Publicado no Diario de Pontevedra e en Pontevedraviva.com o 18 de decembro do 2021.
Na folga dos mariñeiros de 1915, a máis contundente da historia local, a participación das mulleres foi importante pola implicación que tiveron no desenvolvemento neste episodio de loita dos dereitos da clase mariñeira; o que provocou varias detencións e multas de moitas delas, así como a clausura da única sociedade feminina constituída até ese intre “O Porvir da Muller de Marín”.
Unha desas mulleres foi Isolina Freire Caeiro, nada en Estribela en 1889. A súa implicación nos meses de xuño a setembro levouna a participar na Lonxa en varios incidentes, protagonizados xunto con outras mulleres, coa intención de paralizar a venda de peixe, carrexándolle varias multas e unha detención.
Isolina casou co importante dirixente obreiro socialista pontevedrés Inocente Couto, que defendeu e alentou en público a participación e a unión do colectivo feminino das fábricas e que en 1915 presidiu o Comité de Folga de Marín.
No mes de setembro, Pablo Iglesias Posse, fundador do Partido Socialista e da UGT, realizou o seu cuarto mitin no concello, arengando nun predio pertencente aos pais de Isolina chamado “Villa Larín”, sita na Camboa, ao que asistiron 300 mariñeiros e mulleres.
Anos despois Isolina e Inocente trasladáronse a Vigo, e nos anos 50 Isolina emigrou a Brasil onde faleceu.