Publicado no Diario de Pontevedra o 16 de febreiro do 2019.
Emiliano Rosales Barca naceu en Marín en 1887, coñecido na vila a comezos do século XX polo seu activismo social, exerceu de taberneiro na rúa Real, fronte ao vello teatro. Participou da vida lúdico-deportiva gañando a regata de bucetas na festa do Carme en 1912, dinamizador do carnaval marinense no que colaborou en comparsas como “Os Carteristas” en 1913. Máis Emiliano era unha persoa con fortes ideais que o levou pertencer ao Comité de Folga formado pola Federación Obreira de Marín en 1915. Xunto co seu cuñado Antonio Davila Corujeira “O Augardenteiro” contribuíu no conflito en accións de presión contra a patronal mariñeira. Anos despois emigra a Bueu, onde mantivo a súa participación activa no entroido bueués, falecendo en Beluso en 1951.
O seu fillo, Emiliano Rosales Davila, naceu en Marín en 1906 e moi novo emigrou a Euskadi. Ao igual que o pai, integrouse no movemento obreiro chegando á Secretaría do sindicato pasaitarra de La Unión e militando, presumibelmente, no Partido Comunista de Euskadi. Co estoupido da guerra civil loita no bando democrático e legal da II República Española, en batallóns da CNT e da UGT co grao de Capitán de Infantaría, sendo o marinense de maior gradación do exército republicano. Faleceu na fronte de batalla no monte Artxanda (Bilbo) en 1937.