Etnomedicina

Publicado no Diario de Pontevedra o 5 de maio do 2018.

Marín non fica de lado no referente á medicina popular galega, nas últimas décadas perdemos pola profesionalización, progreso das tecnoloxías e avances medicinais unha gran tradición secular que se foi herdando de xeración en xeración. Os últimos vestixios aínda se conservan nos alcumes dalgunhas familias de Marín. Hóuboos de fama como o curandeiro señor Pardavila coñecido en toda a provincia de Pontevedra e falecido en 1909, do mesmo período son os compoñedores de ósos Francisco do Pazo “O Correxidor” (veciño que foi de Pardavila e cuxo alcume sobrevive aínda en Seixo) e Manuel Caeiro Curra “Medera” da Banda do Río.

Tamén houbo cirurxiás, o caso da veciña de San Xián Adelina Iglesias “A Xurxana” con máis coñecementos nas curas, uso de cataplasmas e herbas. Do mesmo período foron a veciña de Loira Amalia Carballo Iglesias “A Corxedora”, a veciña de Mogor Marciana Martínez Pesqueira e a da Laxe Isolina Portabales Acuña “A Meca”, así como a corrixidora da Costa Manuela Pérez Hermida “A Araúxa”. Dos últimos tempos son os compoñedores Antonio Souto Fernández “Lusquiños”, veciño da Laxe, Pilar “A Araúxa”, Manuela “A Meca”, etc.

É unha pequena mostra da riqueza que houbo en Marín na medicina tradicional, mais foi unha mágoa que non se fixera un estudo polo miúdo sobre o traballo destes etnomédicos/as locais.

About the Author

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

You may also like these