Publicado polo Diario de Pontevedra o 27 de xullo do 2019.
Nos pasados días falecía Fernando de la Rúa, Presidente da Arxentina entre 1999 e 2001, e persoa vencellada a Bueu. Mais tamén existe unha cativa conexión con Marín, en concreto coa familia catalá dos Vieta. Este apelido chegou desde Blanes (Girona) ao noso concello a finais do século XVIII.
En 1806 atopamos a Isidro Vieta na rúa do Caracol. Ao igual que as outras familias catalás asentadas en Marín, como os Massó, Rocafort, Paratge, Burcet, Lloret, etc, estiveron implicados na importante industria de salgadura que desenvolveu o seu tecido ao longo da costa da Galiza durante o século XIX.
Un descendente desta familia, Agustín Vieta, era o dono en 1837 dunha industria chamada “SS Vieta e Fillos” e posuía unha fábrica de salgadura en Cantodarea en 1876.
Entre outras descendentes desta familia catalano-marinensa estaban as irmás Benita e Isabel Vieta Baldrich. A primeira casou co importante industrial do Morrazo Simón Agulla Solabarrieta, bueués pertencente á vella fidalguía galega, instalado en Marín na primeira metade do século XIX como fomentador da industria da salgadura.
Este matrimonio tivo por fillas, entre outr@s, a Amelia que casou cun Garzón e Julia Lucía que enlazou cun “de la Rúa”, tamén pertencente á fidalguía das Rías Baixas. Eran estes últimos os bisavós do finado Ex-Presidente arxentino.