Publicado no xornal Nós Diario o 12 de novembro do 2021.
Tras a desaparición dos históricos gremios de mareantes en 1864, nun proceso que comezou en 1847 e após a aprobación en 1888 da Lei de asociacións, van xurdindo por todo o territorio asociacións mariñeiras. A Galiza ponse á cabeza e impúlsanse as primeiras organizacións de clase do sector.
As últimas décadas do século XIX coinciden cun espallamento da industria pesqueira e cun inusitado vórtice que vai revolucionar o modelo de pesca que até entón imperaba no mundo do mar. Primeiro as guerras entre artes de pesca como o xeito, trabuquete, boliche ou a traíña para pasar ou convivir de súpeto coa pesca en vapores de parella que buscaban outros caladoiros alén da costa perante a demanda de peixe por parte, sobre todo, da industria pesqueira.
En Marín crean en 1899 a súa primeira sociedade de mariñeiros, alentados polos seus compañeiros de Vigo. Este último lugar foi a orixe da autoorganización en sociedades de resistencia dos obreiros do mar no sur da Galiza. Moitas destas sociedades tiñan unha vida efémera e nacían como entes de resistencia por un feito puntual. Mais a diversificación do traballo nos barcos traerá como consecuencia a formación doutras sociedades de oficios especializados como patróns de cabotaxe, maquinistas, fogueiros e os mariñeiros.
Porén, estes organismos non tiñan unha conciencia ideolóxica de clase, polo que o sistema político conservador-liberal do momento e a igrexa católica pretendían controlalas ao seu antollo. É neste intre cando a UXT e o anarquismo entran en xogo, pois foron, na súa meirande parte, os que alentaron a creación do movemento obreiro mariñeiro no país. Ao redor de 1914 a UXT desenvolveu no sur da Galiza un traballo organizativo creando sociedades afíns, mais coa necesidade de levar a cabo un ente máis grande que unificase as variadas e espalladas sociedades mariñeiras galegas.
A UXT, coincidindo con reivindicacións de medre de dotacións, xornais, partillas ou retribucións de tarefas en terra, a través da viguesa sociedade O Vapor, Maquinistas, Fogueiros e Patróns de Cabotaxe, con 180 afiliados xunto coas Federacións Obreiras de Pontevedra e Marín, organizan o sindicalismo mariñeiro nas Rías Baixas nun inusitado traballo. No mes de xullo de 1914 legalizan en Marín a Alianza Mariñeira con 800 afiliados, en agosto a Sociedade de Maquinistas e Fogueiros Hélice e Roda de Marín con 130 afiliados e a Alianza Mariñeira de Cangas con 1200 afiliados e no mes de setembro organizan O Adianto, Sociedade de Mariñeiros Pescadores de Pontevedra con 143 afiliados.
A fundación da Froip
O 29 de outubro de 1914 decorre no local do Centro Obreiro de Pontevedra o congreso de fundación da Federación Rexional de Organizacións da Industria Pesqueira (Froip) coas cinco organizacións mencionadas anteriormente. Na cuarta sesión, decorrida o día 31, deciden pór a súa sede na localidade de Marín e elixir como presidente a Ramón Martínez (Hélice e Roda de Marín) e secretario a Xosé Hervés (Maquinistas de Vigo).
Créase, entre outros motivos, co fin de mellorar e defensa das condicións do traballo por medio da asociación, así como solicitar dos poderes públicos leis que favorezan os intereses do traballo, tales como fixación dun salario mínimo ou estrito cumprimento do descanso dominical. Nos primeiros días de 1915 sacan o seu voceiro Avante, editado en Marín e nomean como director a Xosé Hervés.
As leas internas que se deron nos meses seguintes cun forte enfrontamento entre o “anarquista” Martínez e o socialista Hervés ocasionou unha convulsa folga en Marín, alongando en nove meses o conflito pesqueiro en Pontevedra e trastornando seriamente o funcionamento da federación. Estas desavinzas provocaron a saída dos maquinistas e fogueiros de Marín da UXT e da Federación Obreira Local, polo tanto tamén da Froip.
Lorenzo Corbacho
Aínda así, en xullo de 1915, a federación, presidida por Lorenzo Corbacho, tivo outra reunión en Vigo á que asistiron en representación de máis de catro mil mariñeiros asociados ás cinco sociedades fundadoras, mais achegáronse as sociedades de Bouzas, Teis (Vigo), Moaña, Redondela e Baiona, que decidiron redactar un proxecto de estatutos da federación e propor a supresión dos cercos xareta, nasas, bous e rapetas, así como a prohibición dos bous de arrastre a menos de 30 millas da boca das rías.
A seguinte reunión non chegaría até agosto de 1920, desta vez en Ribeira, e centrada na campaña contra o uso da dinamita. A xuntanza congregou a sociedades mariñeiras de Bueu, Ribeira, Marín, Moaña, Aldán (Cangas), Sanxenxo e Portonovo (Sanxenxo), Chapela (Vigo), Bouzas (Vigo) e do Porto do Son, que acordaron boicotear os barcos que empregasen explosivos. A importancia desta xuntanza estriba na presenza, desta volta, dos Pósitos e da CNT, que constituirán en xaneiro de 1921 o Comité Rexional de Obreiros da Industria Pesqueira.
A Federación desartellouse e en 1925 o anarquismo galega creou a Federación Rexional Marítima.
“Federación”
O historiador Dionísio Pereira sinala que “a federación foi un primeiro xermolo de coordinación do sindicalismo de clase no mar, que tentou intervir no control dos aparellos depredadores, así como na teima da erradicación da dinamita nas faenas pesqueiras, para o que deu en convocar diversas xuntanzas de sociedades mariñeiras”.