Entre os alcumes apañados por Molas atopamos “Xiroma”, que se cadra fai mención a unha señora coñecida máis tarde polo que aconteceu a raíz do seu pasamento.
Sempre que regresaba de navegar, Juan Rodríguez “O Pombo”, gardaba os seus remos na casa dunha muller moi pobre chamada Gerónima Díaz, coñecida como “A Xeroma”, derivación galega do seu nome. Mais o 31 de abril de 1904 ao volver da faena, Juan atopou o corpo sen vida da dona. Tiña ela ao redor de setenta anos, solteira e presumibelmente sen fillos.
Como era coñecida por carecer de recursos económicos, as autoridades municipais decidiron facerse cargo do cadaleito, traslado e soterramento no cemiterio da Raña. Cando foron coller os seus restos mortais para tal fin, atoparon na casa 3 baúis cheos de roupa (branca na súa meirande parte e sen estrear), varios xogos de sabas e un feixe de panos de mesa. Catorce moedas de ouro (de 5 duros cada unha), media onza de ouro e varios pesos en prata, sendo todo requisado polo Xulgado Municipal. Todo o pobo de Marín ficou abraiado, pois afirmaban que “a pobre non tiña onde caerse morta”.
Que pasou pola cabeza da Xeroma? Tolemia?, rebeldía contra o materialismo?, algún suceso no seu pasado que a alterou a súa conduta?. Quen sabe.