Publicado polo xornal A Nova Peneira, o 20 de setembro de 2024
Josep Bofill i Molfullada naceu en Catalunya a mediados do século XIX, trasladándose a Galiza polos negocios empresariais dos seus pais.
Estivo vinculado á venda de sal e carbón con apertura de varios almacéns en varias localidades do noso País, o que lle supuxo a obtención dunha fortuna económica.
Foi a finais dese século cando o documentamos no concello de Marín tratando de establecer depósitos flotantes de carbón, mais Bofill posuía outros negocios como unha fábrica de fundición e un estaleiro.
Nos primeiros anos do séc. XX, o seu armazón empresarial estaban en auxe, tanto que foi obsequiado cun banquete popular polos suculentos beneficios que xeraban as súas empresas no concello.
Sen lugar a dúbidas, era o que chamariamos na actualidade un emprendedor, entre as súas ideas estaban como exemplos a instalación dunha potente máquina para serrar madeiras e unha fábrica de xabón en 1897 e a creación en 1902 dunha empresa de vapores que comunicara entre si todos os portos das rías. Mais este proxecto non chegou a executar dado que rematou cun preito cunha parte dos socios por quebrantos de créditos, que deu lugar a suspensións de pagos nas súas empresas e un camiño xudicial que rematou en multas e o seu paso por prisión.
Dez anos despois, entre 1913 e 1914, foi quen de retomar os seus negocios de almacenamento de sal e carbón e en 1923 solicitou permiso para a implantación dun transporte de autobús entre Marín e a capital provincial.
Empresario peculiar, con boas ideas e desastroso para os negocios, se cadra unido a un chisco de mala sorte, Bofill foi unha persoa comprometida. En 1902 creou a Sociedade Obreira Cooperativa de Consumos “O Traballo”, pensando no benestar da clase operaria. Ideoloxicamente era republicano, apoiando decididamente a candidatura municipal obreira-agraria-republicana de Marín nas eleccións de 1931. Entre outros asuntos, foi designado en 1923 como Vice-Presidente do Comité Executivo da Xunta de Defensa da Lonxa Pública.
Secundino Lorenzo Touza definiu a Josep Bofill como: “home de gran capacidade para expor os negocios e de poucas ou ningunha fortuna para o desenvolvemento deles. Era un home, todo un señor, que viaxara moito e a súa conversación era correcta, fina e amena. Era un gastrónomo, un goumet [sic] a estilo Brillat – Savarin, e gustara os mellores pratos e os máis exquisitos viños europeos. E dicía ou aseguraba con autoridade de experto, que entre todos os viños de mesa, ningún como o bo viño tinto de aquí, de Marín. Pulcro, cortés, afábel, levou a súa pobreza de última hora con dignidade”.
Faleceu en Marín o 29 de novembro de 1935, sendo soterrado no cemiterio da Raña.