A historia proscrita da Escola Naval Militar de Marín (1938-2022)

Publicado polo xornal “Nós Diario” o 24 de decembro do 2022

Durante a guerra civil española, exactamente o 10 de decembro de 1938, o ilegal goberno golpista decidía a reorientación do Polígono de Tiro e Artillaría de Marín en Escola Naval Militar, dada a falta de capacidade que tiña neses intres a instalación de San Fernando (Cádiz). O centro de formación de oficiais foi inaugurado o 15 de agosto de 1943 coa presencia do ditador Francisco Franco.

Neste proxecto inicial, e antes de publicarse oficialmente a noticia, contemplouse “adquirir” terreos co obxectivo de construír vivendas para xefes, oficiais e auxiliares (suboficiais) da Armada. Esta transformación precisaba a execución de grandes obras en edificios, peiraos e instalacións que deron lugar a expropiacións forzosas privadas e públicas, así como a destrución do patrimonio histórico-artístico, paisaxístico e ambiental.

De fontes orais coñécese a resistencia de propietarios ás incautacións dos seus terreos para a dotación da infraestrutura militar. Unha delas tivo a ver cos predios que hoxe ocupan as antigas casas de suboficiais delimitados polos eidos do Sequelo, As Favarizas e O Souto, onde os donos foron chimpados a golpe de culatazos das súas propiedades.

A chegada da Escola Naval Militar a Marín conlevou unha importante modificación da fisionomía paisaxística do concello, non só de instalacións e vivendas militares senón dos recheos para ampliar a infraestrutura da mariña, caso da situación da actual pista de atletismo, e a perda definitiva de areais como o das Mulleres e dos Homes.

Con resignación da veciñanza foi a perda civil do peirao do Oeste, compartido durante algúns anos coas embarcacións comerciais, e que hoxe en día leva o nome do golpista Almirante Manuel Vierna Belando. Os mariñeiros de baixura tamén se viron afectados tanto polo peche temporal das prácticas de tiro así como ao acceso á Banda do Río das embarcacións xeiteiras, habilitándoselles a praia do Cemiterio, previa solicitude para pasar pola enseada que formaban os dou peiraos da vila.

Outra das aberracións derivadas pola presenza da Escola Naval ten a ver coa estrada nova que comunica a vila con Pontevedra, non só melloraba a comunicación entre os dous lugares senón que o goberno da ditadura executou a obra pensando nunha vía que reducise a distancia da Escola Naval e a capital provincial e polo tanto un acceso inmediato ao antigo Goberno Civil Provincial e ao Goberno Militar de Pontevedra. Esta nova estrada de comunicación danaba un ecosistema e unha fonte de traballo marisqueiro que derivou en 1949 nunha protesta dos veciños dos Praceres, liderada por Amalia Santiago Castro “A do Cabo”.

Anos máis tarde foi aproveitada para encher a parte sur da estrada para instalar unha fábrica de celulosas, xerando en 1959 unha protesta de rexeitamento das mariscadoras, moitas das cales foron arrestadas e conducidas á prisión de Pontevedra.

Por outra parte o patrimonio arqueolóxico tamén foi violentado, coma a eliminación dos petróglifos das laxes da Roura e dos Bolos. Perto do antigo hospital da Escola Naval estaba o petróglifo dunha serpe coñecido como “Gamela” ou “dos Namorados”, situado nun promontorio rochoso que quedaba ao descuberto co devalo da marea. Atribuíase virtudes fecundadoras, polo que moitas mulleres, ao parecer estériles, recobraban a súa fertilidade ao rañar as nádegas sobre a rocha nunha noite de plenilunio e recibir o baño das pequenas ondas. Dentro deste lugar máxico desapareceron a fonte das Bruxas e a lendaria cova de María da Manta.

Entre as expropiacións forzosas realizadas pola ENM atopámonos coas casas sen servizos de sete familias de condición humilde no lugar do Forte (A Banda do Río). En 1958 iniciouse o expediente para a construción dunha piscina no recinto militar e estas vivendas entraron no seu perímetro de seguridade. En 1963 foron botados do lugar e reconducidos a uns pisos de baixa calidade. O sorprendente do caso foi que nos anos 80 construíuse un edificio no lugar, sen que ata agora coñezamos o cambio da causa no perímetro de seguranza.

En 1920 Jaime Janer contemplou “adquirir” un campo de tiro no monte Penizas (O Campo). En 1923 o Xefe da base rexistraba catro terreos do monte nos eidos de “Cobas de Arriba” e “Tomada Serrada” correspondentes a catro propietarios nun expediente de dominio instruído polo militar perante o Xuíz de 1ª Instancia de Pontevedra que logo se dirán “doadas” polos catro donos por perto de 5.700 pesetas. Unha pequena parte do Campo de Tiro está afectada como terreo comunal.

Entre os anos 2012 e 2013 a ENM legalizou 8 minas no monte Gagán (Piñeiro), o que conlevou a presentación dunha alegación da Comunidade de Montes de Piñeiro ao estar situadas en monte comunal, que polos principios de Indivisibilidade, Inalienabilidade, Inembargábel e Imprescritíbel dos terreos que se rexen pola lei xermánica non poden pasar a outra propiedade. No 2017 o Ministerio de Defensa clasificou a documentación como “Secreto de Estado”.

About the Author

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

You may also like these