Procurando as pegadas do galeguismo en Marín

Publicado no xornal “Nós Diario” o 9 de outubro do 2021.

Polos datos que se coñecen até o momento, a Agrupación Artística de Pontevedra interpretou por primeira vez o himno galego nesta localidade do Morrazo o 6 de marzo de 1920. Anos máis tarde, en xuño de 1930 e imitando ao acontecido o día anterior en Pontevedra, un grupo de mozos solicitou a colocación da bandeira galega no balcón do Concello de Marín. Os nosos sinais de identidade nacional atopaban paseniñamente oco social.

En canto a relación da configuración política, en outubro de 1922 esperábase a realización de conferencias galeguistas por parte de Vicente Risco, Antón Losada e outros nacionalistas.  A auto-organización e propaganda galeguista veuse interrompida coa ditadura de Primo de Rivera e reactivada coa proclamación da II República Española.

Pese a ter o Partido Galeguista fortes agrupacións nos concellos dos arredores como Bueu ou Pontevedra, non se conseguiu formar unha organización estábel en Marín, contando só entre as súas fileiras con Francisco Xavier Gastañaduy Ozores, co-fundador do Partido en decembro de 1931, e o mestre e artista Manuel Torres Martínez.

Francisco Xavier Gastañaduy Ozores
© Familia Gastañaduy

Por outra parte, a presenza de Castelao atopámola documentada nos diferentes actos políticos que desenvolveu durante o período republicano. O 14 de xuño de 1931, o galeguismo organizou unha importante campaña no Morrazo co obxectivo de afianzarse na comarca. Entre os mitins que se realizaron, dous foron no termo municipal e en ambos contaron coa participación de Castelao. O primeiro foi no Teatro Quiroga e con el estiveron Xosé Núñez Búa, Alexandre Bóveda e Valentín Paz Andrade.

Máis tarde, o grupo nacionalista trasladouse en caravana automobilística ao lugar de Seixo, intervindo noutro acto no que Castelao arengou de novo xunto con Isidoro Andrade Cimadevila e Antón Igrexas Vilarelle. A temática de exposición realizada por Daniel tivo a ver coa posición do nacionalismo galego fronte aos problemas da cultura e o universalismo.

Bóveda, que cun feixe de documentos analizou as posibilidades económicas da Galiza e as vantaxes que nos reportaría a Autonomía, causou coas súas cifras verdadeira sensación no público. Núñez Búa lembraría o acontecido ese día, nun artigo de 1945 no xornal “El Orensano” dedicado a Bóveda:

(…). O primeiro foi en Marín. Todos sabiamos a capacidade de Alexandro, pero non contabamos que el, tan calmo no falar, servise para pronunciar acesas arengas mitinescas. Como era un orador que se estreaba foi o teloneiro. Deixounos pasmados. Falou con entusiasmo, elocuente, conciso, persuasivo. Nin unha dúbida, nin unha verba fora de lugar. Como si en vez de números, se dedicara de toda a súa vida a pronunciar discursos. Aquel día consagrouse como un mestre da oratoria e falou diante de dez auditorios diferentes”.

Cruceiro de Estribela

Bóveda deixaría verse de novo o 18 de febreiro de 1933 nun acto galeguista que tivo por nome “Resposta aos Reparos económicos e fiscais que se opoñen ao Estatuto”. O Xefe de Contabilidade da Delegación de Facenda de Pontevedra cargaría contra os detractores do Estatuto con argumentos incuestionábeis cuxo interese suscitado obrigou a realizar outro en Pontevedra.

Nas eleccións xerais de 1933, o Partido Galeguista ingresou na Coalición de Esquerda Republicana, formada na Galiza xunto co Partido Republicano Galego, Acción Republicana e sectores Agraristas. Ás seis da tarde do 10 de novembro Castelao acode de novo ao Salón Quiroga nun mitin no que participaron tamén o ex-alcalde de Marín Gonzalo Martín March e Laureano Gómez Paratcha.

O partido dirixido por Bóveda decidiu participar coa Fronte Popular nas eleccións xerais convocadas para o 16 de febreiro de 1936, na que desenvolveu por toda Galiza unha importante campaña. No local de Benito García Freire “Benito Esteves” de Pardavila, Castelao participou o 10 de febreiro nun mitin xunto con outros dirixentes republicanos, socialistas e comunistas. O día 12 ás seis da tarde interveu noutro acto no Salón Pensilvania de Seixo e á mesma hora o día 13 no Cine de Estribela (Lourizán). O venres 14 remataría a campaña electoral en Marín, volvendo de novo ao Salón Quiroga, no mesmo lugar onde en 1931 Bóveda se estreou dando arengas.

Mais Castelao estivo en numerosas ocasións en Marín, aínda que as súas estancias están dificilmente datadas. No libro “Cruces de Pedra na Galiza” recolle varios cruces e cruceiros na zona de Cantodarea, Estribela, Lourizán, As Sete Espadas, Mogor, O Campo e Piñeiro. Mais semella que as súas aparicións deberon de ser máis forte pola zona de Mogor e Seixo. Entre os seus lenzos atopamos varios realizados en Mogor nos anos vinte, como a Capela das Sete Espadas, así como dous retratos da ría de Pontevedra, nun dos cales aparece o cemiterio parroquial e noutro a illa de Tambo. Outra obra, que Castelao chamou “Furna”, sospéitase que ben podería tratarse do lugar do Buraco da Londra ou Coba de Rabuñagatos, tamén na mesma parroquia de Mogor.

Bibliografía: Proxecto “Marín: Memorias de Sal e Terra”, Xosé Manuel Moreira Docampo e Celso Xavier Milleiro Sánchez.

About the Author

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

You may also like these