Publicado no Diario de Pontevedra e en Pontevedraviva.com o 18 de setembro do 2021.
A chegada da bicicleta a Marín, fíxoa como unha ferramenta de transporte utilizada pola xente moza a finais do século XIX. Tamén non tan nova, en 1895, Echegaray foi agasallado cunha para realizar as súas viaxes a Pontevedra. O uso cada vez máis frecuente desembocou en deporte, en afección e co tempo en competicións.
Gabriel Pérez Iglesias gañou a Carreira Ciclista Internacional de Xibraltar en 1912. En 1915 os ciclistas vigueses demandaron ás sociedades de Marín unha homenaxe na súa honra, así como levar os seus trofeos para ser expostos nas sociedades recreativas da vila.
Visualízase nos anos 20 do século XX a presencia de máis veciños da localidade participando en carreiras ciclistas. Xorden rapaces que compiten nestes eventos deportivos como Domingo José Canto, Andrés Cuesta Sampere, Senén Fernández Fernández “Chapí”, Alfredo Filgueira Crespo “Pescadilla”…
De entre todos eles sobresae a figura de Manuel Rosales Rosales, nado en Pardavila en 1906, gañador entre outros eventos deportivos da Volta ao Morrazo en 1928 e tres veces campión galego de ciclismo. Formado como Ebanista na Escola de Arte e Oficios de Pontevedra, foi unha persoa que entre outras cousas, apoiou a chegada da muller ao deporte, nun mundo hostil a súa presencia.