Houbo mulleres presas na illa de San Simón?

Artigo da Xornalista Montse Fajardo: xornalista e escritora especializada en memoria histórica.

Foi unha constante no traballo da memoria oral con perspectiva de xénero. De cando en vez unha testemuña aseguraba que a súa nai, ou xa máis recentemente a súa avoa, estivera detida en San Simón. Ao principio xurdían dúbidas, equivocaríase de cárcere? As listaxes oficiais só recollían homes, pero tampouco era fácil confundir a illa con calquera outra prisión. Outra posibilidade era que a testemuña acompañase a adulta a visitar alí outro reo logo de acadar ela a liberdade, pero por moi nena que sexas ver a túa nai presa provoca un impacto difícil de mesturar cunha viaxe na súa compaña.

Retidas no Lazareto

Lembro a Rosalía –orfa do comunista José Domingo González Boullosa, asasinado na Estrada o 9 de outubro de 1936–contando hai moitos anos que a súa nai, Rosalía Génova Freire, estivera presa na illa. Lembro a súa contundencia, o detalle de cada dato. Por moito que os papeis teimaran eu tiña claro que ela estaba no certo. Logo coñecín a Queta, presidenta da ARMH de Marín e tesoureira dunha grande información sobre o cárcere de San Simón onde o seu pai, Eduardo Otero Molas, estivo preso tres anos. Ela tampouco dubidaba: en San Simón, nalgún momento, houbera mulleres presas. Por exemplo, a presidenta da Sección de Empacadoras y Chaboleras da lonxa de Marín, Dolores Santiago Troitiño, que como ben subliña o historiador Dionisio Pereira, é a primeira galega da que hai constancia que fora liberada sindical.

Como fixera Rosalía González, foi a filla de Dolores a que contou que a súa nai estivera retida no Lazareto ata que os irmáns, militantes na Falange, puideran conseguirlle a liberdade. E o mesmo pasaba coa tamén marinense Aurelia González Parada, alcumada a Caxica. Desta volta foi a neta –Aurelia non tivera fillas mais criou a unha nena doutra como se fose dela–quen repetiu a estadía escoitada tantas veces e así a recolleu o investigador local, Celso Milleiro, quen destaca a afouteza da Caxica desde os primeiros días do golpe, cando alentou á folga na lonxa marinense e, segundo algunhas testemuñas, mesmo se enfrontou cun garda civil ao que acabou tirando ao mar. Foi por iso que a raparon, obrigáronlle a tomar aceite de rícino e logo paseárona pola vila a modo de escarnio, antes de levala presa á illa. Mais ela nunca baixou a cabeza e anos despois aínda lle deu unha labazada a un garda abusón e só a intervención do alcalde lle evitou un mal maior.

Otilia foi apresada por ser unha das pontevedresas que o 20 de xullo de 1936 se achegaron ao goberno civil para intentar parar o golpe

Mais tampouco había nos papeis de San Simón rexistro de Aurelia. Como non houbera de Dolores, nin de Rosalía. Así que as que teimábamos na certeza teimábamos baixiño porque, aínda que nós poidamos discrepar, para moita historiografía a memoria oral precisa da rúbrica do papel. Porén, hai uns días, e como tantas outras veces, o historiador Xosé Álvarez Castro volveu acudir ao noso rescate ao atopar entre a documentación de San Simón, e en concreto, nunha das listaxes que a oficialidade franquista fixo dos presos da illa o nome dunha muller, Otilia Meis, vella coñecida da memoria de Pontevedra por ser unha das rescatadas do esquecemento, primeiro polos estudos do propio Álvarez Castro, e logo polo programa A memoria das mulleres que puxo en marcha na cidade o nacionalista Luís Bará durante a súa etapa como concelleiro. Sabiamos desde hai tempo que Otilia estivera presa pero non ata o de agora que pasara por San Simón.

Estadía de paso

Así o avala o documento, que ao sinalar que Otilia saíu de San Simón para o cárcere provincial o 10 de outubro de 1936 abre a porta a constatar que, polo menos nos primeiros momentos, houbo mulleres presas na illa. Probablemente fora unha estadía de paso ata decidir onde cumprirían condena, e probablemente limitouse a unhas poucas semanas, aquelas nas que a poboación reclusa se nutría principalmente de municipios das Rías Baixas. Pero si: a descendencia de Rosalía, Dolores e Aurelia non se enganaba, cada vez hai máis certeza de que malia o silencio dos papeis na illa houbo mulleres.

“O meu pai estivo no Lazareto tres anos, do 36 ao 39 e non aparece en ningunha listaxe, só nun documento que recolle o seu traslado a Figueirido en 1941”, explica Queta Otero-Molas. “Sabemos que a documentación accesible da illa está incompleta, así que o feito de que ata o de agora non apareceran mulleres nas listaxes non significa que nos as houbese”, engade.

Otilia foi apresada por ser unha das pontevedresas que o 20 de xullo de 1936 se achegaron ao goberno civil para intentar parar o golpe. Seguro que a listaxe das mulleres apresadas na illa que ela agora oficializa irá aos poucos incorporando novos nomes. 

https://www.nosdiario.gal/articulo/memoria/houbo-mulleres-presas-illa-san-simon/20250311211340218253.html

About the Author

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

You may also like these