Introdución ao Movemento Societario Mariñeiro na vila de Redondela (1901-1936). Mariñeiros Redondeláns.

1) INTRODUCIÓN

Inicio da acta de elección da Xunta Reitora do Gremio de Mareantes de Redondela o 16 de xaneiro de 1678.
© Celso Milleiro

Segundo nos relata Dioniso Pereira no seu traballo “Loita de Clases e Represión Franquista no mar (1864-1939)”: “As compañías, como agrupamentos organizados de individuos para o quefacer colectivo das faenas pesqueiras, se cadra estiveron na orixe dos gremios de mareantes que inzaron a nosa beiramar entre os séculos XIII e XIX, baixo diversas advocacións do santoral católico: Pontevedra, coa súa potente Confraría do Corpo Santo que chegou a xuntar máis de 2.000 mariñeiros da vila do Teucro e localidades veciñas, Baiona, Muros, Betanzos, A Coruña, Noia, Porto do Son, Redondela, Cangas…, albergaron aquelas organizacións relixioso-laborais que ordenaron a pesca marítima, mesturando xerarquía e monopolio a carón do espírito comunitario e o carácter benéfico-asistencial. O gremio, como marco profesional forte e cohesionado que foi, vai permitir a autoxestión dos recursos por parte dos mariñeiros e vai posibilitar, despois da conformación de compañías no seu seo, o emprego de grandes artes do cerco (chamadas cercos reais) no interior das rías para fornecer de sardiña as nacentes urbes medievais”.

Redondela contou durante algúns séculos cun Gremio de Mareantes moi importante, mais ao agromar o século XIX os importantes cambios que se producen en xeral na sociedade e na economía vai facer que esmoreza paseniñamente até que se prohibe en 1864. Nese ano a actividade do Gremio de Mareantes de Redondela xa era insignificante por non dicir nula. Atrás quedaba unha longa historia dun ente que elixía cada 1 de xaneiro a súa dirección no Cabo dos Fumeiros, que axudou a manter un hospital de pobres ou os conflitos que mantivo con outras vilas da ría polo uso das artes pesqueira coma as acontecidas no século XVI, entre outras máis circunstancias.

O Cabo dos Fumeiros (Santa Mariña – Redondela)

Coincidindo coa desaparición do Gremio de Mareantes produciuse unha curiosa emigración de mariñeiros redondeláns cara Montevideo para traballar na pesca. “Curiosa” porque moitos destes traballadores do mar non contaban, supostamente, con recursos para poder emigrar ás Américas. Grazas a un artigo de El Pueblo Gallego do 21 de novembro de 1939, coñecemos a historia da familia Lamas Milijosa, que gostaría comentar. Manuel Lamas Paz “Pelos Roxos” naceu na vila de Redondela en 1800, era fillo de Juan Lamas Queimaliños e de Mª Socorro Paz Pérez, casando en primeiras nupcias cunha muller de apelido Milijosa e en 2ª en 1893 con María Queimaliños Mosquera. Só coa primeira tivo fillos: Manuel, Manuela, Filomena e Eufrasia Lamas Milijosa. A mediados do século XIX Manuel Lamas Milijosa, mariñeiro ao igual que o seu pai, emigra a Montevideo para dedicarse á pesca, segundo a prensa foi acumulando un capital, chamando as súas irmás tempo despois a que foran con el. Sen saber ler e escribir chegou ter unha frotiña de vapores pesqueiros, dono de guindastres portuarios, de buques-alxibes, consignatario e armador. Tamén se dedicou ao comercio, deixando as súas irmás varios comercios e numerosos predios ao morrer. O pai deles morreu na rúa da Prata (Redondela) en 1895 con 95 anos, e os seus fillos non tiveron descedencia polo que ao morrer a última, Manuela Lamas Milijosa, desatouse en Redondela un rebumbio pois esta deixou no seu testamento como herdeiros universais aos seus curmáns e fillos.

Pese a esta anécdota, os que emigraron á República Oriental e se dedicaron ás faenas pesqueira non o tiveron tan doado, algúns deles morrerían alá nos naufraxios pesqueiros que se producían a cotío, como aconteceu en setembro de 1904 co afogamento de seis mariñeiros da vila en augas de Montevideo.

A emigración vaise dando na segunda metade do século XIX a Montevideo (Uruguai), Río de Janeiro (Brasil) ou a Buenos Aires (Arxentina), mais Redondela aínda posuía unha frota artesanal que usaba o xeito e a xávega como modos de pesca e que vai mobilizarse contra novas artes de pesca. Desde finais do XIX desenvólvese unha guerra constante contra estas embarcacións que empezan a introducir novas artes de pesca nos portos de Bouzas e Vigo. Xunto cos mariñeiros de Baiona, das rías de Pontevedra e Arousa e do Porto do Son van protagonizar manifestacións por toda a costa do sur da Galiza.

1918-1920 Vilavella de Redondela.
Herminia Sestelo González, Amado Ricón Villar e Baldomero Testa Toucedo.
© Antonio Ricón Rodríguez

En 1881 concentráronse na Comandancia de Vigo 250 patróns e mariñeiros-pescadores das vilas de Vigo, Teis, Chapela, Redondela, Coruxo, Bouzas, Panxón e Baiona co propósito expoñerlle ao Comandante, de xeito razoado, os prexuízos ocasionados á Industria e á Pesca os aparellos chamados “Boliches ou Trabuquetes”, así como coa dinamita que empregaban os mariñeiros da parte norte da ría.

En setembro de 1889 os mariñeiros de Vigo daban a alarma coa chegada da arte de pesca chamada “Parella”, alegando como esquilmaron os caladoiros do cantábrico. Os mariñeiros de Redondela adheríronse de xeito solidario ás reivindicacións dos seus compañeiros da vila olívica. Mais isto só era o comezo da rápida transformación da industria pesqueira galega. Oito anos despois, en setembro de 1897 chegaba a arte de pesca da “Traíña”, os de Redondela uníronse aos mariñeiros de Bouzas, Bueu, Moaña e Cangas chegando a uns 800 manifestantes en situación de protesta perante o malecón da Comandancia de Mariña. No mes de decembro desenvolveuse na vila unha manifestación para protestar polo uso na ría da “traíña”.

O 12 de xaneiro de 1898 o Concello de Redondela pronúnciase sobre esta cuestión: “(…) non se trata de procurar o medio máis sinxelo e barato para procurar e cazar máis no menor tempo posíbel, entón debería suprimirse as leis de caza e pesca (…)”.

No mes de setembro de 1901, 200 mariñeiros de Redondela concentráronse en Arcade para recibir ao Ministro de Mariña, ao deputado redondelán Francisco de Federico, a Vincenti e ao Marqués de Riestra, todos ao berro a favor do xeito.

2) SOCIEDADE DE MARIÑEIROS-PESCADORES DE REDONDELA (1901-1923)

Alentados, presumibelmente, por compañeiros do porto de Vigo organizouse a primeira Sociedade de Mariñeiros Pescadores na vila, destacando entre os máis activos nomes como José Núñez, Manuel Miguez, Germán Miguez, Juan Rodríguez, Victoriano Lago, Isidro Rodríguez, José Domínguez, José Bas e José Avial. Nesa primeira Directiva de 1901 foi nomeado Presidente: Rogelio Núñez e Secretario: Ramón Otero Milleiro.

Roxelio Núñez Iglesias, veciño da rúa da Ribeira, estaba casado con Regina Novas Docampo e por aquel entón contaba con aproximadamente 33 anos. Aínda vivía en 1927, cando solicitou a man de Concepción Martínez Serín para o seu fillo Victoriano Núñez Novas, co-propietario do Royalty e en 1931 de “La Buena Ventura” Casa Verdade en Comestíbeis e Bebidas, sita na rúa da Constitución. En xuño de 1928 era o Presidente da Irmandade organizadora da Festividade de San Xoán. Concepción Martínez Serín era filla de José Manuel Martínez Martínez e Mª Asunción Serín Domínguez, este José Manuel foi Presidente da Sociedade de Mariñeiros de Redondela tamén, mais descoñezo en que ano concreto.

Xornal “El Áncora”, 26 de outubro de 1903

O ano de 1903 foi especialmente duro para o movemento asociativo mariñeiro da vila, dado que as funcións da Sociedade de Mariñeiros de Redondela quedaron suspendidas. Tamén se fala da suspensión dunha Sociedade que se ía abrir (se cadra para substituír á primeira) co nome de “Braceiros do Mar, A Luz” na casa do comerciante Manuel Montero Iglesias (falecido en Redondela en xaneiro de 1914).

Alberte Román comenta que “nun primeiro momento, pretendeuse reservar o interior das rías para o xeito e o boliche, quedando o emprego do cerco autorizado fóra das rías. En 1905 autorizouse o libre uso do cerco de xareta por haber desaparecido hai tempo as causas que impuxeron a fixación dos mesmos”.

Pese a manter aínda unha frota artesanal, a Traíña entrou con forza na ría de Vigo e a actividade da Sociedade de Mariñeiros foi progresivamente menos combativa. En 1908 recibiu o seu estandarte para o uso en actos públicos e dous anos despois recadaban cartos para axuda das familias vítimas dun naufraxio organizando nunha velada artítica, literaria e musical na súa sede da rúa da Ribeira. O Centro Mariñeiro foi un lugar onde tamén se organizaban bailes e o entroido, calquer tipo de actividade lúdico-festivas e culturais.

Coa reactivación da Sociedade de Mariñeiros-Pescadores de Marín en 1911, acuden á vila do Morrazo cadros sindicais mariñeiros de tendencia socialista de Vigo e Teis, así como Abelardo Cabaleiro da Sociedade de Mariñeiros de Chapela e Manuel Otero e outro da Sociedade de Mariñeiros de Redondela.

Xornal “Galicia Nueva” do 8 de outubro de 1911

Ao igual que aconteceu noutros portos, a sociedade reactivouse na súa loita formando parte xunto con outros colectivos da campaña contra a prohibición da pesca da ardora, contra o emprego de dinamita e outros procedementos de pesca prohibidos e autorización das tarrafas nas rías.

Co tema da dinamita o gremio de mariñeiros estaba moi dividida, o sentir maioritario era non empregalo mais a necesidade de pescar para moitas familias era imperiosa. Unha historia foi protagonizado por Rogelio Rodriguez González “O das Onzas”, dono dun barco que adoitaba faenar co seu fillo Antonio Rodríguez Casal “Calderilla”. Como non collían muito peixe, o fillo comentoulle ao pai que tiñan que pescar con dinamita. Roxelio negouse, vendeu o barco e marchou emigrado para Arxentina.

En febreiro de 1913 elixía a seguinte directiva: Presidente: Manuel Otero Alén; Vice-Presidente: José Rodríguez Roupeiro; Depositario: Rogelio Núñez Iglesias; Secretario: José Bas Domínguez; Vice-Secretario: José Rodríguez Campos; Interventor: Juan Amil Rodríguez e Vogais: Fermín Núñez Fervenza, Agustín Salgueiro Miguez e Manuel Lago Mures.

En febreiro de 1915 prodúcese o naufraxio do barco “Pionia” falecendo no mesmo: o Patrón Agustín Alfaya e o seu fillo Manuel Alfaya (deixando muller e seis fillos), Víctor Puga Amil (deixando viúva e tres fillo) e Martín Villar Gómez (solteiro, deixando nai e tres irmáns). Tamén naufraga o barco de Bouzas “Ángel Manuel” falecendo o veciño de Redondela Silvio Villar.

En xullo de 1915 participa con outras asociacións mariñeiras do sur da Galiza (Vigo, Bouzas, Teis, Marín, Pontevedra, Cangas, Moaña e Baiona) que representaban a 4028 mariñeiros nunha xuntanza na Federación de Traballadores de Vigo no que dicidiron redactar un proxecto de Estatutos para a Federación Rexional de Obreiros da Industria Pesqueira (FROIP), así como propoñer dos poderes públicos a supresión dos cercos xaretas, nasas, bous e rapetas, aclara o historiador Dionisio Pereira, que afirma que a Sociedade de Mariñeiros de Redondela foi un dos poucos redutos que lle quedou á UGT na Galiza na II República Española.

En 1916 era o Presidente da Sociedade de Mariñeiros de Redondela Manuel Otero Alén, que vai participar nunha comisión municipal polos náufragos do Oquendo. Manuel estaba casado con Carmen Martínez Martínez, por aquel entón contaba con 51 anos e era veciño da rúa de Isidoro Queimaliños. A Directiva elixida ese ano coñecémola grazas ao xornal “La Correspondencia Gallega”:

Presidente: Manuel Otero Alén (relixido); Vice-Presidente: Francisco Rubiñán; Depositario: Fermín Alfaya Borines; Secretario: José Baz Domínguez (relixido); Vice-Secretario: José Rodríguez Campos (relixido); Interventor: Juan Tobío e Vogais: Fermín Núñez (relixido), Joaquín Fernández, José Rodríguez Roupeiro (relixido), Benito Pérez Domínguez, Rogelio Núñez (relixido), José Amil Rodríguez (relixido).

Ese mesmo ano a Sociedade festexa o 1º de Maio, o Día dos Traballadores, coa celebración dun mitin, onde interveñen tamén oradores de Vigo, e despois cunha comida campestre nunha carballeira, perto da estación de ferrocarril, e acompañados da Banda Municipal.

A Sociedade debía ter unha sección en Montevideo (Uruguai), así no xornal “Gaceta de Galicia” do 11 de maio de 1916 dicía: “A Sociedade de Mariñeiros de Redondela, en Montevideo, enviou ao Centro de Mariñeiros daquela vila a cantidade de 400 pesos ouro, que será aplicada a obras no local social”.

Grazas ao xornal “La Integridad” coñecemos a Directiva nomeada no mes de outubro de 1920:

Presidente: Manuel Otero Alén; Vice-Presidente: Juan Fernández; Secretario: Ramón Núñez; Vice-Secretario: Jesús Rodríguez; Interventor: Manuel Iglesias; Tesoureiro: Fermín Alfaya e Vogais: Diego Montero, Benito Pérez, Leonardo Viñas, Fermín Barros e José Rodríguez.

Como se poderá ver as actividades da Sociedade vai quedar reducidas a actividades sociais (entroidos, bailes…) centradas na súa sede, así como na beneficencia organizando festivais como o desenvolvido en 1921 a beneficio do “Aguinaldo do Mariñeiro”.

En 1923 imos coñecer a nova Directiva, sendo nomeados:

Presidente: Juan Pintos; Vice-Presidente: José Míguez; Secretario: Manuel Baz; Vice-Secretario: José Iglesias; Interventor: José Lamas; Depositario: Bienvenido Lago; Contador: Antonio Amoedo e Vogais: Bernardino Amil, Isidoro Otero, José Vázquez e Francisco Portela.

O Patrón de Pesca Domingo Docampo Montero (1890-1930) foi o primeiro mariñeiro que tivo un barco a motor en Redondela, chamouse “Fermina”. A familia conta que traballaba de luns a sábado e o domingo repartían o quiñón.

3) A SOCIEDADE DE MARIÑEIROS NA DITADURA DE PRIMO DE RIVERA (1923-1930)

Anos 60. As últimas presenzas dos mariñeiros na vila de Redondela
© Antonio Ricón Rodríguez

Durante a I Guerra Mundial en moitos portos galegos os armadores venden a prezo de ouro barcos a Francia, isto sumado a crise posterior polo remate da Guerra vai xerar unha fuxida de mariñeiros primeiro aos EEUU onde moitos van traballar no sector servizos e despois a Pasaia á industria do bacallao. Se temos en conta casos como o do porto de Marín, moitos dos que marcharon aos EEUU fíxerono mediante deserción dos barcos mercantes españois que arribaban nos portos estadounidenses. Cando a crise de 1929 unha meirande parte deles non regraron a Galiza senón que foron cara Trintxerpe (Euskadi) onde atopamos un número importante de mariñeiros redondeláns.

O xornal El Pueblo Gallego do 2 de febreiro de 1927 cita aos seguintes redondeláns, “fillos dos mariñeiros de Redondela”, residentes en NorteAmérica nunha subscrición a favor dos pobres do concello: Manuel Alfaya Borines, Ramón Cabaleiro, Valeriano Cabaleiro, Juan Cabaleiro, Francisco Fernández Paz, Manuel Fernández Paz, Isidro Fernández Paz, Julián González Lemos, Manuel Montero Otero, Casimiro Barros Villar, Juan Lago Campo, Gregorio Pintos Araújo, José Vázquez Novas, Generoso Soutullo Sirín, Domingo Miguélez Crespo, Luís Esteiro Campo, Francisco Montero Figueroa, Manuel Barros “Xavela”, Cándido Lago Puga, Juan Amil Araújo, Ramón Miguez, Bernardino Montero Figueroa, Benito Soutullo Núñez, Victoriano Mosquera Esteiro, José Pereira, Francisco Pereira, Alejandro Pereira, Vicente Lamas Roupeiro, José Abal “Reboreda”, Antonio Amoedo Villar, Francisco Rabuñán “fillo”, José Pérez Pereira, José Soto Otero, Serafín Iglesias Esteiro, Manuel Touza Sirín, Clemente González Pena, Fermín González Pena, José Pena Lamas, Juan González Lemos, José Fernández “Mouriño”, Benito Lago “Binitillo”, Félix Martínez, Eusebio López, Juan Soto, Juan Bouzón Cabaleiro, Fermín López Muíños, Esteban Casqueiro, Bernardo C. Pérez, Francisco González Domínguez, Antonio Tojeiro, José González Guisande, José Miguez García, Carmelo Amoedo, Diego Montero, Amado Ricón, Manuel Cabaleiro, José Cabaleiro, Juan Benito Extremadouro, Agustín González Pena, Telmino López Ventín e Ramón Miguez.

O 15 de xaneiro de 1930 o mesmo xornal citaba como mariñeiros nos EEUU a: Amado Rincón Villar, Waldo Cabaleiro, Juan Cabaleiro, Genaro Borines, Agustín Virulej, Agustín Miguez Novas, Isidro Fernández, Fernando Campo Alfaya, Juan Lago Soutullo, Gregorio Pintos, Juan Lago Campo, Manuel Alfonso, Luís Esteiro, Domingo Miguélez, Telmo López Ventín, Fermín Amil, Cándido Lago, Ramón Amoedo, José Pena, Jacinto Villar, Juan Tobío, Rufino Otero Villasuso, Bernardino Montero, Maximino Araújo, Francisco Rodríguez, Santos Fernández, Juan Bas Miguez, Roberto Muras, Victorio Mosquera Esteiro, José Migueles Esteiro, Julián González Lemos, José Miguez Esteiro, Vicente Lamas Roupeiro, Agustín Barros, Juan González, Ramón Cabaleiro, Manuel Cabaleiro, Juan Benito Extremadouro, Bargas Vila, José Fervenza, Casimiro Barros, José Vázquez Novas, Juan López Bilbaso, José Miguez García, Manuel Touza Serín, Carmelo Amoedo, Diego Montero, Francisco Fernández Paz, Benito Soutullo, José Soto Otero, Manuel Lamas Núñez, Antonio Amoedo, Valentín Bouzón, Marcelo Capellán, Juan Miguez, Manuel Barros, Juan Amil, Benito Lago, Carmelo Otero, Generoso Soutullo Serín, Cándido Fervenza, José Ramón Soto, Jesús Amoedo, Constante Soto, Joaquín Fernández, Jesús Villar, Eusebio López, Manuel Esteiro García, Manuel Bas, Manuel Lago Lamas, Fermín Barros, Manuel Barreiros, Serafín Bellaco, Antonio Paz, Serafín Iglesias, Fermín López, Amador López, Bienvenido Cal, Santos Miguez, Manuel Pérez Pena, Manuel Cal, Constante Barreiros, Manuel Dacosta Cabaleiro, Agustín González, Francisco Peral, Jenaro Cabaleiro, Bernardo Crespo Pérez e Carlos Martínez Serín.

En febreiro de 1924 foron nomeados na Xunta Provincial Marítima de Pesca de Vigo para o sector de Xábegas: Vogal: Manuel Paz Domínguez e Suplente: Antonio Amoedo Mosquera. Ese ano era Presidente da Sociedade de Mariñeiros o Sr. Otero.

En 1927 presidía a Sociedade de Mariñeiros de Redondela José Vázquez Barros, segundo mencionan Gonzalo Amoedo e Roberto Gil, mais para o ano de 1927 foi elixida a seguinte Xunta Directiva se temos en conta a información do xornal “El Pueblo Gallego” do 1 de xaneiro:

Presidente: José Rodríguez Roupeiro; Vice-Presidente: José Fervenza; Secretario: Francisco Díaz Lago (Relixido); Vice-Secretario: Agustín Miguez Novás; Interventor: José Lamas Domínguez (Relexido); Tesoureiro: Antonio Amoedo Mosquera (Relixido); Vogais: Santos Fervenza Lamas (Relixido), Francisco Portela Rodríguez (Relixido), Genaro Alonso e Manuel María Veiga; Revisores de Contas: Manuel Baz, Francisco Iglesias e Agustín Barros.

Dolores Novas Montero “A Presenteira”
e o mariñeiro Juan Milleiro Pérez
© Celso Milleiro
© Anecdotario Redondelán

En xaneiro de 1928 o xornal El Pueblo Gallego cita a seguinte Directiva:

Presidente: Manuel Paz Domínguez (Relexido); Vice-Presidente: Antonio Lago Araújo; Secretario: Francisco Díaz Lago (Relexido); Vice-Secretario: José Miguez; Interventor: José Rodríguez Roupeiro; Tesoureiro: Antonio Amoedo Mosquera (Relexido); Vogal 1º: Francisco Portela (Relexido); Vogal 2º: Genaro Alonso (Relexido); Vogal 3º: Manuel Mª Veiga (Relexido); Vogal 4º: Manuel Novas Montero e Revisores de Contas: José Lamas Campos e José Vázquez Barros

En xaneiro de 1929, grazas ao mesmo xornal, podemos recoller a seguinte Directiva:

Presidente: Manuel Paz Domínguez; Vice-Presidente: Antonio Lago Araújo ; Secretario: Francisco Barros; Interventor: José Rodríguez Roupeiro; Tesoureiro: Antonio Amoedo Mosquera; Vogais: Francisco Portela Rodríguez, Manuel Domínguez, José Lamas Campo e Gabriel Corugeira e Revisores de Contas: Plato Miguez Lago, Manuel Bas e Bernardino Amil

Esta mesma directiva por acordo dos redondeláns que se atopaban nos EEUU repartiron aos pobres comida e cartos para o Nadal e Reis.

Local Social da Sociedade de Mariñeiros de Redondela xunto coa súa Directiva de 1931.
© Gonzalo Amoedo e Roberto Gil

4) A LOITA MARIÑEIRA DURANTE A II REPÚBLICA ESPAÑOLA

Gonzalo Amoedo e Roberto Gil no libro “Redondela, Crónica dun tempo pasado” ofrécenos a Directiva da Sociedade de Mariñeiros de 1931:

Presidente: Valentín Rodríguez Chamorro; Vice-Presidente: Benito Mosquera; Secretario: Antonio Lago Araújo; Tesoureiro: Antonio Amoedo Mosquera; Interventor: Gabriel Corujeira; Revisor de Contas: Bernardo Amil, Manuel Barros Fervenza e Juan Lago Crespo e Vogais: Genaro Alonso, Maximino Araújo, Santos Fernández Lamas e Carlos Martínez Serín.

Amoedo e Gil sinalan que a sociedade de mariñeiros de Redondela levaba por nome “A Unión”. En decembro de 1934 era Presidente do Centro Mariñeiro de Redondela Francisco Docampo. En maio de 1936 celebrouse no Concello de Vigo unha importante reunión entre mariñeiros e a patronal do sur da Galiza sobre a problemática xordida polo baixo prezo da sardiña, en representación dos Mariñeiros de Redondela acudiu Fermín Araújo. Na organización dunha Comisión Popular para festexar a Festa da Coca, representa á Sociedade de Mariñeiros Francisco Rubiñán.

Neste período de tempo, eran moitos os mariñeiros redondeláns que traballaban noutros portos, sobre todo en Bouzas e en Trintxerpe (Euskadi). No porto galego moitos estaban afiliados ao Sindicato da Industria Pesqueira (CNT) e no porto vasco á La Unión Marítima (UGT).

5) AFILIACIÓN DE MARIÑEIROS DO CONCELLO DE REDONDELA

  • Aguiar Soutullo, Florián. CNT. Altza (Euskadi).
  • Aguiar Soutullo, Juan. CNT. Altza (Euskadi).
  • Aguiar Soutullo Ramón. CNT. Altza (Euskadi).
  • Álvarez José. Sindicato Único “La Progresión”, CNT. Erandio (Euskadi).
  • Álvarez González, Manuel. Sindicato da Industria Pesqueira, CNT. A Coruña.
  • Álvarez Rodríguez, Severo. UGT. Mariña Auxiliar Vasca.
  • Barbeito Cal, Ángel. CNT. Pasaia (Euskadi).
  • Barros Fervenza, Manuel “Xabelón”. La Unión (UGT). Falecido en Pasaia (Euskadi) en 1936.
  • Bas Rodríguez, Ramón. UGT. Mariña Auxiliar Vasca.
  • Bas Rodríguez, Santiago. CNT. Bilbo (Euskadi).
  • Bemposta Puga, Manuel. La Unión Marítima (UGT).
  • Blanco Martínez, José. CNT. Pasaia (Euskadi).
  • Cabaleiro, Andrés. CNT. Euskadi.
  • Cabaleiro López, Genaro.
  • Cal Calo, Bienvenido. Sindicato Único “La Progresión”, CNT. Erandio (Euskadi).
  • Domínguez Villar, José. Miliciano do batallón Nº 3 MAOC Nº 1 Larrañaga (PC). Morto en Otxandio (Euskadi) en 1937.
  • Fervenza Miguez, Faustino. CNT. Falecido en Asturias en 1937.
  • Gómez Fernández, Bernardo. Capitán do Exército da República. Falecido en Bizkargi en 1937.
  • González, Manuel. Sindicato Único “La Progresión”, CNT. Erandio (Euskadi).
  • González Cabaleiro, Alejandro “Moco”. Sociedade de Mariñeiros de Chapela. Morto en Iruña (Nafarroa) en 1938.
  • González Castedo, Humberto. CNT. Trátase de Humberto González Castelo, do Porto do Son, c.c. Carmen Toucedo Novas.
  • González Rúa, Fermín. CNT. Pasaia (Euskadi).
  • Lago Amador. Descoñecida a afiliación. Bilbo (Euskadi).
  • Landín González, Manuel. UGT. Formó parte da Mariña Auxiliar Vasca durante a Guerra Civil. Xulgado en Santander.
  • López Covelo, Manuel “Chapela”. CNT. Trintxerpe (Euskadi).
  • López López, Adolfo. Altza (Euskadi).
  • López Pérez, Carmelo. CNT. Bouzas.
  • Martínez Cartelle, José Antonio. CNT.
  • Martínez Rivas, Alfonso. CNT. Trintxerpe (Euskadi).
  • Miguez, Félix. La Unión Marítima, UGT, e Sindicato Único “La Progresión”, CNT. Pasaia e Erandio (Euskadi).
  • Miguez Esteiro, José. Mariña Auxiliar Vasca.
  • Miguez Esteiro, Juan. CNT. Trintxerpe (Euskadi).
  • Miguez Pazos, Olimpio. PS. Pasaia (Euskadi)
  • Miguez Pazos, Ramón. PS. Pasaia (Euskadi).
  • Milleiro Pérez, José “O Quinto”. CNT. Bouzas. En outubro de 1938 era mariñeiro do “Soledad Yáñez”, fuxido a Brest. Dende Francia voltou á Galiza, sen ir á zona republicana.
  • Milleiro Pérez, Juan. La Unión Marítima (UGT). Falecido en Pasaia (Euskadi) en 1936.
  • Mosquera, Manuel. CNT. Trintxerpe (Euskadi)
  • Ochoa Barreiro, Valentín. XSU. Falecido en Donosti en 1936.
  • Otero Gómez, Celso. Miliciano do batallón Nº 3 MAOC Nº 1 Larrañaga (PC). Falecido en Euba (Euskadi) en 1937.
  • Otero Iglesias, Claudino. Secretario do Sindicato de Mariñeiros de Chapela (CNT). Representa, xunto con José Gómez, á Sociedade de Mariñeiros de Chapela nas negociacións entre mariñeiros e Armadores do sur da Galiza polo baixo prezo da sardiña en maio de 1936. Represaliado na guerra.
  • Otero Lago, Ángel. UGT. Mariña Auxiliar Vasca.
  • Rodríguez Otero, Benito. CNT. Euskadi.
  • Rubiñán, Francisco. Sociedade de Mariñeiros de Redondela, UGT.
  • Soutullo, Fermín. Sindicato Único “La Progresión”, CNT. Erandio (Euskadi).
  • Vázquez Lago, Constantino. Avance Mariñeiro (CNT). Falecido en Pasaia (Euskadi) en 1936.
  • Vázquez Lago, Diego. CNT. Donosti (Euskadi).
José Blanco Martínez
© Mariña Auxiliar de Euskadi

6) OUTRAS SOCIEDADES NO CONCELLO DE REDONDELA

  • Sociedade de Mariñeiros de Cesantes. Xa existía en 1910 e foi representada por José Pereira. Existía na II República Española.
  • Sociedade de Mariñeiros de Chapela. Hai datos en 1912. A Unión Mariñeira de Chapela acode á reunión da Federación Rexional Obreira da Industria Pesqueira da Galiza celebrada en Ribeira en 1920. Existía na II República Española.
  • Sociedade de Mariñeiros de Soutoxuste (O Viso). Existía na II República Española.

7) DATOS DOUTROS MARIÑEIROS

  • Álvarez Amoedo, Adolfo. Nado en Cabeiro en 1912, fillo de Francisco G. e Pilar.
  • Álvarez Lago, Francisco. Nado en Cedeira en 1912, fillo de José e Josefa.
  • Ballesteros Durán, Generoso. Nado en Chapela en 1912, fillo de Generoso e Pura.
  • Ballesteros Santoro, Luciano, Nado en Chapela en 1912, fillo de Luciano e Adelina.
  • Blanco López, Manuel. Nado no Viso en 1912, fillo de Domingo e Josefa.
  • Cabaleiro Covelo, José Benito. Nado en Chapela en 1912, fillo de José e Celia.
  • Couñago Soto, Buenhijo. Natural de Ventosela en 1912, fillo de Jesús e María.
  • Domínguez González, José. Fogueiro. En 1908 era tripulante do vapor pesqueiro “Sol” con base en Vigo.
  • González Álvarez, Claudio. Nado en Chapela en 1912, fillo de Adrián e Avelina.
  • González Barbeito, José. Prófugo da Armada en 1901.
  • González Domínguez, Manuel. Nado en Trasmañó en 1912, fillo de Manuel e Matilde.
  • González González, Manuel. Nado en Trasmañó en 1912, fillo de Manuel e Peregrina. En 1938 foille reclamado Requisitoria polo Xulgado Especial da Comandancia de Mariña de Vigo.
  • González Sotelo, Benigno. Nado en Chapela en 1912, fillo de Juan e Serafina.
  • López Covelo, Manuel. Nado en Chapela en 1912, fillo de Manuel e Lucinda.
  • López Romero, Serafín. Nado en Cesantes en 1912, fillo de Manuel e Pilar.
  • Miguez Roupeiro, Ramón. Nado en Cesantes en 1912, fillo de Manuel e Delfina
  • Milijosa, Fermín. Aperece como Melijosa. Se cadra Fermín Miguez Milijosa. Dono dunha lancha dedicada á xábega en 1916 chamada “Jandra”.
  • Montero Figueroa, Bernardino J. En 1908 tiña que presentarse para o servizo na Armada.
  • Otero, Domingo. Maquinista. Traballaba nunha motora en 1915 en Pontevedra.
  • Rodríguez Queimaliños, José Mª. Mariñeiro morto dunha anxina de peito en 1913.
  • Soutullo Núñez, Constantino. Prófugo da Armada en 1901.
  • Vázquez Boullosa, Emilio. Nado en Trasmañó en 1912, fillo de Domingo e Amalia.
  • Vidal Chamarro, Darío. Nado no Viso en 1912, fillo de Camilo e Carmen.
Mariñeiros redondeláns, galegos e arrantzales vascos en Pasaia (Euskadi), anos 50.
© Celso Milleiro

Bibliografía Consultada:

  1. Anecdotario Redondelán. Juan Migueles.
  2. Redondela, Crónica dun tempo pasado. Gonzalo Amoedo e Roberto Gil
  3. Galiciana. Biblioteca Dixital de Galicia.
  4. Loita de clases e represión franquista no mar (1864-1939). Dionisio Pereira González
  5. O Asociacionismo dos pescadores na Galiza de anteguerra: unha ollada de conxunto. Dionisio Pereira González
  6. Crecimiento y Transformación del sector pesquero gallego (1880-1936). Jesús Giráldez Rivero.
  7. Sal, Sardiñas e Peiraos. Alberte Román Losada.
  8. O Cemiterio dos Eidos da vila de Redondela. Xosé Manuel Moreira Docampo.

Celso Milleiro Sánchez. Marín, a 29 de setembro de 2021

NOTA: Este artigo non está rematado, irase actualizando coa achega de máis datos.

About the Author

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

You may also like these