As Casas Consistoriais do Concello de Marín

Até onde teño constancia o Concello de Marín tivo dúas situacións anteriores. A cimentación da actual Casa realizouse en 1928, sendo rematada en 1930, aínda que a actual vidreira data de 1931.

Previamente o Consistorio residía na actual rúa Real, que coa nova constución foi posta en venta. Así anunciaba o xornal “La Voz de Galicia” o 28 de setembro de 1930:

“O Concello de Marín acordou pedir autorización ao ministerio para poder vender o edificio da antiga Casa Consistorial, xa que existe no presuposto de ingresos unha partida de 59 mil pesetas por este concepto.”

Sobre como era esta construción municipal da rúa Real o xornal “Faro de Vigo” do 13 de abril de 1931 comunicaba a seguinte nova:

“O día 30 do corrente ás once da súa mañá, terá lugar nesta Consistorial a venda da casa situada na rúa de Montero Ríos, de baixo, dous andares e bufarda, cunha casiña de baixo e sobrado unida e unha horta a viña e froiteiras. Mide a casa 153 metros cadrados e a horta nove áreas trinta e sete centiáreas. O tipo de licitación é de cincuenta mil pesetas. Para máis detalles pode consultarse ao Boletín Oficial do día 9 do Corrente, ademais do Expediente obrante nas oficinas do Concello. O ALCALDE, José Alcántara.”

Foi en 1868 cando o Concello de Marín trasladou a Casa á rúa Real. Anteriormente o Consistorio Municipal situábase na rúa da Calzada, nunha construción desaparecida aproximadamente no ano 2000. Algunhas fontes sinalan que posibelmente esta construción tivera antes un servizo ben distinto, o cárcere do Priorado. No dintel de entrada aparecía: “AÑO DE 1744”.

NOTA:

  1. A Foto da antiga Casa Consistorial de Marín tirado do muro de facebook de “Marín Daquela”.
  2. Datos xornalísticos recollidos polo Investigador e Mestre do CPI O Sequelo José Antonio Pazos Pazos

About the Author

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

You may also like these