Artigo publicado no xornal “Nós Diario” o 29 de outubro do 2022
Descoñezo cando empeza a relación de Marín coa Armada, mais no século XIX gozaba dunha Axudantía de Mariña rexentada por un oficial coa gradación de Tenente de Navío, aínda que algúns persoeiros políticos desexaban en 1886 que pasara a constituírse en Comandancia de Mariña.
En 1915 prodúcese un punto de inflexión na modernización e potenciación dos recursos de guerra da mariña española, provocando na Galiza o establecemento de bases navais secundarias na Graña, Ríos (Vigo) e Marín. O proxecto final por desenvolver polo Ministerio de Guerra nesta última localidade foi a construción dunha base de submarinos. Esta infraestrutura trastornará para sempre a fisionomía e a sociedade do concello do Morrazo, unha vila mariñeira que xa daquela tamén contaba cunha importante Federación Obreira, así como unha fortísima comunidade evanxélica. A instalación militar foi recibida con ledicia por todos os sectores sociais, incluídos os operarios que ollaban na construción da infraestrutura militar unha oportunidade que paliase o forte paro obreiro local que existía nese intre.
Os primeiros problemas visualizáronse de súpeto, con expropiacións forzosas, maioritariamente en propiedades de persoeiros pertencentes á burguesía local. As obras comezaron en 1916 e tres anos despois os propietarios aínda non cobraran os cartos dos terreos incautados pola Armada.
As consecuencias do que estaba acontecendo tamén chegaron á sociedade de Marín cando en 1917 as mulleres da vila se viron obrigadas a cambiar a súa praia de baño, moi próxima á construción, polo volume de obreiros que traballaban nas obras, 378 segundo cifras oficiais. Aos poucos íanse perdendo espazos públicos, do mesmo xeito que se apropiaban doutros bens necesarios para a veciñanza como a auga. Nun anteproxecto de 1918 a Armada abría un expediente de expropiación para a captación e utilización da auga do río Neivó. Os veciños de Silvestre, Miñán e A Esperela protestaron en 1920 ao verse privados da traída de augas que usaban para os regos. Un acordo final fixou que a Mariña cedese o sobrante á comunidade de regueiros.
En 1921 o Ministerio da Guerra decidiu cambiar a orientación da base transformándoa nun Polígono de Tiro Naval e Artillaría. A Sociedade de Pescadores “Alianza Mariñeira” e as sociedades de Maquinista e de Patróns de Cabotaxe, co apoio da Federación Local de Traballadores, rexeitaron o novo sentido polo temor ao descenso da captura da pesca que provocarían as manobras militares no conxunto da ría. A sociedade de comerciantes, xunto co Liceo Casino, o Recreo de Artesáns e a sociedade de armadores, convocaron unha manifestación para amosar a súa satisfacción pola nova decisión, á que acudiron unhas trescentas persoas. Un fracaso en certa maneira tendo en conta as 5000 persoas que asistiron dous anos despois na defensa para a incautación pública da Lonxa, o que reflexaba, entendo, un malestar existente nunha parte da poboación local.
Mentres, a condescendencia con que as capas burguesas trataban á oficialidade era allea nas clases populares. Ben é certo que os primeiros se beneficiaban polo medre dos traballos de lavandaría, comercio e hostalaría principalmente, mais o corpo militar non era ben visto por unha boa parte da sociedade obreira e comprometida que miraba con receos un estamento ao servizo do poder.
En 1925 fíxose unha rede de canles de auga coas 38 a 44 minas existentes nos Campos de Gagán (Piñeiro), nos prados naturais de Lagocheiras, minas que eran usadas até aquel entón pola veciñanza do lugar nun territorio baldío. Ademais continuaron as expropiacións forzosas de terreos para a captación de augas en Pardavila, Macenlle e na vila de Marín en 1929.
Nas varias homenaxes realizadas en 1927 e 1928 ao Comandante Director do Polígono de Tiro Naval Janer, Salvador Moreno Fernández “Chambo”, non participou o estamento organizado da clase obreira, descoñecendo as razóns desta ausencia. Mais coa chegada da República a nova corporación republicana-socialista-agraria amosaba nunha moción a súa satisfacción pola destitución como Xefe da Base Naval, aprobándose co apoio da maioría das forzas republicanas e dous edís saídos na lista monárquica. Armadores e comerciantes reaccionaron acudindo a Ferrol para acompañar e apoiar ao militar.
Tras a revolución de outubro de 1934 o Polígono Naval foi utilizado como prisión de sindicalistas e políticos de esquerdas, que foron conducidos a un pontón que actuou de presidio, mentres as tropas de mariñeiría vixiaban desde dentro o transporte entre a localidade e a capital provincial. Cos resultados das eleccións do 16 de febreiro de 1936 a oficialidade manobrou e organizou o golpe de estado no sur da Galiza, sendo despois un centro de detención dos afectos á legalidade democrática da II República Española. Motivo polo que foi aplaudido polas novas autoridades políticas locais poñendo os nomes de “Polígono Naval Janer” e “Exército e Mariña” a dúas rúas de Marín, nomenclátor que existe hoxe en día e que o actual goberno municipal de Marín do PP se nega a eliminar.