A Loita da Muller en Marín (e IV)

A Represión

Publicado no xornal Nós Diario o 3 de setembro do 2022.

Existe un alto número de mulleres represaliadas no concello de Marín durante os primeiros meses após o golpe de estado do 36,  comparando cos datos que temos na actualidade noutros concellos galegos. Abofé a temática está pouco estudada en profundidade a nivel local. Mais saber o número exacto das mulleres que foron perseguidas é unha cuestión difícil de tratar, dado que están escasamente documentadas, sendo agochadas algúns casos, ás veces, por vergoña. Entre os métodos represivos constatamos: asasinatos, violacións, prisións, detencións, rapas de pelo con exposición pública, malleiras, depuracións de emprego, multas coercitivas, fuxidas ou aceites de rícino. Hai outros elementos de carácter subxectivo mais difíciles de recoller como a estigma social, sen quitar a represión xeral que levaron nos seus dereitos como persoas.

As causas son diversas e van desde mulleres sindicadas ou cun alto grado de ideoloxía política, ou polas mulleres casadas con cadros políticos sindicais pasando polas que participaron na resistencia ao golpe e un último elemento no que encadrarían aquelas persoas que se viron sometidas ao abuso do poder do momento que non tiñan relación directa coa política ou o sindicalismo. Sexa cal sexa o caso, os golpistas trataban de amedrentar ao pobo e ás mulleres en xeral, desposuíndoas de calquera indicio de loita polos seus dereitos obrigándoas a ser persoas de terceira categoría. Represión tamén foi o que sufriron as mulleres divorciadas ás que a ditadura anulou o seu estado civil conseguido, en Marín constátase até 8 casos.

A historia máis coñecida por mor de acabar en asasinato, tras unha violación múltiple, e se cadra con vexacións traumáticas ó seu corpo, foi o de Carmen Pesqueira Domínguez “Capirota”. Algunhas fontes sinalan que estivera afiliada a algún sindicato e que foi un “desamor” dalgún falanxista. A razón principal foi a valentía e ousadía de recriminar en público a uns falanxistas por mallar a un veciño que non alzou o brazo tras berrar “viva España”. Detrás desta morte hai outros elementos a ter en conta; a Capirota era unha muller solteira cun fillo, polo que os que a mataron sentíronse co dereito de abusar dela, sendo un claro exemplo do que hoxe chamamos violencia machista.

Sen lugar a dúbidas pretendíase por outro lado amedrentar ao pobo coas súas accións, polo que unha vez asasinada o seu corpo foi chimpado a unha rúa de Bueu para que a xente a vise e tivese en conta as consecuencias que podía carrexar ter ideas ou contravir o novo status quo.

Varias sindicalistas da lonxa sumáronse á folga revolucionaria o día 20 de xullo de 1936 coa intención de opoñerse ao golpe, formando un piquete co obxectivo de paralizar o traballo. Foron detidas días despois e acabaron sendo rapadas e obrigadas a desfilar polas rúas como escarnio público e intimidatorio para outras, son os casos, entre outros, de Aurelia González Parada “Caxica” e Josefa Beloso Pazos “Gharsona”.

Outras mulleres participaron nas chekas organizadas polo concello da Fronte Popular para a requisas de armas nas casas de persoeiros da dereita local. Foron condenadas a prisión durante varios anos a Saturraran (Gipuzkoa): Asunción Vilas López “Vidala”, Adelina Otero Martínez “Pichón” e a súa irmá Ramona “Casqueira”. Semella que as tres estaban afiliadas a un sindicato da conserveira. Mellor sorte tivo Dolores Santiago Troitiño “Pasionaria”, Presidenta das redeiras e chaboleiras, irmá de varios armadores que evitaron que a condenaran obrigándoa a vivir en Huelva algún tempo. Emilia Pérez Pazos “Machada” foi condenada a prisión por agochar na súa casa da Coruña a varias persoas da CNT.

Temos constancia dun único caso de muller ao que se lle abriu expediente de responsabilidades políticas, a Encargada de Fábrica Eulalia Cortegoso Pousada. Tamén as mestras tiveron que pasar por un filtro de depuración, sendo tres delas castigadas con suspensión de emprego e soldo durante varios anos: Dolores Cea Montenegro, Eladia Milleiro Sampedro e Dolores Macías González. Nestes tres casos non están moi claros os motivos polos que sufriron estes castigos ao tratarse de persoas moi relixiosas polo que no fondo podería agocharse algún tipo de retesía persoal e outros motivos non políticos propiamente ditos.

Pese ás detencións e fuxidas das súas casas de moitas mulleres por medo a represalias, son numerosos os casos de mulleres rapadas e sometidas a aceite de rícino, un pastor evanxélico denunciaba no seu diario no mes de agosto de 1936 que se estaban rapando a moitas delas nas rúas. Este tipo de acción foi un motivo de vergoña para algunhas delas e as súas familias, que agocharon esta circunstancia nas xeracións seguintes dificultando nos estudos unha aproximación total das represaliadas por este método. Entre a información apañada contamos con medio centenar, mais o número podería excedelo.

Outro tipo de represión foi o abuso sexual ó que foron sometidas, e se cadra sexa este o máis difícil de detectar, a día de hoxe recollemos tres.

About the Author

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

You may also like these