NACIONALISMO, Publicado no Diario de Pontevedra o 29 de xuño do 2019.
O 27 de xuño celebrouse o 88 aniversario da proclamación da I República Galega, feito que fica dentro da ocultación da nosa historia nacional e que inclúe a protagonizada pol@s obreir@s, mulleres e clases populares.
Até onde chegan os meus coñecementos o himno galego foi interpretado por vez primeira en Marín en 1923, polo coro “Foliada e Cantigas” no teatro Quiroga, sendo moi sentido polos presentes. En canto a bandeira galega, a primeira referencia data de xuño de 1930, após unha solicitude por parte de moz@s galeguistas para ondeala na balconada da Casa Consistorial.
Durante a II República Española o uso destes dous sinais de identidade nacional foi frecuente en todos os sectores sociais do concello, aínda que o Partido Galeguista non foi quen de organizar unha agrupación local, pese a estar afiliados persoeiros como o farmacéutico Francisco Gastañaduy ou o mestre Manuel Torres.
Durante a guerra civil e a ditadura, o nacionalismo ficou desaparecido, até que tras a morte de Franco se constitúe a asociación cultural “Xuntanza” de Seixo; anos en que se legaliza a UPG perante Alfonso Zulueta, notario galeguista de Marín.
Nos últimos 40 anos o nacionalismo local caracterizouse por continuos enfrontamentos que o rachou. Pese a isto, hoxe en día existe un sentimento unánime de unidade, mais cando e como?
GALEGUISMO, Publicado no Diario de Pontevedra e en Pontevedraviva.com o 10 de xullo do 2021.
O 14 de xuño de 1931 o galeguismo desenvolveu unha importante campaña de espallamento político pola comarca do Morrazo. Empezaron por Marín e seguiron por Seixo, Bueu, Cangas, Moaña e Domaio.
O 1º dos actos celebrouse ás 10:30 h. no Teatro Quiroga de Marín, arengando Núñez Búa, Bóveda, Castelao e Paz Andrade. En Seixo participaron Isidro Andrade Cimadevila, Iglesias Vilarelle e Castelao. Na Lonxa de Bueu participaron Núñez Búa, Paz Andrade e Castelao. Núñez Búa explicou a doutrina do galeguismo e as conexións coas teorías colectivistas, Bóveda baseouse no aspecto económico da Galiza e a importancia dun Estatuto de Autonomía, Castelao falou de Galeguismo e Universalismo e Paz Andrade sobre os beneficios políticos de dotar a Galiza dun autogoberno.
Días máis tarde, o 25 de xuño, proclamouse en Ourense a I República Galega e o 27 foi nomeado Presidente Alonso Ríos, mais velaí quedou o efémero estado. No mes de decembro fundouse en Pontevedra o Partido Galeguista na súa VII Asemblea Nacionalista da cidade.
Este ano cómprese o 90 aniversario destes feitos, fundamentais para entender a nosa historia e unha das razóns polas que nos dotamos dun Estatuto de Autonomía, mais cómpre unha reforma da Carta que a actualice ás necesidades actuais da nosa terra.