Eugenio Cadilla Solla

©

Publicado o 16 de marzo do 2020 no Diario de Pontevedra.

Eugenio Cadilla Solla naceu en Serraseca en 1903. Mariñeiro de profesión, amábel, bondadoso e humilde, foi unha persoa concienciada na defensa da igualdade e da xustiza social. A súa implicación política fixo que fora detido en Pasaia (Euskadi) en 1934, tras os sucesos revolucionarios de outubro.

A súa vida foi un misterio pero grazas ás moitas conversas que Paulino Luaces mantivo no bodegón de Farruco con Eugenio, e que conservou na súa memoria, puidemos recuperar a súa historia.

Estaba en Bilbo cando estoupa a guerra civil, traballaba nunha parella de arrastre, debido a súa militancia na UGT formou parte das súas milicias. Tras a caída de Euskadi pasa á fronte de Aragón onde combate coa CNT en Teruel, Ebro e Madrid. Aquí foi detido e pasou varios anos en campos de traballo. Tras ser liberado regresou a Marín, mais cando chegou a casa a súa familia non o coñeceu. Durante moitos anos foi vixiado pola policía e pola garda civil.

Afirmaba que era un gran de millo por todo o que pasou, dicía que “cando se recollía o millo, debullábase, levábase ao muíño, moíase, peneirábase, amasábase para facer pan, metíase no forno  e cando despois ías comelo e se atopaba un gran enteiro, e ese gran era el”. Faleceu en Marín en 1988.

About the Author

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

You may also like these