Publicado no xornal “A Nova Peneira”, o 17 de setembro do 2021.
Tras a constitución da sociedade de canteiros en 1896, outros gremios decidiron formar entes de resistencia. En febreiro de 1897 os carpinteiros formaron a súa, declarándose en folga a finais de outubro cando a patronal intentou baixar os salarios durante os días de inverno. Entre os primeiros dirixentes podemos citar a José R. Couso Pérez “O Chisco”, José Rodríguez Peleteiro, José Mª Torres Ruibal ou Juan Peleteiro, sendo o seu primeiro Presidente Santiago Moreira Veiga.
A documentación sobre o movemento obreiro marinense anterior a 1896 é escasa, mais a loita ven de anos antes. Sábese que en decembro de 1882 os carpinteiros de Marín recibiron a unha representación dos seus compañeiros da Sección de Pontevedra coa intención de realizar un acto de propaganda de carácter obreiro.
Ao comezar o século XX os Carpinteiros de Marín conformaban unha agrupación aproximada de 40 membros, e en 1900 constituíu a Federación Obreira Local xunto con outras sociedades de resistencia. Mais en xaneiro de 1903, a sociedade racha coa Federación por causa aínda hoxe descoñecida, trasladando a súa sede á Mouta. Esta situación dura pouco tempo, restablecéndose de seguido a colaboración e axuda coas outras sociedades locais, como aconteceu nun conflito dos canteiros en 1906. En agosto de 1908 deu un xiro importante na súa situación interna, madurando na conciencia de clases ao ingresar na UGT, o que levou un medre de afiliación dado que en 1909 chegaban a 70 afiliados e en 1910 acadaban os 90 militantes. As reclamacións de suba de salario van ser unha constante no seu traballo sindical, mais a preocupación polo paro obreiro levoulles a reclamar obras públicas ao Goberno do Estado, como así consta na demanda realizada no X Congreso da UGT. En 1914, Jacinto Juncal represéntaa no V Congreso da Federación Nacional de Obreiros de Madeira (UGT), ano en que os carpinteiros de ribeira fundan a Sociedade de Construción Naval de Marín.
En 1918 conseguen un triunfo histórico, tras dous meses de folga por mor dun peche patronal, todas as reclamacións foron satisfeitas, no que participou activamente o carpinteiro Modesto Martínez Villafíns “Chupaseites”. En 1921 presidía o sindicato Leopoldo Baamonde Loira e no conflito pola titularidade pública da Lonxa a Sociedade foi representada por Andrés Pérez Pumar. En 1923 estaba dirixida polo histórico sindicalista marinense Manuel Solla Loira, que ocupou a Presidencia da Federación Obreira en varias ocasións. Un ano despois estoupou un conflito interno, e a sociedade foi expulsada da Federación polas malas relacións que mantiña coas sociedades afiliadas á UGT. En 1928 foi nomeado Presidente José Couso Pesqueira “Miñoca”, que reingresa de novo á sociedade na UGT, sendo elixido Presidente da Federación Obreira en 1929 e en 1930. Coa proclamación da II República Española, José foi nomeado 3º Tenente de Alcalde de Marín, cargo que ocuparía até 1934. Durante ese período histórico a sociedade contaba unicamente con 38 membros.
Durante o Golpe de Estado do 18 de xullo de 1936, era Presidente da Sociedade de Canteiros Julián Santiago Acuña “O Birbiricho”, polo que sería detido pasando unha tempada na prisión da Illa de San Simón. Nese intre a bandeira da sociedade estaba en poder da afiliada da conserveira Dolores Laíns Pereira, que a tiña agochada para cosela, se cadra o mesmo estandarte que fixo para a sociedade en 1904 Ernestina Lloret Massó, razón pola que foi detida pola Garda Civil.
Entre os seus dirixentes represaliados atopamos a Narciso Rodríguez Pereira e Andrés Santos Rodríguez “Rachón”, que pasaron varios anos en prisión por sentenzas de Consello de Guerra.
Bibliografía Consultada:
- Traballo de Investigación de José Antonio Pazos Pazos.
- Proxecto de Investigación “Marín: Memorias de Sal e Terra”, Xosé Manuel Moreira Docampo e Celso Xavier Milleiro Sánchez.