Concepción Sanjorge Couso “A Pardilla”

A Pardilla, publicado polo Diario de Pontevedra o 7 de abril do 2018.

Concepción Sanjorge Couso “Concha Caralavada”, filla de Francisca “A Pardilla” e de Ghabriel “O do Can”. O seu pai foi un coñecido mariñeiro que representou a Marín na Federación Rexional Galaica (CNT) nos anos vinte. Velaí, en parte, unha influencia esencial na formación do carácter de Concha, indubidabelmente unha muller de esquerdas mais tamén cunha profunda fe cristiá. Concha foi das últimas mulleres bravas de Marín, esas caracterizadas por ter unha forte personalidade, que non se deixaban asoballar e dotadas dunha gran retranca e humor ácido. Mais Concha foi unha muller que participou de cheo na vida pública da vila de Marín destacando o seu traballo durante moito tempo na Comisión de Festas do Carme. Nos últimos anos foi unha referencia da memoria oral de Marín, e a ela acudimos moitos/as para obter máis información histórica do concello, aquela que non ven recollida nos arquivos e hemerotecas. Moitos datos fomos apañando e aínda quedaron un feixe máis sen recoller pois con ela morreu unha auténtica enciclopedia da historia da vila do século XX. Polo que me atinxe botarei de menos unha fonte informativa de gran valor, tamén as cancións da República e as letras das comparsas de Marín algunhas delas criticando o caciquismo local que aprendera de rapaza. Que a terra che sexa leve.

About the Author

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

You may also like these