Entrevista en A Nova Peneira por mor da homenaxe á Familia Lobeira

Homenaxe á familia Lobeira, 19 de agosto do 2025 Xornal A Nova Peneira

Para sabermos máis deste recoñecemento á familia Lobeira, falamos co historiador marinense Celso Milleiro.

Cómpre intensificar o traballo de investigación, arquivo e divulgación, porque as mentiras están a circular con forza.”

Celso, cando estudas e relatas historias coma a dos irmáns Lobeira, cal cres que é a súa achega máis relevante para comprender a resistencia galega contra o fascismo, tanto aquí como no exilio?

Hai que entender o contexto da época, un tempo marcado pola loita pola igualdade entre clases sociais, que era, no fondo, a cuestión central. Vivíase unha crise económica, política e cultural profunda, agravada pola represión e pola ausencia de dereitos básicos. As clases populares comezaban a formarse, a ler, a debater, a organizarse colectivamente. É o caso da familia Lobeira: unha familia humilde pero cun alto nivel de formación e conciencia social. Esa combinación de humildade e coñecemento levounos a tomar partido claro pola igualdade e a xustiza social. O seu exemplo é extrapolable a moitas outras familias galegas que, grazas á súa formación e á toma de conciencia de clase, elixiron a vía da loita antifascista. Non foi unha decisión improvisada, senón froito dun proceso colectivo de dignidade e compromiso que transcendeu xeracións e fronteiras, e que conecta directamente coas loitas obreiras e agrarias previas ao 36.

Moitas destas biografías atravesan varios escenarios bélicos e represivos —a Guerra Civil, a Segunda Guerra Mundial, os campos de concentración—. Como podemos transmitir á sociedade actual a dimensión internacional desta loita?

A familia Lobeira é un exemplo paradigmático: unha familia que, tras emigrar, mantivo viva a súa loita contra o fascismo, xa desde fóra de Galiza. Isto non foi un caso illado. En lugares como Marín, especialmente en parroquias mariñeiras como Seixo ou Ardán, a emigración foi masiva, e moitas desas persoas acabaron implicadas, por convicción e por solidariedade, en combates internacionais contra o nazismo e o fascismo. Defenderon valores universais de xustiza social e liberdade, participando en batallóns, redes de apoio e movementos clandestinos. É fundamental explicar que o antifascismo galego non se limitou ao territorio nacional: formou parte dunha rede global de resistencia que unía obreiros, campesiños e intelectuais de múltiples países. Esa dimensión internacional permítenos entender que a súa loita era tamén pola democracia e polos dereitos de toda a humanidade, e non só por unha causa local.

A plantación da oliveira e a colocación da placa teñen unha forte carga simbólica. Desde a túa perspectiva, que papel xogan estes xestos públicos na recuperación e dignificación da memoria histórica?

Son actos que axudan a tomar conciencia e a valorar o esforzo e o sacrificio de quen sufriu unha represión brutal. Estes xestos visibilizan historias que o poder quixo enterrar, e funcionan como ferramentas de pedagoxía cívica. Recuperar a memoria non é un exercicio nostálxico, senón un acto de intervención política no presente: permítenos construír un futuro máis xusto. O fascismo sempre soubo que crear conciencia é perigoso para os seus intereses, por iso tentou borrar nomes, silenciar feitos e manipular a historia. A Guerra Civil non foi só un conflito militar: foi, sobre todo, unha loita de clases, na que a dereita defendeu privilexios e a esquerda defendeu dereitos colectivos. Por iso, a memoria debe ser combativa e reivindicativa para inspirar novas xeracións a defender as conquistas sociais e impedir que o relato dominante sexa ditado polos que queren perpetuar as desigualdades.

Pensando no futuro, que retos enfróntase o movemento memorialístico en Galiza para evitar que historias como a dos Lobeira volvan ser invisibilizadas ou distorsionadas?

O gran desafío virá nos próximos dez anos, cando comecemos a perder a xeración dos fillos e fillas das persoas represaliadas, que son hoxe testemuñas directas do que aconteceu. Cómpre intensificar o traballo de investigación, arquivo e divulgación, porque as mentiras xa están a circular con forza a través das redes sociais, internet e determinados medios de comunicación que banalizan ou xustifican o franquismo. Estamos a vivir unha ofensiva cultural na que se insulta e ridiculiza a quen defende os dereitos colectivos, chamándolles “zurdos” ou “radicais”. Hai que responder explicando que grazas a esas loitas temos vacacións pagadas, xornadas laborais limitadas, pensións ou sanidade pública. Nada disto foi creado polo franquismo, como algúns pretenden facer crer; foi conquistado con sangue. O movemento da memoria debe manter unha liña clara: combater a manipulación e garantir que a verdade sexa patrimonio común e non un luxo para especialistas.

GrazasCelso.

En Loira, as raíces da memoria medran cara ao mar.

Hai árbores que nacen para dar sombra, outras para dar froito, e algunhas para dar memoria. Este sábado, na praia de Loira, unha oliveira abriu as súas raíces na terra que viu medrar, loitar e sufrir á familia Lobeira. Entre a area, o salitre e o recordo, sementouse tamén un compromiso colectivo: que a historia dos que se enfrontaron ao fascismo, dentro e fóra de Galiza, non volva ser soterrada polo esquecemento nin polas mentiras.

A cita foi ás doce do mediodía, xusto cando o sol caía a prumo sobre as fachadas brancas das casas mariñeiras. A familia Lobeira, xunto con veciños, investigadores e representantes dos colectivos da memoria, reuníronse diante da casa natal dos irmáns para descubrir unha placa que agora fixa na pedra a súa historia. Unha historia feita de dignidade, exilio e resistencia, que atravesou fronteiras e guerras.

O acto, organizado polos descendentes dos irmáns Lobeira, serviu para lembrar a traxectoria dunha familia que deu corpo e vida á loita pola democracia, a liberdade e a xustiza social. Entre eles, Gerardo Lobeira Rodríguez, soldado na defensa de Bilbao, carabineiro do mar en Catalunya, prisioneiro en campos de concentración franceses e combatente da Resistencia contra o nazismo, até morrer metrallado nunha misión en agosto de 1944. O seu nome, inscrito en monólitos e espazos de Francia, é recoñecido oficialmente como heroe nacional.

Manuel Lobeira Rodríguez seguiu un camiño semellante: mariñeiro de guerra vasco, combatente en Catalunya, tripulante do destrutor José Luís Díez en accións arriscadas no estreito de Xibraltar, condecorado polo Goberno da República e, xa no exilio, preso en campos de Tunisia e Alxeria antes de integrar o servizo aliado de espionaxe. Refuxiado político en México, non puido regresar á súa terra ata a aprobación da lei de Amnistía en 1977.

A memoria recolle tamén a figura de Antonio Lobeira Rodríguez, que participou en operacións de tráfico de armas para a República e caeu no fronte do Segre en 1938, permanecendo os seus restos nunha foxa común en Cervera á espera de exhumación. José Lobeira Rodríguez, mariñeiro de guerra vasco, viviu a evacuación de refuxiados en Lekeitio e a prisión en campos de concentración franceses antes de volver, moitos anos despois, á Galiza.

E, xunto a eles, Consuelo Lobeira Rodríguez, “nena da guerra” evacuada de Euskal Herria tras o bombardeo de Gernika, acollida por unha familia dos Alpes franceses durante a Segunda Guerra Mundial, ata o seu regreso á terra natal. Todos eles, fillos de Manuel Lobeira e Laureana Rodríguez, sufriron, xunto cos demais irmáns, a persecución franquista e a estigmatización na súa propia comunidade de Loira.

O acto acabou coa plantación da oliveira, nun xesto colectivo no que mans de varias xeracións abriron camiño dándolle a árbore a terra que precisa para medrar e agarrar. Unha imaxe cargada de simbolismo: unirse para arraigar a memoria, regándoa co compromiso de non deixala morrer. “Esta oliveira é un símbolo de paz e orgullo polos nosos”, dixo Bieito

Lobeira, sintetizando nunha frase o que o xesto significaba para a familia e para a comunidade.

Na súa intervención, Queta Molas fixo unha reflexión que conectou pasado e presente: “non se pode construír a historia deste país desde a ocultación. Nas familias falábase dos represaliados baixiño porque as paredes oían. Son en Marín varios os lugares nos que facemos memoria. O pozo da Revolta, o cemiterio de chan da Raña, a pedra da liberdade, e desde hoxe tamén Loira pasa ao ser un lugar de memoria”. As súas palabras chegaron á conciencia dos asistentes, lembrando que os lugares de memoria non son só espazos físicos, senón territorios de conciencia.

É posible que este sábado día 9 de agosto, cando o sol comezou a baixar e a luz dourada da tarde tocou a oliveira recentemente plantada, quedase claro que o que se sementara en Loira non era unha árbore, senón un pacto. Un pacto contra o esquecemento, contra a manipulación da historia e contra a impunidade do fascismo. Un pacto que, coma as raíces da oliveira, medrará, invisible aos ollos de quen non queira mirar, pero firme e resistente para quen saiba onde buscar.

About the Author

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

You may also like these