Introdución ao Movemento Societario Mariñeiro en Pontevedra (1901-1936). Os Mariñeiros da Moureira.

O presente artigo ten como finalidade realizar unha primeira introspectiva da auto-organización mariñeira na cidade de Pontevedra de 1901 a 1936. A meirande parte deste artigo foi recollido das novas da hemeroteca Galiciana e das achegas de Xosé Castro Álvarez e Dionisio Pereira González, carecendo dunha investigación arquivística directa. Imos polo tanto reconstruír o puzzle sobre o movemento mariñeiro na cidade do Lérez.

Barrio mariñeiro da Moureira (Pontevedra)

1) ANTECEDENTES

O historiador Dionisio Pereira vainos dar moitas claves sobre o movemento mariñeiro no seu traballo “O Asociacionismo dos pescadores na Galiza de anteguerra: unha ollada de conxunto”. En concreto neste período afirma que a desaparición forzosa dos Gremios prodúcese en 1864, mais o Gremio de Mareantes de Pontevedra persistiu de xeito reformado.

Tras o pasamento do Gremio de Mareantes o 11 de xullo de 1864 desaparecía unha antiquísima institución que defendía, en certo modo, os intereses dos mariñeiros. O 4 de setembro de 1864 o xornal “El Alerta” recolle esas consecuencias coa publicación deste nova: “entendemos que pola comandancia de mariña de Vigo, dispúxose que o gremio de mareantes de Pontevedra, suprimido por real decreto do 10 de xullo último, entregue os fondos existentes ao Axudante encargado de notificarlles a devandita supresión. Non comprendemos en que se funda aquela autoridade para mandar tal cousa, porque segundo o real decreto citado, tan só procede a incautación de devengos vencidos despois da supresión. Os mareantes, como era natural, reclamaron contra esta medida; e nós quedamos á mira do asunto para ocuparnos de el, se non se fai xustiza a unha clase digna de ser atendida”.

Pese a isto, en 1866 estaba constituída unha Xunta Directiva dunha Asociación de Mareantes de Pontevedra. En 1869 este ente que se denomina “Asociación de Mareantes de Pontevedra y Puertos Agregados” foille concedida a concesión para a construción dunha ponte de madeira no río Lérez. Esta sociedade abranguía aos mariñeiros da Moureira, Poio, Campelo, Lourido e Combarro e tiña unha clara finalidade relixiosa como manter as funcións de San Telmo e San Miguel ou benéficas cara os pobres.

Coa aprobación da Lei estatal de Asociacións en 1888, próducese unha auténtica revolución no estamento mariñeiro moi tocado pola necesidade de peixe que tiña a industria daquel intre, desexosa de atopar artes e procedementos máis rápidos na faena. Esta situación vai provocar loitas entre os propios mariñeiros, uns por adaptarse aos novos tempos e outros por permanecer na situación de sempre concienciados, en parte, en non esquilmar os caladoiros.

O xornal Diario de Avisos da Coruña, recollendo unha nova do Diario de Ourense, relataba o 20 de maio de 1885: “Escoitamos dicir que é por demais terríbel a situación dos mariñeiros da Moureira, a consecuencia de non permitirlles certa clase de pesca nesta tempada. Moitas familias vense precisadas a confiar á caridade pública o seu sostimento, así que estes días circulan multitude de mariñeiros do debandito barrio mendigando por toda a poboación. Tristemente impresionado pola precaria situación dos nosos conveciños permitímonos estimulas a todo xénero de autoridades, corporacións e filantrópicas sociedades para que discorran o medio mellor para aliviar dalgún xeito tanta miseria”.

O 31 de Xullo de 1889 atopamos un dos primeiros sucesos do cambio que vai sufrir o mundo mariñeiro nos seguintes anos pola transformación da industria pesqueira, os Mariñeiros da Moureira en representación dos mariñeiros de Bueu, Cela, Beluso, Marín e Estribela presentaron diante do Gobernador unha protesta contra o arte do trabuquete.

En outubro de 1897 reuníronse os mariñeiros da Moureira co fin de crear unha Comisión para conseguir unir aos mariñeiros da ría de Pontevedra cos de Arousa e Vigo, quedando configurado do seguinte xeito:

Presidente: Juan Antonio Gómez; Vice-Presidente: Juan Racha; Tesoureiro: José Doval; Secretario: Antonio de los Reyes; Vogais: Blas Fontán, José Fernández, Miguel Ramírez, Joaquín Ramírez, Nicolás Fontán e Jesús Ogando.

Dionisio explica que “o temperán influxo da organización obreira local está detrás do licenciamento de 59 mariñeiros das xábegas, xustificado polos propietarios na tentativa daqueles de implantar unha sociedade de resistencia (“Unión Republicana”, Pontevedra, 4/11/1897). Na cidade do Teucro, aínda haberá que agardar a 1902 para que vexa a luz a “Sociedad de Marineros Pescadores” alentada polo obreirismo socialista pontevedrés”. Un dos dirixentes da loita mariñeira pontevedresas contra a traíña foi Antonio de los Reyes.

2) NACEMENTO DA “SOCIEDADE DE MARIÑEIROS-PESCADORES DE PONTEVEDRA” (1901-1914)

Na ría de Pontevedra predominaba practicamente a arte do xeito, polo que a introdución da traíña poñerá a todos os mariñeiros da ría nunha inusitada situación de enérxica protesta que unirá a todo o colectivo. Este motivo vai facer que se funde a “Sociedade de Marineros Pescadores de Pontevedra y sus Contornos”, federada á Federación Local de Traballadores (creada en 1898).

O 10 de febreiro de 1901 presentouse o regulamento da Sociedade de Mariñeiros Pescadores de Pontevedra e a súa Contorna, nel menciónase a Prudencio García (socio), a Gay (Presidente) e a J. Fernández (Secretario). O 18 de abril de 1901 Prudencio García, como Presidente da “Asociación de Mareantes de Pontevedra” (se cadra, da Sociedade de Mariñeiros de Pontevedra) lanza proclamas a favor dos mariñeiros de Cambados que defendía a arte de pesca do xeito e a favor do deputado conservador Augusto González Besada. Isto non quere dicir que o ente estivese da man do Partido Conservador, pois Prudencio García [Beloso] “Milhomes” presentaríase en novembro de 1917, xunto co tamén obreiro-mariñeiro Benito Ramírez, ás eleccións municipais do Concello de Pontevedra polo Distrito de Santa María nunha candidatura republicana. Esta candidatura obtivo o segundo posto polo número de concelleiros, mais pese a ter uns bos resultados nin Prudencio nin Benito acadarían a acta de concelleiro.

No mes de maio de 1901 protestaron na Axudantía de Mariña de Marín pola prohibición do uso da rapeta e boliche, artes que levaban usando desde tempos inmemoríabeis, mentres as axudantías de mariña de Vigo e Vilagarcía permitíanas facendo a competencia desleal dos mariñeiros doutros portos na praza de touros de Pontevedra.

Eran tempos onde sobresaían persoeiros do arrabal da Moureira, Patróns/Amos, Armadores de barcos e aparellos, como os sinalados pola Sociedade Arqueolóxica: Vicente García García, Francisco Fontán Núñez, Luís García Estremadoira, Prudencio García Beloso, José García Méndez, Ignacio García Otero, Antonio dos Reyes Martínez, entre outros.

Antonio de los Reyes representou á Sociedade de Mariñeiros na Comisión para as festas do mes de agosto de 1910.

Mentres a Asociación do Gremio de Mareantes de Pontevedra e Portos Agregados de Combarro, Campelo e Lourido elixían a seguinte Xunta Directiva que coñecemos grazas ao xornal “La Correspondencia Gallega” do 29 de abril de 1913:

Presidente: José Fontán Fernández (Axente de Arbitrios a cargo da Central de Arbitrios da Estación. Falecido o 1 de marzo de 1937); Vice-Presidente: Ricardo Castro Fernández; Secretario: Joaquín Fernández Fontán; Tesoureiro: Faustino Fariña Torres (taberneiro do Gorgullón-Mourente en 1915. Falecido con 49 anos en setembro de 1936); 1º Consiliario: Francisco Miguez Tobío; 2º Consiliario: Alberto Torres Castiñeira. (Nota: en negriña os mariñeiros de Pontevedra).

3) A FOLGA MARIÑEIRA DE 1914-1915

Tras a intrudución e normalización da traíña na ría após 1903, os mariñeiros van obtendo unha maior conciencia de clase. Dioniso explica que “entre 1914 e 1920, vaise producir entre os tripulantes de vapores e motoras que tiñan a súa base naqueles portos unha notoria axitación, que comeza no albor da Grande Guerra coa constitución das respectivas “Alianzas Marineras” de Marín, Cangas e Pontevedra, integradas na UGT”.

O 20 de setembro de 1914 constitúese “El Adelanto, Sociedad de Marineros Pescadores de Pontevedra” cunha afiliación de 110 socios.

O 10 de outubro de 1914 o xornal “El Progreso” relataba a seguinte nova: “Onte tamén quedou formulada nesta ría a folga de todos os tripulantes que compoñen as dotacións das motoras da Moureira”. Segundo as novas que temos, o número de folguistas ascende próximamente a uns douscentos. O motivo da folga é o de facer a Sociedade de Mariñeiros varias reclamacións aos donos das embarcacións das cales accederon a excepción de unha por considerala demasiado prexudicial aos seus intereses. En reunión celebrada onte á mañá polos tripulantes no Centro de Sociedades Obreiras acordaron non volver ao traballo en canto os Patróns non accedan a un todo ás reclamacións presentadas. Pola súa parte, os patróns avisaron á tripulación dos seus barcos para manifestarlles que hoxe de mañá faranse as embarcacións á mar con todos os mariñeiros que quixeran embarcar, a contestación dada polos mariñeiros foi negativa despois do acordo tomado na reunión de onte. En vista disto hoxe pola mañá sairán como de costume ao traballo todas as embarcacións cun número regular de tripulantes”.

Grazas ao xornal “Noticiero de Vigo” podemos coñecer as causas que provocaron a maior folga mariñeira producida na historia en Pontevedra. Sobre o 11 ou 12 de outubro de 1914 os mariñeiros das motoras da Moureira declaráronse en folga coas seguintes reclamacións:

  • Exención de carbonear.
  • Exención de facer a augada para as máquinas.
  • Aumento de participación das gañancias ao 2% para cada tripulante.
  • Exención da obriga de secar máis dun aparello por motora.

Segundo o devandito xornal do 17 de outubro: “Semella que nun principio os patróns achegábanse a acceder ás dúas primeiras peticións e aumentar a participación do 1% a que están (2 reais por cada 50 pesetas de gañancia) ao 1,5%, mais non transixían no relativo ao seque dos aparellos, alegando que cada motora debe ter dous cando menos en movemento. Así as cousas e non chegando a unha solución de concordia, estoupou a folga que aínda dura e ameaza espallarse a Marín, onde antes de onte [15 de outubro] ás 11 reuniuse a sociedade de propietarios de motoras de Marín e Pontevedra, adoptando algúns acordos sobre o particular. Na praza de abastos da capital e os seus arredores houbo estes días altercados entre as vendedoras de peixe e por mor disto unha comisión dos patróns visitou ao Alcalde. Tamén nos din que estiveron na Alcaldía varios tripulantes que conviron en presentar as bases do arranxo”.

O 15 de outubro mantívose unha xuntanza no Concello de Pontevedra entre patróns, obreiros mariñeiros e vendedoras de peixa da Moureira, coa presenza do alcalde Sr. Corbal. A actitude conciliadora de todas as partes, representadas a unhas 300 persoas entre homes e mulleres, fixo que o conflito tendese a unha solución. A finais de outubro o conflito chegaba a Marín, coas mesmas demandas dos mariñeiros aos patróns de motoras da Moureira.

A realidade era que a folga en Pontevedra non estaba por rematar, o xornal “La Correspondencia Gallega” do 6 de novembro comentaba: “(…) é o caso que a folga formulada hai xa días continuaba en pé, se ben ningún acto de violencia se executara, nin a actitude duns e doutros deixara de ser correcta (…)”. O xornal explicaba que existía unha tranquilidade aparente no barrio da Moureira dado que non existía nin agravios e queixas relucían externamente de xeito agresivo. Isto non quería dicir que a folga non existise senón que levaba consigo graves prexuízos a patróns, que tiñan parados os barcos, e aos mariñeiros, que non gañaban o salario como tripulantes das motoras sufrindo grandes necesidades eles e as súas familias.

Lonxe de solucionarse o conflito os sucesos se multiplicaban. O 5 de novembro estoupaba outro incidente ao saír á mar unha das motoras, chamada “General Prim” e propiedade do patrón Florencio Fernández, que estaban en terra por tripulación non adherida á folga composta por parentes dos patróns. As mulleres a favor do paro congregáronse en situación de protesta, e ao pasar o patrón Florencio Fernández este quixo dar cun tanque a Concepción Fernández incrementando a tensión no lugar.

O grupo de mulleres en protesta chegou a concentrar entre 300 a 400 mulleres no recheo das obras do porto que se quentaron ao observar á motora no medio da ría coas caldeiras acesas. As mulleres alegaron que os patróns saíron das súas casas con armas de fogo e que os gardas arrebataron un arma a un fillo do patrón que botou ao mar e collendo o revólver a outro dos fillos. Atopábanse indignadas porque os gardas de seguridade en vez de deter aos armados permitisen o embarque. O grupo decidiu ir até a sede do Goberno Civil co fin de falar do Gobernador, as forzas de seguridade intentaron pecharlles o paso no Campo de San Roque, mais varios grupos atravaesaron a vía férrea polo que os gardas acodiron ao Palacio da Deputación, facendo o mesmo as manifestantes. Unha Comisión logrou entrar no edificio co fin de manifestar ao Inspector de Vixilancia o acontecido e queixarse de que non foran detidos os armados. O Inspector defendeu o dereito ao traballo dos patróns e as mulleres manifestaron que elas non agrediran a nadie (o Diario de Pontevedra recollía ese mesmo día que a embarcación recibira numerosas pedradas) pero que en cambio si elas foran maltratadas. Ao final da xuntanza decidiuse disolver a concentración. O xornal “La Correspondencia Gallega” recollía no artigo: “Debemos facer constar que o movemento foi por completo das mulleres daquel populoso barrio, pois os mariñeiros, segundo observamos mantivéronse nunha gran mesura, e corrección, tanta nas súas verbas como na súa conduta”.

Uns días máis tarde, entre o 10 e o 12 de novembro, solucionábase a folga en Marín chegando a un acordo entre as partes. Coincidía cun salvamento perto de Sanxenxo dun bote da vila veciña con tres tripulantes folguistas Ignacio Queiro, Manuel Queiro e Ricardo Martínez, dous dos cos cales estaban afiliados á folguista sociedade Alianza Mariñeira de Marín. Ao auxilio da embarcación foi unha motora, a “Augusto González Besada”, cuxa tripulación estaba composta por patróns e obreiros non asociados de Pontevedra que recolleron aos náufragos e lles suministraron os coidados necesarios.

Tras unha aparenta calma, nos primeiros días do mes de xaneiro de 1915 desatouse unha pelexa na rúa do Teucro (arredores da praza de touros) cando un crebafolgas da motora “General Prim”, Juan e veciño de Poio, foi agredido por un grupo de mariñeiros folguistas. Juan Doval, Patrón da motora, os seus fillos e o maquinista da Motora, Domingo Otero, saíron na súa procura e salvamento. Segundo relata o xornal “El Progreso”: “Este foi o intre no que o encontro tomou carácter serio, alcanzando a colisión grandes proporcións, chegando ao grado máximo de excitación, de ánimo nos ofensores e ofendidos”. Instante en que Domingos Otero sacou un revólver e pegou ao aire dous tiros, acudindo ao lugar varios gardas de seguridade. Na pelexa quedaron feridos tamén o fillo de Patrón, Agustín Doval, e un garda, así como outras persoas. Ao final foron encarcerados os seguintes mariñeiros: Agustín Doval, Domingo Otero, Jesús Luís Rey [Jesús Lois Rey], Francisco Pacheco, José Torres Gómez, Antonio da Costa, Emilio Rivas Fontán, Ricardo Ogando Fernández, Cándido Doval Fontán, Benito Martínez Ogando, Antonio Fontán Filgueira, Alejandro Beloso García, Juan García Fontán, Evaristo Rivas Fontán e Juan García Campos. En total o Patrón, seis fillos e 8 folguistas.

1910 Praza de Touros (A Moureira)

Logo deste suceso e segundo o xornal “El Progreso” do 7 de xaneiro semellaba que se chegaba a un punto de inflexión: “onte había impresións bastantes optimistas acerca da folga que veñen sostendo os mariñeiros da Moureira. Moito celebramos que se confirmen e que podamos anunciar en breve o remate dun conflito cuxa continuación non pode traer máis prexuízos a un e a outros”. O día 10 explica a que se debía este optimismo: “Foron presentadas ao señor gobernador civil, para o seu estudo, unhas Bases de arranxo por parte dos patróns e dos obreiros interesados na folga de mariñeiros da Moureira. Semella que existe unha gran diferencia entre as pretensións dos segundos e as concesións que fan os patróns, o cal dificultará probabelmente o arranxo”.

Coa chegada do entroido no mes de febreiro, entre outras, sae unha comparsa denominada “Os Mariñeiros”, que contou co acompañamento e dos mariñeiros da Moureira. Tamén saíu a comparsa “Os Loitadores Marítimos” constituída na súa meirande parte por mariñeiros.

O 12 de abril foi detido o veciño da Moureira Benigno Suárez, da Comisión de Folguistas Mariñeiros. O motivo foi por exercer coacción no mercado cuberto coas peixeiras asociadas para que estas non lles comprasen nin vendesen ás non federadas e tamén por desobedecer ao mesmo tempo ao cabo da garda municipal. Benigno foi liberado axiña.

Por mor da folga mariñeira, prodúcese unha rifa o 27 de abril entre Fulgencio García, quebrafolgas e se cadra Fulgencio García Estremadoira que faleceu con 66 anos na Moureira en setembro de 1924, e José Benito Novás, folguista. Novás sacou unha navalla que rasgou as vestiduras de García, sendo detido polo Contra-Mestre Rogelio Vázquez e posto a disposición do xuíz de instrución.

Neses intres estoupa unha folga moi contundente no veciño porto de Marín e que ten como orixe a folga de Pontevedra. A situación era tan dantesca que no mes de xuño as transaccións na Lonxa de Marín facíanse con maior concorrencia por compradores de Marín e mulleres da Moureira e Loira (Marín) escoltadas cos seus carros cargados de peixe pola Garda Civil.

Un artigo asinado co pseudónimo de “Florencio” insertado no xornal “El Progreso” do 11 de xullo pregúntábase “Por que se eternizan as folgas”, mais o seguinte título do artigo en cuestión reflexa o seu posicionamento a prol dunha das partes pois remata o encabezado cun “Sempre os mesmos”. Trátase dun duro ataque cara a Federación de Traballadores á que acusa estar por detrás do alongamento da folga. A transcrición ao galego é a seguinte:

“Hai aproximadamente nove meses que os mariñeiros da Moureira sosteñen unha loita, cuxo móbil é de tan relativa importancia, que de non existir elementos malévolos que se entrometen a título de directores de tan humilde como respetábel clase pescadora, co único e exclusivo obxecto de cobrar soldos e alcanzar popularidade para a súa finalidade política non se chegaría á extrema resolución da declaración dunha folga, cuxo resultado non pode ser outro que conducir á asociación ao precipicio, despois de orixinar múltiples prexuízos.

Deste conflito son responsábeis dunha maneira manifesta todos aqueles individuos que rexen os destinos da Federación Obreira de Pontevedra, polo feito de non atopar en tempo oportuno de avenir ambas as partes satisfactoriamente e sen menos cabos dos intereses de nadie, posto que os motivos de orixe non ofrecían a menor dificultade. Os que sacrifican o benestar dos obreiros as súas particulares miras non teñen para nada presente os desgustos e sen sabores que de tal situación se derivan e cuxas consecuencias alcanzan a todas a clases sociais. É lamentábel que a clase traballadora non se dea perfectamente conta da clase de xefes que veñen padecendo desde hai algúns anos, estes non fan outra cousas que estar constantemente á espreita do máis lixeiro incidente, xurdido entre patróns e obreiros, para cos seus discursos agravar de tal xeito os feitos, que se fan inevitábel a promulgación da folga, a que adoitan despois eternizar cos acostumados intransixencias, tanto tempo como teñan de duración os respectivos fondos sociais, que eles perciben como salarios en concepto de comisionados, secretarios ou directores. Cando as existencias en metálico chegan ao período do seu esgotamento entón é cando se desviven por atopar a solución do conflito, que ha de ser doblemente prexudicial que a que nun principio podería dárselle.

É lamentábel, repito, que os obreiros honrrados que loitan só polo seu melloramento, sen fins egoistas, nin políticas que son sempre prexudiciais a súa clase, non prescindan de certos próceres e santóns que nin sequera traballan polo oficio, e que son na práctica a rémora e a chata que se opón á solución de todo conflito, porque os uns non sofren as penalidades e vicisitudes que acarrexan unha folga, e os outros viven moi comodamente sen necesidade de calarse a “suesta” nin vestir o “chaquetón”. Aos obreiros tan só toca o despregar toda actividade, se queren que o estado anormal entre patróns e mariñeiros finalice dun xeito honrroso para todos, sen chegar a morrer por consunción e sen que as honras fúnebres se encargue algún forasteiro, chamados por eses directores tantas veces fracasados”.

Sabino Martínez Ogando
© Familia Martínez Ogando

Esta postura claramente contra as organización obreiras carece en contra posición, por falla dunha procura arquivística, da visión da Federación que de seguro en xornais como “El Socialista” debería existir. Os incidentes recrudécense polos acontecementos de Marín. O 10 de agosto de 1915 o Diario de Pontevedra publicaba a seguinte nova: “Seguen na Moureira moi tirantes as relacións entre patróns e mariñeiros, o que dá marxe a frecuentes altercados que poden dexenerar en lamentábeis encontros. Onte deu parte na Inspección de Vixilancia Carolina García, de que a un fillo seu de nove anos que se atopaba bañándose, chimpáronlle unha pedra desde unha embarcación, achacando tal feito ás diferenzas existentes entre ambos bandos”.

O 17 de agosto de 1915 prodúcese un incidente á 1:30 da madrugada na estrada da ponte do Burgo cando un grupos de mariñeiros folguistas atopáronse co mariñeiro quebrafolgas Manuel García Torres, de 20 anos e veciño de Campolongo. A prensa calificou o feito de maltrato e polo suceso foron detidos Sabino Martínez Ogando e Antonio Gómez Mouriño (de 19 anos ambos) e levados ao Depósito Municipal a disposición do Xulgado. Fugáronse da policía os mariñeiros Jesús Lois e Sebastián Lago.

A finais de setembro os mariñeiros de Marín chegan a un acordo cos patróns esbaecendo o problema nos dous lugares e finiquitando as folgas mariñeiras máis duradeiras e fortes dos concellos de Pontevedra e Marín.

4) CONCIENCIA DE CLASE, AFILIACIÓN Á UGT (1914-1924)

O 29 de outubro de 1914 a Sociedade de Mariñeiros Pescadores de Pontevedra, cunha afiliación de 143 socios, enviou unha representación formada por Benito Ramírez, Benigno Suárez, Tomás Rodríguez e Francisco Tilve para constitutuír a Federación Obreira da Industria Pesqueira da Galiza, un ente controlado pola UGT. Podemos intuír, polo tanto, que a sociedade estaba federada ao sindicato socialista.

En marzo de 1917, un tal Martínez representa á Sociedade de Mariñeiros de Pontevedra nun mitin organizado pola Federación de Traballadores da cidade do Lérez en Poio, que no mes de novembro a sociedade aparece co nome de “El Adelanto”. Este mariñeiro podería ser Sabino Martínez, pois foi proposto en decembro pola Sociedade para que, xunto con Miguel Fontán e Alejandro Vilariño, a representen no Comité Local da Federación de Traballadores de Pontevedra.

Entre a clase mariñeira pontevedresa dese ano podemos citar aos seguintes: José Alonso Solla, Francisco Barcia, Cándida Beloso, Francisco Beloso, José Benito Beloso, Juan Beloso, José Casal, José Fernández, José R. Fernández, Francisco Fontán, Jesús Fontán, José Fontán, Luís Fontán, Miguel Fontán, Emilio García Palmás, Manuel García Palmás, Antonio Gómez, Miguel Gómez, Juan González, Arturo Lagos, Leopoldo Lagos, Ricardo Lagos, Rafael Landín, Gonzalo Lois, Jesús Lois, Benito Martínez, Bernardo Martínez, Carmen Martínez, Juan Martínez, Ricardo Martínez, Sabino Martínez, Joaquín Montes, José Mora, Manuel Muñiz, José Benito Novás, Encarnación Ogando, Ricardo Ogando, José Otero, Ramiro Otero, Francisco Pacheco, Gabriel Palmás, Ignacio Palmás, Benito Pazos, Clodomira Pazos, Francisco Pazos, Ángel Portela, Juan Pousa, Benito Ramírez, Consuelo Ramírez, José Rial, Salvador Sanjorge, Benito Santos Torres, Roberto Sartal, José Torres Palmás, Ramón Torres, Antonio Vidal e Alejandro Vilariño.

En 1918 créase a “Asociación de Mareantes e Socorro Mútuos de Pontevedra e Portos Engadidos de Lourido, Campelo e Combarro” co obxectivo de atender aos enfermos e os pasamentos.

En 1920 a sociedade acorda protestar contra o uso de dinamita na pesca e dirixirse aos mariñeiros doutros portos para emprender unha campaña en contra deste uso. En xaneiro de 1921 o xornal socialista “Nueva Aurora” informa da elección dunha Directiva composta do seguinte xeito:

Presidente: Aurelio Estévez; Vice-Presidente: Xoán Muíños; Secretario: Sabino Martínez; Vice-Secretario: Alejandro Fontán; Contador: Antonio Gómez; Tesoureiro: Eladio Fernández; Vogais: Alejandro Vilariño, José Fontán e Antonio Pazos

A sociedade acude ao XV Congreso da UGT celebrado en 1922 sendo representada polo importante dirixente obreiro pontevedrés Manuel García Filgueira. Ese mesmo ano foi dada de baixa na UGT con motivo das desputas entre socialistas e comunistas.

A Moureira

5) DITADURA DE PRIMO DE RIVERA (1923-1930)

Iniciada a Ditadura de Miguel Primo de Rivera a Diretiva da Sociedade de Mariñeiros de Pontevedra “El Adelanto” foi xulgada en marzo de 1924 pola Audiencia de Pontevedra por un delito de coacción a varios mariñeiros das motoras “Josefa García”, “Concepción”, “Robustiana Teresa” e “Augusto Besada” multados con 30 pesetas pola asociación por non votar a unha candidatura nas eleccións municipais. Formaban parte da Dirección xulgada: Sabino Martínez Fernández, José Ramón Pazos, Miguel Gómez Otero, Juan Muíños Dogando, Juan Torres Pereira, José Antonio Ramírez Montes e Juan Boullosa Ramírez. En 1925 xa estaba constituído o “Sindicato da Industria Pesqueira e as súas Contornas” de Pontevedra, de ideario comunista.

6) II REPÚBLICA ESPAÑOLA (1931-1936)

Nas eleccións municipais do 12 de abril de 1931 conseguiron colocar a un mariñeiro nunha candidatura municipal, da que ao final saíu elixido concelleiro: Miguel Barca Montes.

En outubro de 1931 produciuse unha pelexa no peirado das Corbaceiras, segundo o xornal “El progreso” o incidente obedeceu a “cuestións sociais porque a sociedade de mariñeiros puxera un forte correctivo a unha embarcación e a varios membros da mesma”. Resultaron feridos Maximino Domínguez Ramírez (46 anos) e José Rodríguez Soto (52 anos), sendo agredidos por Jesús Fontán, Enrique García, Jesús Pérez e Manuel García. No mes de agosto de 1933 celebrouse o xuízo na Audiencia Provincial de Pontevedra por este incidente sendo xulgado José García Abilleira.

Maximinio Domínguez Ramírez e familia
© “A Memoria das Mulleres”, Concello de Pontevedra

Segundo algunhas fontes, os mariñeiros pontevedreses estiveron na órbita do PC, en 1935 pertencían á Federación de Traballadores de Pontevedra “La Invencible”, de orientación comunista.

Ricardo Fariña representou en Vigo aos mariñeiros de Pontevedra nas negociacións celebradas entre as sociedades mariñeiras e armadores do sur da Galiza no mes de maio de 1936 por mor do baixo prezo da sardiña.

7) DATOS BIOGRÁFICOS

Modesto Rodríguez Fariña “Torreiro”
© Familia Rodríguez Torres
  • BARCA MONTES MIGUEL: Afiliado á Sociedade de Mariñeiros de Pontevedra, presentouse na Candidatura Republicana-Socialista polo Distrito de Santa María para as eleccións municipais celebradas do 12 de abril de 1931, sendo elixido Concelleiro. En abril de 1936 como candidato suplente de Izquierda Republicana para as eleccións municipais para o Concello de Pontevedra. Casado e con fillos. Na ditadura de Franco chegou a ser Patrón Maior da Cofraría Sindical de Pescadores de Pontevedra e Presidente do Gremio de Mareantes. Faleceu nas Corbaceiras aos 85 anos no mes de marzo de 1965, soterrado no cemiterio de San Amaro.
  • DOMÍNGUEZ RAMÍREZ, MAXIMINO: C.c. Olivia Fariña Torres en Santa María A Maior de Pontevedra en decembro de 1923. Co golpe de estado de 1936 fuxiu mais foi detido. Estivo na prisión da Illa de San Simón. Xulgado por consello de guerra,foi sentenciado o 27 de xuño de 1937 por rebelión militar a reclusión perpetua. Pepe Castro e Montse Fajardo comentan que contaba en 1938 con 52 anos, mariñeiro, veciño da Moureira, participou na fuxida do cárcere do monte Ezkaba (Iruña-Nafarroa). Saíu da prisión de Iruña o 28 de agosto de 1940.
  • DOVAL, JUAN: C.c. Peregrina Fontán Núñez. Fillos: Antonio, Sebastián, Cándido e Francisco Doval Fontán.
  • DOVAL FONTÁN, CÁNDIDO: En maio de 1896 c.c. Desamparados Fernández Fontán. Patrón de Pesca. Sen descendencia. Falecido con 49 anos na Moureira o 28 de xuño de 1925.
  • FARIÑA TORRES, RICARDO “O Louro”: Natural de Pontevedra. Representa aos mariñeiros de Pontevedra na xuntanza que se celebrou en Vigo en maio de 1936 que rematou o conflito polo baixo prezo da sardiña. Xulgado por Auxilio á Rebelión en 1936, tiña 46 anos, Mariñeiro, militante do comunista Sindicato da Industria Pesqueira de Pontevedra, condenado a 12 anos e 1 día en prisión. En xullo de 1937 instruíuselle Expediente de Responsabilidade Civil por parte da Comisión de Incautacións de Bens. En febreiro de 1938 instruíalle un delito de Rebelión por parte do Xulgado Militar.
  • FONTÁN, N: C.c. Carmen García Estremadoira, falecida o 22 de setembro de 1925. Fillos: Luís (c.c. Peregrina Rodríguez), Carmen (Sabino Martínez) e Julia (Antonio Gómez Rodríguez, fillo de Miguel Gómez e Dolores Rodríguez, falecido o 24 de maio de 1927) Fontán García.
  • GARCÍA BELOSO, PRUDENCIO “Milhomes”: Mariñeiro de Pontevedra nomeado mariñeiro interino da Dirección de Sanidade de Bilbo (Euskadi) en agosto de 1895. Presidente dos Mareantes de Pontevedra en 1901, apoiou a candidatura liberal de Eduardo Vincenti. En outubro de 1914 era o Vice-Presidente da Sociedade de Mariñeiros Pescadores “El Adelanto”. En xaneiro de 1917 foi nomeado Vogal da Xunta da Cooperativa Benéfica Republicana de Pontevedra. En 1917 presentou aos mariñeiros na candidatura republicana ás eleccións muncipais de Pontevedra de 1917.
  • GARCÍA ESTREMADOIRA, BENITO: Dono dunha embarcación da Moureira en 1909. Filla: Carmen García Montes, falecida en setembro de 1932.
  • GARCÍA ESTREMADOIRA, LUÍS: Veciño da Moureira, Patrón da lancha “Concepción” que se foi a pique en Bueu en 1913. Piloto do barrio da Moureira que en 1932 celebraba as súas vodas de ouro coas faenas da pesca.
  • GARCÍA GARCÍA, EDUARDO: Fillo de Josefa García Estremadoira. C.c. Pilar García Montes, filla de Benito García. Fillos: José, Pilar, Dolores, María e Eduardo García García. Irmáns: Martín, Carmen, Sofía, Enriqueta, Josefa e Luís García García. Veciño da rúa Nodales. Falecido o 15 de agosto de 1928.
  • GÓMEZ OTERO MIGUEL: Membro da Xunta Directiva da Sociedade de Mariñeiros de Pontevedra, xulgada en 1924 por coacción. En 1933 vivía na rúa Nodales nº 28. Falecido con 90 anos en Pontevedra febreiro de 1955.
  • GUIANCE ANIDO, JUAN: Mariñeiro de Pontevedra nomeado mariñeiro interino da Dirección de Sanidade de Bilbo en agosto de 1895. Tiña 65 anos en 1933.
  • LAGO, SEBASTIÁN: Participa como Piquete da Sociedade de Mariñeiros de Pontevedra en solidariedade coa folga desenvolvida polos seus compañeiros de Marín, tivo que fuxir por un incidente contra un quebrafolga na ponte do Burgo en agosto de 1915. Se cadra se trate de Sebastián Lago Boullosa (mariñeiro de Pontevedra, de 19 anos), que uns días despois dese incidente foi detido xunto co tamén mariñeiro de Pontevedra José Benito Novás (43 anos, trátase presumibelmente de José Benito Novás Boullosa, veciño da Moureira, falecido con 65 anos en Pontevedra en xuño de 1937) pola policia municipal de Sanxenxo por unha disputa co veciño de Padriñán Laureano Martínez Sueiro. Designado en maio de 1924 como membro dunha comisión de mariñeiros de Marín para negociar cos patróns sobre o descanso quincenal. Sendo veciño de Salcedo, faleceu no Pino por un accidente de tráfico en febreiro de 1941, estaba casado e era pai de 9 fillos de curta idade, segundo a prensa a vítima era moi coñecida e estimada en Pontevedra.
  • LOIS REY, JESÚS: Mantivo unha participación moi activa na importante folga mariñeira de Pontevedra de 1914-1915. En outubro de 1924 c.c. Purificación Iglesias González na igrexa de Santa María A Maior, daquela traballaba de empregado na fábrica de lexívia “San Roque” de Lois e Solla. En 1929 aparece como Mariñeiro da Moureira, de 34 anos de idade. Veciño da Moureira, faleceu con 53 anos no mes de xuño de 1945.
  • MARTÍNEZ OGANDO, BENITO: En novembro de 1913 c.c. Cándida Beloso Soto. Mantivo unha importante actividade na folga mariñeiro de 1914-1915. Aparece como José Benito Martínez Ogando, falecido con 75 anos na rúa Sagasta en outubro de 1963.
  • MARTÍNEZ OGANDO, SABINO: Se cadra natural da Moureira, nado en 1896. En agosto de 1915 foi detido con 19 anos, xunto con Antonio Gómez Mouriño, como membros do Comité de Folga dos Mariñeiros (con Jesús Lois e Sebastián Lago), por impedir a un mariñeiro na Ponte do Burgo (Pontevedra) ir traballar. En 1918 un Sabino Martínez foi elixido, xunto con Miguel Fontán e Alejandro Vilariño, Representante da Sociedade de Mariñeiros de Pontevedra no Comité da Federación Obreira de Pontevedra (UGT). En 1921 foi un Sabino Martínez elixido Secretario da Sociedade de Mariñeiros de Pontevedra. En 1924 foi detido un Sabino Martínez Fernández Directivo da Sociedade de Mariñeiros “El Adelante” de Pontevedra. Un Sabino Martínez c.c. Carmen Fontán García, fillo: Sabino Martínez Fontán, que vivía en 1964. En marzo de 1927 nomeado Vogal da Xunta de Pesca polo Distrito de Marín pola Agrupación a). En 1930 a Comandancia de Mariña de Marín nomeouno Garda pesca Xurado sendo Patrón de Pesca e Patrón de Cabotaxe, co dereito a usar calquera embarcación destinada á pesca e transbordarse dunhas a outras. 38 anos en 1933, sendo admitido para o concurso de Axentes de Segunda do Corpo de Auxiliares de Seguridade e Vixilancia no Porto, en novembro foi destinado á Delegación Marítima de Asturias. En 1934 era Axente de Segunda do Corpo Auxiliar de Seguridade e Vixilancia da Delegación de Pesca da Rexión Noroeste da Coruña. Axente de Vixilancia de Pesca, traballaba na Subdelegación Marítima, separado do cargo en 1937. En 1938 o BOE publica que non se revalida o seu título como Patrón de Cabotaxe. Despois fíxose Exportador de peixe. En 1948 era veciño do Concello de Pontevedra, se cadra veciño dos Praceres. En 1957 autorízaselle para instalar catro viveiros de mexillóns na ría de Marín.
  • MUÍÑOS DOGANDO, JUAN: En outubro de 1912 auséntouse a Buenos Aires (Arxentina). En xaneiro de 1921 foi nomeado Vice-Presidente da Sociedade de Mariñeiros de Pontevedra. En 1924 formaba parte da Xunta Directiva da Sociedade de Mariñeiros de Pontevedra “El Adelanto”, xulgada por coacción. Faleceu en Pontevedra con 43 anos no mes de decembro de 1926.
  • NOVÁS BOULLOSA, JOSÉ BENITO: En 1915 era veciño da Moureira, tiña 43 e 45 anos, participa activamente en varios incidentes a prol da folga nos meses de xuño, xullo e agosto. Hai datos de el en setembro de 1916.
  • OGANDO FERNÁNDEZ, RICARDO: Un Ricardo Ogando c.c. Asunción Beloso en decembro de 1902. En 1919 vende, xunto a Baltasar Ogando, unha casa de andar baixo na Fonte do Corvo (A Moureira).
  • RAMÍREZ, BENITO: En 1914 representa a unha Comisión dos Mariñeiros de Pontevedra, alentados pola Federación Obreira Local (UGT), para organizar a Federación Rexional Obreira da Industria Pesqueira da Galiza (FROIP). En 1917 representa aos Obreiros-Mariñeiros nunha candidatura republicana paras as eleccións municipais ao Concello de Pontevedra.
  • de los REYES MARTÍNEZ, ANTONIO: En outubro de 1897 foi nomeado Vogal dunha Comisión de Mariñeiros da Moureira (Pontevedra) contra as Redes denominadas Traíñas. En 1897 tamén aparecen nas sociedades mariñeiras Antonio de los Reyes, Juan de los Reyes. Autorizado pola Axudantía de Mariña de Marín como Práctico da Ría de Pontevedra até Os Praceres en xullo de 1902. En outubro de 1910 representa á Sociedade de Mariñeiros de Pontevedra nas festas de Pontevedra de agosto de 1911. Falecido na Moureira con 74 anos en xullo de 1939, Inspector de Arbitrios do Concello de Pontevedra, na súa nota cronolóxica dicíase: “home moi aprecido, e querido pola súa ombría de ben e de excelentes dotes persoais. Era un gran amante das tradicións pontevedresas, de xeito especial das relativas á clase mariñeira, da que era unha figura representativa. Desde había varios anos nas procesións do Corpus a insignia de Teucro.”
  • RODRÍGUEZ FARIÑA, JOSÉ “Torreiro”: Natural de Pontevedra, fillo de José Rodríguez Soto e de Dolores Fariña Torres. Mariñeiro. Segundo “Nomes e Voces”: <<foi xulgado en Ferrol por deserción co resultado de sobresemento provisional. Incorporado ao Rexemento de Infantería Zamora nº 29>>.
  • RODRÍGUEZ FARIÑA, MODESTO “Torreiro”: Fillo de José Rodríguez Soto e de Dolores Fariña Torres. Cando o Golpe Militar fuxiu, sendo detido e posto a disposición do Xulgado Militar de Instrución de Pontevedra. Estivo na prisión da Coruña. Sufriu un atentado cando estaba coa súa moza nas aforas da praza de touros. C.c. Carmen Estévez Rocha. Ramona Rodríguez Torres, irmá de Modesto e José, foi rapada. O seu mozo tivo que loitar no bando sublevado, ao rematar a guerra foi xunta a ela, e cando o mirou vestido de capa e coas cores da Falanxe botouno da casa e non quixo saber mais de el. Quedou solteira toda a vida.
  • RODRÍGUEZ SOTO, JOSÉ “O Valenciano”: Fillo de José Benito Rodríguez e Mª Concepción Soto Padín (sobriña do pirata Benito Soto Aboal). C.c. Dolores Fariña Torres “A Torrera”, falecida con 80 anos en xullo de 1962 no seu domicilio da rúa Alimirante Mato.
  • RODRÍGUEZ SOTO, TOMÁS: Presumibelmente o mesmo Tomás Rodríguez representante dos Mariñeiros de Pontevedra que participou na constitución da Federación Rexional Obreira da Industria Pesqueira en 1914. C.c. Clementina Veloso Area. Patrón da Cofraría de Pontevedra en 1948. Faleceu con 80 anos en Pontevedra o 1 de marzo de 1960.
  • SUÁREZ MUÑIZ, BENIGNO: Veciño da Moureira. En novembro de 1905 rescata, xunto con José Rodríguez, a José Ramón Soto (veciño da Moureira) que caira do malecón do Berbés (Vigo). En outubro de 1914 representa á Comisión de Pontevedra en nome da Sociedade de Mariñeiros de Pontevedra na fundación da Federación Obreira Rexional da Industria Pesqueira da Galiza. Membro do Comité de Folga Mariñeira en 1915. Detido o 17 de agosto de 1915, xunto con Inocente Couto e outros concelleiros republicanos e socialistas por maltratar ao Xefe da Policia Municipal por desordes na sesión plenaria. En agosto de 1917 exercía de Presidente da Federación Obreira en Marín, intervindo na folga que exercían os obreiros nas obras da construción da base naval, causa pola que foi detido en Pontevedra pola Garda Civil. En novembro de 1917 foi aclamado concelleiro polo Distrito de San Bartolomeu, sendo nomeado como Socialista para exercer como concelleiro a partir do 1 de xaneiro de 1918. En outubro de 1921 o alcalde de Pontevedra suspendeuno das súas funcións por non acodir á alcaldía ao estoupar unha folga e ser requerido a acudir á Casa Consistorial. En xaneiro de 1922 seguía ocupando a súa praza de concelleiro
  • VILARIÑO, ALEJANDRO: Se cadra, Alejandro Vilariño Sanmartín. En 1917 formou parte da Sociedade de Mariñeiros que entraron no Comité da Federación de Traballadores de Pontevedra (UGT). En xaneiro de 1921 foi nomeado Vogal da Sociedade de Mariñeiros de Pontevedra (UGT). En xaneiro de 1934 representa como Suplente á Asociación de Mareantes de Pontevedra na Xunta Provincial do Censo,

8) OUTRAS SOCIEDADES MARIÑEIRAS DO CONCELLO DE PONTEVEDRA

Ramonita Rodríguez Fariña
© Familia Rodríguez Torres
  • Sociedade de Mariñeiros de Arcade e Ponte Sampaio. Hai datos en 1902. Na II República Española estaba federada á UGT.
  • Sociedade de Mariñeiros Pescadores de Estribela. Fundada en 1902.
  • Sociedade de Mariñeiros de Estribela “A Disolvente”. Fundada en 1915.
  • Sindicato de Mariñeiros, Preparadores de peixe e marisqueiros de Campelo (Poio). Aparecen datos no 1932.

9) GREMIO DE MAREANTES

Moitas destas persoas que ocuparon algun posto societario no período comprendido entre 1901 e 1936 apareceran durante a Ditadura de Franco vencellados ao Gremio de Mareantes. Na Xunta Diretiva elixida en febreiro de 1960 foron nomeados:

Presidente: Antonio Fontán Filgueira; Vice-Presidente: Eugenio Villaverde Aboal (Falanxista, desempeñaba o mesmo cargo no Gremio en 1959); Secretario: Ramón Pazos Vilas; Vice-Secretario: Miguel Fontán Barea; Tesoureiro: José Pazos Vilas; Contador: Sebastián Ramírez Vilas; Vogais: José García Vilas, Jorge Acuña Cerdeiras, Juan Ramírez Boullosa, Miguel Barca Montes, Jesús Fontán Fernández e Juan García Fontán

Antonio Álvarez Domínguez
© Mariña Auxiliar de Euskadi

Directiva do Gremio de Mareantes en 1965:

Presidente: Juan Boullosa Ramírez; Vice-Presidente: Jesús Fontán Fernández; Secretario: Ramón Pazos Vilas; Vice-Secretario: Sebastián García Vilas; Tesoureiro: Aurelio Montes Calvo; Contador: Miguel García Gómez; Vogais: José García Vilas, Sebastián Ramírez Núñez, Rafael Hermida Barral e Joaquín Montes Losada

Celso Milleiro Sánchez, marzo do 2022

NOTA: Este artigo está sen rematar, actualizándose constantemente a medida que vaian chegando informacións e datos sobre o movemento asociativo no mundo do mar en Pontevedra. Interesante revisar no Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra a documentación existente sobre o Sindicato da Industria Pesqueira de Pontevedra.

About the Author

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

You may also like these