Publicado no Diario de Pontevedra o 24 de agosto do 2019.
Pese a nacer na Pobra do Caramiñal en 1873, José Hervés Hermo foi un das personaxes máis interesantes da historia local de Marín do século XX. Sendo carpinteiro de profesión, chegou ao noso concello sobre 1914 por mor do seu traballo como cadro sindical da UGT.
Como Presidente da Alianza Mariñeira e da Federación Obreira de Marín liderou a contundente folga de 1915. Acusado, xunto con outros, da colocación de dúas bombas nas casas de Antonio Pazos (Ex-Presidente da Deputación de Pontevedra) e Ramón Martínez (Presidente dunha amarela Sociedade de Maquinistas e Fogueiros) acabaría en prisión, sendo liberado meses despois sen cargo algún.
Foi Director do xornal marinense “Avante”, voceiro da Federación Rexional de Obreiros da Industria Pesqueira de Galiza (UGT), ocupando diversos cargos dentro desa Federación así como tamén no Partido Socialista local, do que acabaría sendo o seu Presidente en 1922.
Cando menos polos anarquistas de Marín, foi coñecido co alcume de “Lapadoira”. Cos libertarios mantivo continuas leas de índole sindical e política, dentro da guerra por manter a hexemonía sindical no estamento da clase operaria no concello.
Persoa de grandes conviccións socialistas, continuou a súa loita pola mellora social até o seu pasamento en 1934 en Marín, sendo soterrado no cemiterio da Raña. Todos os Hervés de Marín descenden de el.