastor Ordóñez Lorenzo sería detido e encarcerado na Illa de San Simón pola súa participación na cheka que o 20 de xullo de 1936 requisou armas nas casas de varios persoeiros da dereita local en Cantodarea, cumprindo ordes do lexítimo e democrático Gobernador Civil de Pontevedra, fiel ao Goberno da II República Española. Pasaría pouco tempo no cárcere, ao ter contactos que o salvaron dunha segura condena en prisión.
Ao ser liberado tivo que substituír a “Raxó”, presumibelmente xa moi enfermo, na dirección da Danza de Espadas de Marín de 1937. Se cadra na elección de Pastor sopesaron varios factores: a falla de persoal que entendese a Danza e á necesidade de supervivencia de Pastor para evitar problemas co goberno sublevado, de carácter fascista, que neses intres estaba provocando o terror en toda Galiza.
Santiago Area falecería no mes de outubro dese mesmo ano. Pastor estaría brevemente na dirección da Danza pois falecería en 1939. Estas mortes foron un duro golpe para a recuperación da danza no seu estilo máis tradicional. A Danza de Marín non formou o anhelado Padroado e tivo que pasar por altibaixos durante a ditadura (1936-1975), sendo o último mohicano coñecedor da danza tradicional de espadas Diego Lubián Currás “Temes”, veciño de Estribela. A Danza perdeu parte da súa esencia primitiva, a que sabían “Raxó”, “O Borrallento” e “Temes”.
Por outro lado, na ditadura e durante décadas, o lugar das Pedreiras foi coñecida como a “Rusia Chiquita”, pola ideoloxía comprometida dos mariñeiros e peixeiras que moraban no devandito barrio.