Marinenses, guerra civil e legado memorístico

Publicado polo Xornal “A Nova Peneira”, o 23 de decembro do 2024

Na historia máis dramática do século XX, o golpe de estado e posterior represión acontecida na Galiza, así como a guerra civil desenvolvida no Estado Español no período 1936-1939 provocou un cambio nas vidas das persoas que viviron naqueles intres. Algunhas delas deixáronos testemuños escritos do acontecido nas súas vidas, das cales unha parte por diferentes motivos non foron publicadas; formando todas elas parte da nosa memoria colectiva.

Jesús Carballo Quiroga, nado en Aguete (Seixo), deixou un legado, Euskalherria 1995, da súa biografía onde a familia podería ter a ben autorizar a súa publicación para o coñecemento desta etapa do noso pasado que nos axude comprender en primeira persoa os avatares de pre e posguerra, desde a vida de cativo no seu Seixo natal até a emigración mariñeira galega-marinense en Trintxerpe.

Caso diferente foi o do mecánico de Aviación e comunista Sol Aparicio Rodríguez, nado en Estribela (Lourizán), a súa testemuña forxa a base dun guión dunha película de acción de feitos reais. O seu libro “Yo combatí en tres guerras”, publicado en México en 1973, fai un repaso, entre outras, da súa vida militar nos exércitos do rei Afonso XIII, no republicano e máis tarde no soviético.

O natural de Casás (Ardán), José Pastoriza Soto, deixou para a posteridade un libriño, aínda que desta volta en forma de poemas “Reflejos en las Orillas del Sena”, publicado en París en 1975, na que recentemente o Consello da Cultura Galega realizou unha edición facsimilar cunha introspección biográfica do autor escrita polos historiadores memorísticos Eliseo Fernández e Dionisio Pereira.

Ás miñas mans chegaron varios escritos doutros marinenses, como o que foi Xefe Local do Movemento Raúl Santiago Taracido, mais desde unha óptica diferente amosa outra visión da historia de Marín do século XX, conformando de igual xeito parte do noso legado, que ten o seu interese como fonte documental de análise e crítica deste período convulso.

Debería o Concello de Marín editar os escritos e memorias realizados pola veciñanza, conservados con agarimo polas familias, dado que conforman o noso pasado, onde cada quen relatou as súas vivencias, abofé, desde unha óptica moi persoal e xeitos de enfocar as cuestións máis elementais transcendentes, así como outras intranscendentes, seica.

Aínda que non son memorias, algúns veciños realizan procuras para construír relatos familiares. Quen sabe se no futuro poderémonos deleitar co traballo de investigación que se está realizando nestes intres sobre os Irmáns Lobeira Rodríguez, nados en Montecelo (Seixo), que de seguro vai a gustar, de facerse público, aos que gozamos da historia e de relatos verídicos, onde tamén a guerra civil e as súas consecuencias xogan un papel determinante.

Existen outros de carácter, se cadra, máis íntimo aínda que na miña opinión persoal tamén deberían ser editados para o coñecemento do pobo dado que non deixan de ser documentos históricos de análise e de comprensión da vida social e económica local, caso do traballo que se realiza tamén nestes momentos sobre as memorias de Santiago Landín Díaz “O Xaboneiro”.

Todas elas, como outras non citadas neste artigo, forman parte da historia local e polo tanto son fontes necesarias.

About the Author

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

You may also like these