Publicado no Diario de Pontevedra o 25 de agosto do 2018
Stonesfield (Oxfordshire) é unha localidade do sur de Inglaterra, perto do palacio de Blenheim ligado ao histórico político conservador Winston Churchill. Foi ademáis un dos moitos lugares do rural inglés onde triunfou o Brexit, conta cunha poboación diversa en canto a clases sociais, onde queren conservar os seus costumes e xeito de vivir. A súa cultura veciñal ten un gran calado solidario, dentro duns valores humanos que lembra aos que existían no rural galego até hai ben pouco. En Stonesfield, ao igual que noutras zonas de Inglaterra, votaron recentemente por non ter farois nas súas rúas (a comezos do verán só quedaba un), a veciñanza quere ver as estrelas cando o ceo estea despexado, combatendo a contaminación lumínica, co conseguinte aforro enerxético e monetario, etc.
Outros dos motivos ten a ver coa delincuencia, dado que existen estudos que afirman que medra a medida que o fan tamén os focos de luz. O sistema de seguridade das casas ten a ver cun simple sistema de acendido de luces cando un se achega perto delas. Desde unha perspectiva histórica xeralizada os/as ingleses/as son un pobo pragmático, se cadra estes acontecementos marquen unha tendencia e polo tanto chegue a Galiza e a Marín nun futuro próximo, mais precísase aquí talvez aínda un cambio xeracional e de mentalidade.
Nota: Foto tirada de http://www.oxfordshirevillages.co.uk/westoxonvillages/stonesfield.html