A historia de Marín precisa sacar á luz o pasado esquecido das clases populares, das mulleres, etc, así como realizar unha análise crítica e profunda da que coñecemos actualmente.
Con fama de filántropo, empresario e emprendedor na Arxentina e na Galiza, detrás da figura de Narciso Nores Salgado agochábase un integrismo ideolóxico que vai sentar as bases da sociedade marinense do século XX e mesmo de comezos deste século.
A construción do colexio da Inmaculada ou do San Narciso non tiña como obxectivo apuntalar un ensino pedagóxico e progresista na localidade senón todo o contrario. Narciso foi Presidente do Padroado Católico de Marín, Presidente Honorífico da Xuventude Católica e un dos maiores portadores económicos á causa sublevada e fascista durante a Guerra Civil Española.
De ideoloxía ultraconservadora e reaccionaria, el mesmo deixa entrever o seu pensamento. En 1920 afirmaba que o ensino tiña un fin secundario, pese a súa importancia, sinalando que as súas miras ían máis lonxe. O obxectivo era crear un modelo ideolóxico contra o “proselitismo socialista, a indeferenza e en xeral a impiedade (…) e volver aos costumes cristiáns e á práctica da relixión.
Contrasta con outros marinenses, que despois de emigrar ás Américas viñan concienciados en darlle unha formación á veciñanza creando escolas polo territorio.