Publicado polo Diario de Pontevedra e o xornal dixital Pontevedraviva.com o 26 de febreiro do 2022
Antonio Area Dadín naceu na Mouta en 1890, fillo dun mariñeiro coñecido co mesmo alcume e de Pepa “Quentaocaldo”. Veciño de Cantodarea, era maquinista, afiliándose á sociedade do mesmo gremio que existía en Marín.
De profundas ideas socialistas, xogou un papel discreto dentro das organizacións mariñeiras. Pese a isto, foi unha persoa culta e formada ao que se lle coñece varios artigos escritos nos anos 20 e 30 nos xornais socialistas “Nueva Aurora” e “La Hora” de Pontevedra.
Nas eleccións municipais do 12 de abril de 1931 formou parte da candidatura Agraria-Republicana-Socialista, gañadora na circunscrición de Cantodarea grazas ao voto mariñeiro, aínda que Antonio non resultou elixido concelleiro.
Tras o estoupido da Guerra Civil, formou parte do grupo de centenares de veciños do concello perseguidos polos militares sublevados e a dereita política; estando no punto de mira dos armadores.Nun informe do Concello de 1938 afirmaba que era “elemento extremista do marxismo e afecto á Fronte Popular” e que fixera propaganda a favor desta organización, votando a súa candidatura nas eleccións de febreiro de 1936. Faleceu en Marín, no seu domicilio da rúa Xabón, o 20 de maio de 1938. Pese a isto, instruíronlle expediente de responsabilidades políticas en maio de 1941.