A folga dos mariñeiros de Pontevedra (1914-1915)

Publicado no xornal “Nós Diario” o 12 de febreiro do 2021.

Un capítulo da loita de clases no mar galego.

Desde a Idade Media, Pontevedra esmorecía paseniñamente a súa relación co mundo do mar. Noutrora, o que fora o maior porto pesqueiro da Galiza chegaba ao século XX cunha pequena agrupación dedicada a este oficio marítimo, se o comparamos co volume de traballadores doutras vilas dos arredores.

Aínda así o importante barrio pesqueiro da Moureira non perdeu contacto cos grandes acontecementos de carácter obreiro, que por aquel entón se movían con celeridade nos peiraos galegos. Inspirada pola filosocialista Federación Local de Traballadores, fundouse en 1898 a Sociedade de Mariñeiros Pescadores de Pontevedra e a súa Contorna, aínda que a súa acción vai ser testemuñal, desembocando nunha vida efémera.

Anos máis tarde, a UXT desenvolveu un inusitado traballo no sur do país para organizar, e en certo modo controlar, as sociedades mariñeiras, creando varias entidades en Marín, Cangas e na propia capital do Lérez. O 14 de setembro de 1914 fundou, xunto coa Federación de Traballadores, O Adianto, Sociedade de Mariñeiros Pescadores de Pontevedra e a ela adheríronse nun primeiro instante 110 operarios, que convocaron ao mes seguinte unha folga nas dotacións das motoras e á que sumaron case 200 mariñeiros.

As catro reclamacións formuladas polos obreiros aos patróns das motoras foron a exención de carbonear e facer augada para as máquinas, o aumento de participación dos beneficios a 2% para cada tripulante e a exención da obriga de secar máis dun aparello por motora. Na reunión que mantiveron os dous bandos en conflito, os patróns aceptaron as dúas primeiras propostas. Coa terceira accederon a aumentar a participación de 1% a 1,5%, é dicir, dous reais por cada 50 pesetas de beneficio. Foi no cuarto punto onde se sementou a discordia entre ambos, dado que os patróns non accederon á petición do seque dos aparellos, alegando que cada motora debía ter dous en movemento, cando menos.

Nese intre rachou a negociación, os patróns decidiron saír ao mar pese a non dispor de toda a tripulación necesaria, o que desatou incidentes na praza de abastos e arredores entre as vendedoras de peixe. Tras unha reunión mantida no Concello de Pontevedra o 15 de outubro, na que participaron o alcalde, representantes dos mariñeiros, patróns e vendedoras, chegaron a un acordo de cese de violencia.

Unha calma aparente

Mais esta calma aparente arrastraba problemas aos mariñeiros que non gañaban un salario e aos patróns que tiñan paradas as embarcacións. Esta situación era insostíbel, e o día 5 de novembro estoupou outro incidente ao saír a navegar a motora do patrón Florencio Fernández, composta cunha dotación de crebafolgas, parentes todos de Florencio. As mulleres a favor da folga recibíronos no peirao, desatándose un enfrontamento no que resultou ferida unha muller e a protesta de 300 a 400 mulleres no recheo das obras do porto contra a actitude dos crebafolgas.

A presenza das mulleres nas folgas mariñeiras vai ser unha constatación continua, sendo elas as que en moitos casos desenvolvan as accións máis virulentas. Pontevedra vai ser un exemplo. Algún medio de comunicación responsabilizounas de provocar os incidentes máis graves. Os sucesos vanse reproducindo ao longo das semanas con pequenos altercados na Moureira e arredores. Xa no mes de xullo, as novas sobre o conflito son confusas, mentres o 7 de xullo de 1915 o xornal El Socialista comentaba que a folga proseguía, nunha nova do día 18 afirmaba “(…) debido a que aínda está recente a gran loita que en Pontevedra tivemos, da cal saímos con vitoria”.

Mais a folga acrecentouse e fortaleceuse co comezo doutro conflito en Marín co que gardaba moitos nexos en común. O inicio da folga na vila veciña, a máis forte da súa historia, é ben complexa, mestúranse rifas de egos e ideolóxicas entre socialistas e anarquistas, e foi aproveitada pola patronal de armadores para sementar a discordia.

Bombas en Marín.

Os mariñeiros de Pontevedra decidiron apoiar os seus compañeiros de Marín, sendo o mes de agosto o máis duro do conflito co estoupido de dúas bombas na vila do Morrazo, manifestacións, detencións, tiros e multas. O 17 de agosto foron detidos na ponte da Barca Sabino Martínez Ogando, que ocuparía máis tarde postos de dirección no sindicalismo mariñeiro de Pontevedra e Antonio Gómez Mouriño. O conflito solucionouse no mes de setembro.

Para o sindicalismo socialista era importante a súa implantación no estamento mariñeiro, que naqueles momentos empezaba perder terreo nalgúns portos como o da Coruña, polo avanzo do anarcosindicalismo. No fondo, a orixe da folga tiña a ver cun intento de implantación e fortalecemento nos portos galegos, mais a súas Federacións Obreiras tomaron unha estratexia errónea que pagarían anos despois. As causas son múltiples e decisións desacertadas como o compadreo coa ditadura de Primo de Rivera explicarían a creación en 1925 do Sindicato da Industria Pesqueira de Pontevedra, de carácter comunista, así como a federación de moitos entes mariñeiros galegos á Confederación Nacional do Traballo (CNT).

About the Author

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

You may also like these