Briones e “Huertas”, Irmáns!!!

Publicado na revista de “San Miguel, Patrón dos Mariñeiros” o 29 de setembro do 2021

BRIONES E HUERTAS, IRMÁNS!!!

Miguel Briones Barca

Permítaseme emular para este artigo o título que a editorial A Nosa Terra realizou en 1980 en homenaxe a Castelao e Bóveda, porque cómpre entender que Miguel Briones Barca e Manuel Rodríguez Bernadal “Huertas” eran moito máis que amigos. Ambos tiveron unha relación moi fonda coa Festa de San Miguel, mais fixérono como Mordomos en dúas etapas diferentes.

Non é a miña intención mergullarme no aspecto relixioso dos dous, para min un chisco intranscendente, aínda que fora a orixe das súa participación como Mordomos da Festa. As súas actividades atópanse documentada nas hemerotecas que recolleron información dabondo e que nos permiten analizar a través das súas vidas, en certo modo, a situación e a conxuntura da Danza de Espadas de Marín.

Miguel naceu na vila o 1 de maio de 1898, descendía dos Massó por liña materna e era fillo dun carabineiro que chegou á gradación de Sarxento de Mar. Manuel chegou ao mundo o 26 de decembro dese mesmo ano, fillo dun funcionario municipal coñecido polo alcume “Huertas” e que influirá para a súa dedicación profesional como administrativo da Mariña Civil.

A familia de Manuel “Huertas” estaba moi involucrada nas organizacións das diferentes celebracións relixiosas da vila, nomeadamente o Carme e San Miguel, antecedentes de importancia para relacionar a súa participación na organización desta última.

Briones, sendo moi novo, decidiu emigrar á Arxentina en 1923, regresando pouco tempo despois para exercer profesionalmente como Mestre Carpinteiro. Será a súa profesión a que lle aproximou ao movemento sindical e loita obreira.

En agosto de 1925 Manuel e Miguel formaron parte da Comisión de Festas do Carme, participando nunha regata de canoas das que resultaron gañadores. Ese mesmo ano deciden facerse cargo da Festa de San Miguel “a quen rende culto especial a clase mariñeira coa súa tradicional Danza de Espadas” (EPG).

Non sabemos nada da organización en 1926 e 1927, mais semella moi probábel que estiveran dirixidas por ambos. Aparece documentada de novo en 1928 cando Manuel e Miguel iniciaron os festexos “con repique de campás e disparos de bombas, para seguirlle uns pasodobres polas rúas de Marín amenizada pola Banda Municipal. Á noite vésperas realizada pola devandita Banda e gaitas do país na actual praza da Constitución. Ao día seguinte misa solemne con gran orquestra, unha vez rematada sae a procesión bailando a tradicional Danza de Espadas diante da imaxe. Á tarde e noite gran paseo e verbena nos xardíns de Primo de Rivera, queimándose varios lumes de luces e fixo”. (EIG).

Son os anos de gran esplendor de Marín, a Lonxa pública subministrou grandes recadacións ás arcas municipais, o que supuxo suculentos investimentos na vila: praza de abastos, palco de música, xardíns, casa consistorial, obras de saneamento, etc. O xornal EPG realizou un especial festa de San Miguel con 5 follas onde amosa as grandes transformacións dos últimos anos. Escriben artigos Manuel e Miguel mais tamén Ramón Miguez, Nicolás Vinteño, Ricardo Torres Quiroga, Raimundo Vidal Pazos….e aparecen varios poemas en galego de Manuel Torres, Ricardo Torres, Urbano Rodríguez Moledo e Alfonso Lois. Con fotos incluídas de Manuel, Miguel e do alcalde Massoni.

O xornal repite e edita en 1929 e 1930 varias follas dedicadas a Marín por mor da festividade. De todos os artigos centraríame nunha parte do escrito realizado en galego por Manuel Torres en 1930: “(…) No día de hoxe lémbrome dun espectáculo que puña anualmente nas nosas rúas a inxenuidade dun xoguete. Espectáculo sinxelo, fino, de gran plasticidade. Xogo para nenos -todo dinamismo-, xogo dunha raza que caeu con alma e corpo nas engurras da Galiza cuberta de orballo. Este espectáculo é a <<Danza de Espadas>>. Eu coido que xa morreu. Sería moi de lamentar. O que nos mandan de fora está desprazado ás derradeiras liñas da nosa estampa racial. E cómpre non perder o salvavidas da nosa personalidade se non queremos mergullarnos no mar revolto das modernidades discutíbeis”. Torres reflexaba unha crise da Danza na instauración da II República Española (1931-1936).

Pese ao esplendor que vivía a vila, ao anterior alcalde de Marín, Ezequiel Massoni, abríuselle un expediente por malgasto e malversación dos caudais municipais, entre os que se sinalaban unha “subvención” dada a Manuel R. Bernadal para as festas de San Miguel de 1929, que ben puidera ser o motivo polo que este decidira non continuar coa organización do evento.

Non sabemos quen artellou o San Miguel de 1931, mais o FdV relataba: “contribuíu a dar realce á festa a tradicional danza de espadas que este ano foi entusiasticamente interpretado por un grupo de mozos mariñeiros”.  

O que semellaba un cambio xeracional non deu os seus froitos dado que o mesmo xornal en 1932 sinalaba o que Torres denunciara publicamente dous anos antes, de tal xeito recollíase nas súas páxinas: “(…) No ano actual para non desentoar dese ambiente de decadencia e de derrotismo que nos rodea e invade parece que tampouco teremos a xa clásica danza co que, estas festas, terán a penas o valor do insignificante”. Descoñécese o que acontece en 1933, mais en 1934 a Festa foi organizada pola vendedora do FdV Pilar Mallo Carracelas “A Quisquisa” que actuará de Mordoma e a organización da Danza correu a cargo como Mestre-Director de Santiago Area Nantes “Raxó”, sendo todo un éxito segundo a prensa.

Durante o período republicano tanto Miguel como Manuel, desvencellados da Festa, van participar no momento político e social. “Huertas” foi elixido Vice-Secretario da Organización Republicana Galega Autónoma (ORGA)  de Marín en 1931, mais velaí quedou a súa escasa presencia política.

Manuel Rodríguez Bernadal “Huertas”

O caso de Briones vai ser moi diferente e tomará outro guieiro. En 1934 foi apreixado polos acontecementos da revolución de outubro, pois era membro do Comité de Folga no Morrazo. Con el foron detidos outros importantes dirixentes obreiros socialistas como o ex-Alcalde Antonio Blanco Solla (fusilado en 1936), o Presidente da Federación Obreira Francisco López “O Cautivo”, Ramón Magariños, Ángel Folgar, José Gómez “Lamparilla”, Cristóbal Peñín “O Cacharreiro” (fusilado en 1937) ou Jesús Canda. En 1936 exercía o cargo de Secretario da Federación Obreira de Marín, foi Interventor da Fronte Popular nas eleccións xerais do 16 de febreiro de 1936, participando de maneira moi activa na manifestación do 1º de maio.

No aspecto cultural ambos tiveron implicacións de certa relevancia, Manuel foi elixido Representante da Sociedade de Autores en Marín en 1933 e Miguel Vogal da filosocialista Sociedade Cultural Recreativa de Marín en 1935.

Co Golpe de Estado e estoupido da Guerra Civil, Briones foi detido polas autoridades fascistas, atopándose o 19 de agosto de 1936 na Prisión Provincial. Segundo fontes orais pasou ao cárcere da Illa de San Simón (Redondela) onde estivo preso perto dun ano e medio sendo trasladado despois a un Batallón de Traballadores en Burgos. O 6 de agosto de 1938 ingresa no Batallón de Traballadores nº 142 en Caspe (Zaragoza), sendo liberado o 27 de maio de 1939.

Manuel en cambio estivo desapercibido nese período negro da nosa historia. Non se detectan connotacións co novo réxime pese, se cadra, a unha presumíbel ideoloxía próxima aos sublevados dado que como funcionario non foi sancionado e perseguido. Durante a Guerra Civil non participou da Garda Cívica Local nin tampouco se documenta afiliación á Falanxe Española. Pese a esta circunstancia colaborou politicamente co réxime ditatorial tras ser nomeado en 1954 Delegado do Auxilio Social de Marín (FET-JONS), a proposta do Xefe Provincial do Movemento.

Tras o remate da contenda cívico-militar, abriuse de novo unha crise na Danza pois deixara de participar en 1941. Co pasamento da Mordoma de San Miguel, Pilar Mallo en 1943, a Festa séguese celebrando sen que a Danza saíse á rúa.

En 1950 prodúcese un impulso ao coller de novo Briones e “Huertas” o temón da súa organización. Xunto con Félix Massó Taboada e Gerardo Touza conformaron a Comisión Organizadora dese ano, realizando xestións para que actuara “a típica Danza de Espadas”. Ese ano conseguen que rexurda a Danza, desta volta actúa como Mestre-Director da Danza Diego Lubián Currás “Temes”, veciño de Estribela, Ferrañeiro da Danza de Espadas de Cantodarea (1932-1934) e membro da Danza de Espadas de Marín con “Raxó”. A incorporación de “Temes” debeuse ás xestións realizadas por Manuel Rodríguez Bernadal, pois como funcionario da Axudantía de Mariña axudoulle a solucionar os problemas que tiña Diego para traballar na mar. Corenta mozos de Marín, Cantodarea e Estribela participaron ese ano na Danza co acompañamento dos “Marañóns” ao son da gaita.

Son os anos en que a Comisión de Festas de San Miguel, moi ao estilo da política “social” do estado ditatorial franquista en que se vivía, botaba andar os Xantares aos Pobres de Marín, celebrándose en 1950 ou 1951 no Verxel e en 1953 no bar O Carballinés.

1950-1951 Xantar de Pobres no San Miguel. O Verxel.
1. Canucha Ros, 2. Miguel Briones, 3. Carmen Rodríguez Cerqueiro, 4. Manuel Rodríguez Bernadal, 5. Gerardo Touza e 6. Miguel Rodríguez Cerqueiro.

Por aquel entón (non se ten constancia do ano), Diego protagonizara un incidente co cura de Marín cando este cambiou o pendón vermello, que se estaba usando nos últimos tempos, polo verde. “Temes” reaccionou rachando a pandeireta contra a porta da igrexa por non darlle con ela ao cura, negándose a bailar a Danza. Diego, que aínda dirixía a Danza en 1953, acabou trasladándose a Ondarroa (Euskadi).

A súa marcha xerou outra crise existencial. En 1955 Francisco Landín Pazos “Charneco”, Director da Banda Municipal de Marín, organizou a Danza co seu Coro “Airiños Mareiros”, producindo un cambio histórico coa entrada de mulleres ao non haber homes para completala. Neste período as informacións son confusas e non se pode acreditar a ciencia certa a participación organizativa de Manuel e Miguel no San Miguel. Neste intre poderíase afirmar a existencia dun desarraigo da Danza co mundo mariñeiro.

En 1961 recórrese á falanxista Sección Feminina pola súa participación anos atrás no Concurso de Coros de Vigo. José Torres Martínez, que anhelaba a Danza de antano, escribía no xornal EPG en 1962 sobre a Festa de San Miguel: “Lamentabelmente asistimos hoxe á decadencia de todas as nosas tradicións, adoptando unha imperdurábel actitude de indiferenza e desdén”.

Tanto Miguel como Manuel seguiron participando da vida cultural de Marín, entre outras cousas como membros dos Xurados dos Concursos dos Maios organizados pola A.C.A. Ateneo Santa Cecilia. Non se desligan do aspecto relixioso, dado que “Huertas” aínda levaría o pendón de San Miguel en 1969 e Miguel formaba parte do Consello Parroquial a finais dos 60 e comezos dos 70.

Manuel Rodríguez Bernadal faleceu en Marín o 19 de novembro de 1971 e Miguel Briones Barca no Busto o 23 de xaneiro de 1983.

Bibliografía e Documentación Consultada:

  1. Traballo de Investigación de Enriqueta Otero-Molas Farto.
  2. Traballo de Investigación de José Antonio Pazos Pazos.
  3. Hemeroteca Galiciana: Faro de Vigo (FdeV), Pueblo Gallego (EPG) e Ideal Gallego (EIG).
  4. Proxecto de Investigación: “Marín: Memorias de Sal e Terra”. Xosé Manuel Moreira Docampo e Celso Xavier Milleiro Sánchez.

About the Author

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

You may also like these