Andrés de los Santos Rodríguez “Rachón”

Publicado polo Diario de Pontevedra e Pontevedraviva.com o 6 de febreiro do 2021.

Nado en 1896 no Outeiro de Cantodarea, Andrés Santos Rodríguez era neto de Alejandro de los Santos Zapateiro, líder dos mariñeiros de Marín na loita contra a traíña a finais do século XIX e primeiro Presidente da primeira sociedade de mariñeiros creada tras a desaparición do gremio de mareantes.

Mais Andrés non derivou a súa vida profesional ao mundo do mar, senón que se dedicou á carpintaría. Moi novo integrouse no asociacionismo obreiro, sendo un dos detidos na importante folga de 1915, aínda que posto en liberdade sen cargos. Ocupou diversos postos directivos dentro da Sociedade de Carpinteiros de Marín (UGT), chegando a ser o seu Presidente en 1936, formou parte da directiva da Agrupación Socialista de Marín, representou á sociedade na Escola de Cultura Obreira, ademais doutros cargos de carácter político e sindical.

Esta implicación fixo que fora xulgado nun ilegal consello de guerra organizado por militares sublevados contra o réxime democrático da República en decembro de 1936 xunto con 13 veciños máis de Marín. dos cales 6 foron asasinados por sentenza o 31 de decembro, entre eles o Alcalde Antonio Blanco Solla. Andrés tivo máis sorte e foi condenado a presidio varios anos, estando na Illa de San Simón e Figueirido. Faleceu de tuberculose ao pouco tempo de ser liberado do seu cativerio.

About the Author

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

You may also like these