Publicado polo Patronato Danza de Espadas o 5 de outubro do 2025
A Danza de Espada de Marín está vencellada á festividade de San Miguel Arcanxo, polo que é de interese saber como se foi celebrando no Porto de Marín ao longo do tempo. Unha fonte fundamental é a hemeroteca onde atopamos información, cando menos desde o século XIX. Os documentos arquivísticos que se coñecen practicamente son escasos na documentación referida a festividade e a danza, mais é probábel que no futuro aparezan datos que vaian sacando a luz parte da súa historia.
Unha das primeiras referencias que aparecen nas fontes xornalísticas está datada en 1897. Tanto “La Correspondencia Gallega” como o semanario “Follas Novas” anunciaban do seguinte xeito:
“Celebrouse na vila de Marín a festa do seu Patrón San Miguel Arcanxo. Houbo Misa solemne, fogos, música, gaita e verbena. Na procesión figurou a tradicional Danza de Espadas”.

Como xa se explicou en anteriores artigos desta revista, así como nos diferentes estudos ben coñecidos, o final do século XIX e comezo do XX foi un tempo convulso en que mulleres e homes do proletariado tiveron que loitar duramente por mellorar as súas circunstancias afectadas por unha serie de cambios que transformaron seriamente o seu xeito de vivir.
O contexto social, económico e político no mundo do mar naquel intre era moi complexo debido á grande revolución da industria manufactureira do peixe e dun diferente modelo de explotación dos recursos tras a chegada de novas artes. O Porto de Marín, como o resto das vilas da Galiza, pasou dunha apacíbel monotonía coa pesca do xeito a un proceso de transformación cuxos comezos desencadeou duras protestas por parte do pobo.
Esta conxuntura afectou á Danza, pois é evidente que empezaban a ter problemas para articulala cada ano. Mais non só a transformación abafante do sector é a única causa que acurtaba o tempo para preparala ou impedían a participación da clase mariñeira senón se cadra tamén a emigración ás Américas e/ou a conversión importante de familias mariñeiras ao evanxelismo son factores a ter en conta no perigo da existencia deste ben patrimonial a finais do século XIX. O papel que desempeñou o Mestre da Danza, Santiago Area González “Calistro”, foi determinante para a súa supervivencia.
Porén, a Danza non só se executaba nas festas de San Miguel, pois constátase actuacións fora da freguesía do Porto de Marín, xa sexa no festival de Pontevedra de 1904 ou nas festas de Santa Mariña de Bora en 1910 na que participou na procesión patronal a “agrupación de mariñeiros de Marín, executando a típica e tan celebrada danza de espadas”. Interesante é o dato da actuación dunha danza de espadas na festa dos Praceres no mes de maio de 1910, pois nos pode dar unha pegada, se cadra, nunha hipótese sobre a orixe da Danza de Marín nos mariñeiros da zona de Estribela e Cantodarea.
Toda esta situación explica ou nos dá unha idea de como era a Danza en torno a 1897. A Comisión de festa de San Miguel de 1910 enviaba unha nota explicando o seu desenvolvemento, e que non debería ser moi diferente á celebrada en 1897 dado que o cambio de século e da transformación social e económica da vila non foi en absoluto radical para o festexo:
Día 28 de setembro
Ás 12:00: Repique xeral de campás e unha salva de 21 bombas reais que anunciaban o comezo da festa, tocando a banda de música e gaita do país aledes dianas percorrendo as principais rúas.
16:00 a 18:00: Paseo de moda amenizado pola banda de música e gaitas do país.
18:00 a 19:00: Vésperas relixiosas na freguesía.
20:00 a 24:00: Gran iluminación á veneciana, amenizada pola banda de música e gaitas do país, coa queima de “infinidades” fogos de aire e fixos.
Día 29 de setembro
Ás 06:00: Salva de 21 bombas reais, saíndo banda de música e gaitas do país, que tocaron aledes dianas.
Ás 11:00: Función relixiosa, rematada esta, saída da imaxe do santo acompañada da tradicional danza de espadas, a cal estaba a cargo o distinguido Mestre Calixto Area.
16:00 a 21:00: grandes paseos e bailes populares amenizados pola banda de música e gaitas do país. Rematando a festa cunha salva de bombas.
Celso Xavier Milleiro Sánchez, Investigador.
Bibliografía Consultada
- “Danza de Espadas de Marín: orixe, estrutura, mudanza”. José Antonio Pazos Pazos, José Francisco Gil Dopazo e Enriqueta Otero-Molas Farto. Anuario de Antropoloxía e Historia de Galiza “Fol de Veleno” nº 11. 2023.
- Hemeroteca Dixital “Galiciana”.
- Proxecto de Investigación “Memorias de Sal e Terra”, de Xosé Manuel Moreira Docampo e Celso Xavier Milleiro Sánchez.


