No 70 aniversario do Ateneo Santa Cecilia de Marín

Artigo publicado o 16 de decembro do 2022 no xornal “A Nova Peneira”.

Segundo nos relata o historiador Xosé Álvarez, o 13 de marzo de 1947 desarticulouse unha organización de propaganda anti-franquista que operaba en Pontevedra, Marín e a súa contorna, así como varias células comunistas en xullo de 1951. Era as últimas rabexadas de resistencia anti-franquista dunha xeración que coñeceu directamente as vicisitudes da II República Española e a Guerra Civil. Tempos en que a Sociedade Recreo de Artesáns, o único ente que ficou en Marín despois da contenda bélica e a represión que mantivo certas reminiscencias culturais, estaba ou entraba no ocaso.

Neste contexto político e social nacía en 1952 a Asociación de Cultura e Arte Santa Cecilia, ao abeiro dos faladoiros que se realizaban na farmacia de “Felitos” Massó, un monárquico admirador da figura de Primo de Rivera, mais unha persoa culta e con algunha perspectiva de miras. Con el, un feixe de músicos, intelectuais e outros persoeiros do concello decidiron fundar a Asociación. Tamén significou un punto de encontro entre dous bandos enfrontados, é dicir, os que defenderon a legalidade democrática da II República Española e os que se revelaron contra ela, algúns dos cales foron reprimidos nos primeiros anos da ditadura, caso do mestre galeguista Manuel Torres Martínez ou dos socialistas Ángel Folgar Bermúdez, Eduardo Otero Molas ou Francisco López Crespo “O Cautivo”.

Baixo a atenta mirada do réxime ditatorial, neses intres con certa apertura por unha necesidade imperiosa do estado e pola estratexia política dos EUA, permitiron con limitacións o desenvolvemento das súas actividades sen deixar que os “elementos” republicanos tiveran acceso a postos de alta responsabilidade nas directivas que se sucedían anualmente. Cabe lembrar que Eduardo Otero Molas foi un dos detidos en 1947.

Nesta conxuntura, os actos públicos da Sociedade eran controlados desde a “tribuna” por cargos políticos e militares da ditadura. A presenza de figuras senlleiras como o galeguista Otero Pedraio ou Vicente Risco daban unha alta calidade ás actividades da Sociedade mesturadas, iso si, con celebracións relixiosas e múltiples actuacións musicais dado o peso que os músicos tiñan no Ateneo. Os músicos da Escola Naval Militar, moitos deles procedentes doutras latitudes do Estado, aportaron o seu gran de area ó fortalecemento do traballo da asociación.

En 1958 contaba xa con 600 socios, mostra do bo facer que daquela realizaban, como a recuperación dos maios. Hai que subliñar outros proxectos como a creación dun Arquivo Gráfico de Marín en 1970 ou nos seus inicios iniciativas como a creación de becas de estudos de bacharelato.

O Ateneo Santa Cecilia foi un aire fresco na decadencia social e cultural do concello tras a guerra civil, que pese a contar con numerosos cargos directivos do réxime franquista soubo incluír a presenza de republicanos, que ao fin e ao cabo foron os que deron á Sociedade o calado cultural que necesitaba o concello, aínda coas restricións políticas do momento. Un destes persoeiros foi Carlos Paratcha Vázquez ao que na actualidade aínda non lle foi recoñecida como se debe a súa importancia investigadora e científica.

About the Author

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

You may also like these