Os Comezos da Federación Obreira de Marín (1901-1904)

Publicado polo xornal “A Nova Peneira” o 22 de abril do 2022.

Existía inquedanza entre as sociedades de resistencia obreira que se formaron a finais do século XIX de crear unha organización maior que abranguera todas elas. No mes de maio de 1900 as sociedades de mariñeiros do xeito, carpinteiros, canteiros e albaneis estudaban levar adiante este proceso coa intención de crear unha Federación de Traballadores.

Non sería até o 12 de outubro de 1901 cando se legalizou o ente perante a Delegación Provincial do Goberno, sendo o seu primeiro Presidente o canteiro Joaquín Rodríguez Peleteiro. Naquel entón, o operario José Portela representou aos obreiros marinenses nun mitin celebrado en Pontevedra cunha crítica aos máis ricos ao que acusaba de non lles importar a problemática de consumos. A presencia de Portela aparecería meses despois ao repetir como voceiro da localidade no II Congreso Obreiro Galaico-Portugués.

A día de hoxe non temos constancia de ningún exemplar do regulamento da sociedade, mais a presidencia elixíase normalmente por trimestre e algunha vez fíxose por elección semestral. Entre as persoas que ocuparon dito cargo pódense citar a Salvador Grau, o albanel Antonio Santiago Santiago, Domingo Ramírez e José Rodríguez.

Entre as preocupacións que inicialmente tiña a Federación atopábanse a organización dunha sociedade das mulleres da conserveira e salgadura e a construción dun edificio no que reunirse os obreiros para o que acordaron que unha comisión interna estudaran o proxecto.

Serafín Tubío

A comezos de 1902 prodúcese unha crise interna no seu seo, os canteiros racharon cos carpinteiros acordando arrendar outro local diferente, esta situación duraría algo máis de dous meses chegando ambas partes a un acordo.

O poder local político e relixioso non miraban con bos ollos a organización obreira provocando continuos conflitos co intento non só de controlala senón tamén de minar e debilitar ás sociedades de traballadores. A súa vez, estas tiñan unha ideoloxía claramente anticlerical que facían que non participasen de eventos relixiosos, carrexándolles críticas por parte dalgún medio de comunicación cara os operarios pola escasa presencia na festa de San Xosé de 1903. Mostra da actitude obreira perante os asuntos relixiosos foi desoír a invitación dada pola Alcaldía para que participasen nos festexos de Santa María do Porto no mes de setembro.

Ese mesmo ano estouparon varios conflitos na escola do Padroado Católico con líderes obreiros como Santiago Moreira e Salvador Grau que tiñan alí aos seus fillos, evidenciando as tensións existentes entre os estamentos obreiros e relixiosos, entre os que se atopaba unha figura con trazos de catolicismo integrista como Serafín Tubío.

A celebración do 1º de Maio de 1904 acabou cunha multa de 15 pesetas imposta polo Concello de Marín á Federación por “contravir unha e dúas veces unha orde equitativa”. Ao ano seguinte o Alcalde suspendía unha xuntanza obreira desaloxando o local coa axuda da Garda Civil. Os obreiros acudiron ao Goberno Civil solicitando que o Concello respectase a Lei de Asociacións e o dereito de reunión. Uns meses antes mandou deter a un líder obreiro acusado de chamar ladrón a Montero Ríos.

About the Author

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

You may also like these