Publicado no xornal “Nós Diario” o 9 de abril do 2022.
As Folgas conserveiras de 1903, 1904 e 1906
Tras a constitución da Sociedade de Oficios Varios de Marín en 1902, o primeiro ente legal onde se constata a presenza de mulleres, deron comezo os paros nas fábricas de salgadura e conserveira. Os patróns non estaban pola labor de aceptar mulleres asociadas nas súas fábricas, o que provocará conflitos entre as dúas partes.
En decembro de 1903, setenta mulleres das fábricas de José Otero e José Santos declaráronse en folga, exercendo “coacción” entre as operarias doutras fábricas. As mulleres abandonaron o posto de traballo sen previo aviso unha vez que os propietarios compraran o peixe, que estaba na praia para introducilo nas fábricas. Desde Pontevedra enviaron varias parellas da Garda Civil para controlar a situación. Ao final conseguiron que os donos subiran o soldo un real.
O comezo de ano ábrese con queixas de varios veciños porque a altas horas da noite atravesaban as rúas e os camiños grupos de mulleres que procedían das fábricas “alborotando e facendo ruído” con cánticos e chíos.
En maio de 1904 aprobouse o regulamento da Sociedade “O Porvir da Muller”, asociación de obreiras da vila de Marín, o que intensificará as tensións. Esta organizárase en 1900 e contaba na súa legalización con 100 afiliadas. Presidía o ente Antonio Naval, un home que por aquel entón era un dos dirixentes máis importantes da Federación Obreira.
Eses días o ambiente estaba caldeado na fábrica de Pérez Quevedo, dado que o patrón se negara despedir a dúas operarias non asociadas, levando á paralización da industria, solicitando que o persoal contratado estivera afiliada á sociedade de resistencia. Sumouse á situación unha multa da Alcaldía aos obreiros por celebrar a festividade do 1º de maio.
En solidariedade coas folguistas, os mariñeiros dos vapores propiedade da empresa “Isabel” e “Echegaray” abandonaron as embarcacións. O Patrón moveu ficha cun “lockout”, logrando o apoio do resto dos armadores locais que amarraron os barcos deixando a 200 mariñeiros sen emprego. Tanto a Sociedade de Mariñeiros dos vapores como a Federación Obreira local decidiron apoiar aos mariñeiros para que non volveran até non mediar a xunta directiva dos mariñeiros. Unha vez máis, o Gobernador Civil de Pontevedra mandou un continxente da benemérita para controlar a situación.
A paralización laboral trasladouse ás empregadas da fábrica de Germán Nóvoa con denuncias de coaccións e ameazas. Descoñécese como rematou o conflito.
De todas estas folgas, as de 1906 sentaron un precedente, non pola contundencia dos paros senón polas consecuencias finais que tiveron que sufrir as obreiras sindicadas por parte da patronal.
A finais de febreiro atopábanse negociando os fabricantes e exportadores de peixe cos traiñeiros para medir a sardiña por Caixón como se facía en Vigo e en Bueu, mais rachou por non chegar a un acordo dado que un dos puntos era plantar a tarrafa preparada e con tripulación, cuestión que non aceptaron os mariñeiros. As traballadoras das fábricas, sen previo aviso, declaráronse en folga non acudindo a traballar o peixe, obrigando aos exportadores a ir a Bueu e mandalo directamente desde alí “en tren”.
A patronal, agrupada nunha sociedade chamada “Unión Industrial da Ría de Marín”, observou a acción das empregadas como un “desplante” e non unha folga, ocasionándolles prexuízos ao quedar o peixe sen a manipulación requirida para a súa conservación. Por tal motivo decidiron non admitir no traballo das súas fábricas a ningunha muller pertencente á sociedade do Porvir da Muller e, entre outras cousas, negar a belixerancia ao sindicato pola súa conduta legal e arbitraria con motivo da implantación da nova medida do peixe. Os patróns responsabilizaron da acción aos dirixentes mariñeiros que os acusaron de haber sacrificado ás traballadoras para conseguir un acordo sobre a medida do peixe.
Perante tal situación á sociedade de traballadoras non lles quedou outra que chegar a un acordo coa patronal, que se plasmaría no mes de abril, aceptando que os fabricantes puideran ter tanto empregadas asociadas como non sindicadas.
Este acordo racharía no mes de xuño, ao producirse a contratación dunha muller non afiliada na fábrica de Morales e Catalá e non querer estes despedir a instancia da sociedade do Porvir. Na fábrica de Enrique Gómez trinta mulleres paralizaron a empresa porque o patrón non aceptou contratar ás folguistas procedente doutras fábricas. En solidariedade coas obreiras os soldadores declararon o paro obreiro e acabando coa apoio de todas as operarias asociadas das fábricas de Marín que decidiron secundar finalmente a folga. En total ficaron no paro 300 traballadoras e 80 soldadores. Unhas semanas despois tiveron que desistir pola presión exercida polos fabricantes ao contratar persoal de Pontevedra.
Moitos dos soldadores que protagonizaron algún incidente contra os crebafolgas eran de orixe asturiano. Estes e o resto dos folguistas forasteiros foron obrigados a abandonar a vila, mais marcharon sen pagar as hospedaxes.
Estas accións contra a actitude da patronal fixeron moito dano á sociedade de obreiras, até tal punto que na terceira visita de Pablo Iglesias a Marín, en outubro de 1907, tivo como punto importante a reorganización das traballadoras de O Porvir da Muller.