A Loita da Muller en Marín (III)

Outras organizacións obreiras femeninas

Publicado polo xornal “Nós Diario” o 4 de xuño do 2022.

A sociedade “El Porvenir de la Mujer” reactivouse en 1907 tras a terceira viaxe realizada a Marín polo líder obreiro Pablo Iglesias. En 1908 representaba á sociedade Domingo Campos, esta tutela masculina podería ser debida a unha escasa preparación por parte das operarias, o que obrigaría á Federación Obreira local a fornecer a dirección da sociedade cos seus cadros sindicais. O compromiso ideolóxico do sindicato feminino levoulle á subscrición ao xornal “El Socialista” en 1909 cun donativo de 10 pesetas.

Por aquel entón, as mulleres de Marín tamén protagonizaban a primeira liña de loita contra as novas artes de pesca como o Trabuquete e a Traíña. A presenza das peixeiras nas protestas mariñeiras eran habituais, mais tamén nos actos de sabotaxe: en 1900 organizaron un motín no mercado pola venda de peixe por estes procedementos e en 1903 desfixeron os aparellos de pesca dunha traíña en Loira.

Co paso á seguinte década, a participación da muller vai ser máis activa. Petra Castro, da sociedade O Porvir, foi unha das oradoras no mitin do 1º de maio de 1915. Un ano que vai ser transcendental na política sindical do movemento obreiro, tras unha dura folga de varios meses con enfrontamentos moi violentos. O paro, que foi organizado polo estamento mariñeiro, tivo unha gran repercusión non só a nivel nacional senón tamén a nivel estatal, chegando a ser debatido no Congreso dos Deputados.

A participación da muller no desenvolvemento desta folga foi inusitada pola contundencia da súa actividade. Moitas serían detidas e multadas polos métodos de presión exercidos na lonxa. A sociedade de mulleres apoiou decididamente as reivindicacións dos mariñeiros, o que fixo que a patronal contraatacara impedindo empregar obreiras do sindicato nas fábricas. Tras varios de meses de paro, chegouse a un acordo, mais á entidade supúxolle un gran custe sindical, entrando en barrena e nunha crise que a fixo desaparecer.

Esta circunstancia non desanimou ao sindicalismo socialista para formar outros entes femininos. Tras a unidade sindical entre a UGT e CNT, a Federación Obreira elixiu como Presidente a Eduardo Collado, un dos cadros anarcosindicalistas galegos máis activos. En 1919 puxo en marcha unha sociedade denominada “Estibadoras do Porto, Salgadeiras e Conserveiras do Peixe”, así como a “Atadoras de Marín e a súa Contorna” e en 1920 “Xastres e Semellantes”. Dentro das loitas entre socialistas e anarquistas, creouse en 1922 “O Porvir, Mulleres Conserveiras e Traballadoras do Porto de Marín e a súa Contorna”. Rosalía Rapalo, sería nomeada Vicepresidenta da Sociedade de Conserveiras en 1921, o cargo máis importante que até aquel entón conseguía unha muller. Moitas das operarias que formaban parte das direccións societarias eran mulleres de delegados sindicais, sendo estes os que alentaban a participación nas mesmas.

Comezan os anos vinte co golpe de Estado e a ditadura de Primo de Rivera. En 1923 os datos de mulleres da lonxa asociadas, empacadoras e carrexadoras chegaban a 700. Entre as reivindicacións que sobresaen neste período atopámonos coas peixeiras que vendían no mercado, moitas das cales realizaban a súa labor sen ter un refuxio onde agocharse, mentres as conserveiras e traballadoras do peixe solicitaban o subsidio de maternidade. O problema de falla de carbón tivo como consecuencia o despedimento das carboeiras que traballaban nos pontóns do porto, o que provocou as protestas das sociedades obreiras.

Trala chegada da II República, o anarcosindicalismo renaceu con moita forza despois de varios anos perseguidos pola ditadura. A “Sección Empacadoras da Lonxa de Peixe”, afecta ao anarquista Sindicato de Industria Pesqueira (SIP), que declarou en 1931 a folga tras un Lockout da patronal, que non quixo facer fronte as demandas das traballadoras sobre o descanso quincenal e a contratación de operarios asociados. Estas mulleres protagonizaron outro incidente ao ano seguinte, tras agredir a pedradas un barco procedente de Bueu, que quixo descargar peixe coincidindo cun conflito de folga mariñeira en Marín, motivando unha forte discusión entre o alcalde socialista Blanco Solla e o delegado anarquista Collado.

O SIP estaba composto por varias seccións, entre as que estaban as Redeiras, traballadoras do Porto, Marisqueiras, Conserveiras e Empacadoras. En 1932 declarou a folga polo Seguro de Maternidade, mais non contou co apoio dos obreiros que non estaban no sindicato, sendo un fracaso pola escasa implicación conseguida.

Durante a etapa republicana foron continuas desavinzas entre socialistas e anarquistas, eran tan patentes que provocaba pelexas entre elas. A UGT mantiña unha sociedade de conserveiras e traballadoras do Porto, e en 1932 fundou “A Armonía”, ente obreiro mixto de traballadoras marisqueiras formado por 170 mulleres e homes que elixiu a Casilda Pazos Pérez como a súa Presidenta.

As mulleres ocuparían máis espazo de poder de decisión nas sociedades de operarias. No intre do estoupido do golpe de estado de 1936, Dolores Santiago Troitiño era a Presidenta da Sociedade de Chaboleiras e Empacadoras (CNT) e Carmen Vilas Veiga presidía a Sociedade de Conserveiras e Estibadoras do Porto de Marín (UGT).

About the Author

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

You may also like these