Brasón (artigo publicado no Diario de Pontevedra o 28 de xullo de 2020)
Un dos atractivos da rúa Real de Marín é a Pedra Armeira dun edificio que gusto chamar Casa dos “Blanco Freijeiro”. Como é notorio o brasón, presumibelmente do século XVIII, non ten a ver coa construción actual. O lugar onde está situada foi adquirida no seu tempo por Tomasa Veiga Rodríguez, propietaria abastada da vila de Marín, e dona, entre outras cousas, da antiga Casa de Baños. Sinala o meu prezado amigo Víctor Blanco Freijeiro, neto de Tomasa, que noutrora había unha pequena casa en estado ruinoso portando o escudo e que ademais contaba con dous hórreos. No seu lugar, en 1929, foi construída a actual edificación polo contratista Constantino de la Torre e grazas a Antonio Blanco Porto, xenro de Tomasa, o brasón foi incorporado á nova construción co fin de conservalo.
Os entendidos en heráldica relacionan o escudo coa Casa de Guimeráns, coñecida hoxe en día como Pazo da Torre (Piñeiro), pois semella que a Pedra Armeira representa ás liñaxes dos Pereira, Ozores, Soutomaior e Pimentel. De como chegou o brasón á rúa Real é hoxe un misterio, cando menos para min, e se cadra bote en falta na Casa unha placa que lembre que alí viviron o egrexio Antonio Blanco Porto e o seu fillo o ilustre marinense Antonio Blanco Freijeiro.