Publicado no Diario de Pontevedra o 10 de marzo do 2018.
Divina Pesqueira López cumpriu recentemente 86 anos nas súas Pedreiras natal. Barrio humilde de mariñeiros e peixeiras, denominada durante moito tempo como a Rusia Pequena por ser un bastión das esquerdas. Os golpes da vida fixo que quedara orfa cedo, o seu pai faleceu no naufraxio do Jaime Vera en 1948. Foi outro engadinte nunha vida dura que desde cativa a puxo a traballar na Lonxa, na conserva e despois de chaboleira. Casou e tivo 4 fillos. Mais Divina nunca foi muller que aturase a inxustiza, se cadra foi o motivo pola que exerceu como Alcaldesa de Barrio nas Pedreiras, un posto ocupado tradicionalmente para os homes. O seu traballo polo ben veciñal espállase á mellora dos camiños, do lavadoiro, da igrexa de Cantodarea, mais sobre todo en axudar aos seus conveciños/as en darlle solucións aos seus problemas cotiás e persoais. Ocupou algún cargo no asociacionismo veciñal en Cantodarea. Todo ese traballo social fixo que o BNG a levase nas súas listas en varias ocasións para as eleccións municipais. Era frecuente vela nos mitins, nas manifestacións e en todo onde se loitase pola xustiza e a igualdade. Até hai ben pouco aínda podíamos escoitar as súas queixas na radio e sempre pensando no ben do colectivo. Divina é dignidade pura, das imprescindíbeis.
DATO: Falecida no mes de xullo do 2021.