Publicado polo xornal A Nova Peneira o 17 de novembro do 2025
Arrefriada a cuestión da guerra contra as Traiñeiras que comezara en 1897, xurdiu unha nova revolta que tivo repercusión en todas as Rías Baixas contra a Ardora ou Escurada. O conflito xorde en 1909 con varias Reais Ordes autorizando o procedemento de pesca Ardora e a pesca de noite co Cerco de Xareta. Naquel intre as rías sufrían unha escaseza de sardiña, ao que os mariñeiros acusaban á ardora de ser a responsábel de esquilmar o peixe. Mentres os que estaban a prol do método botaban a culpa aos mais de 40 vapores que traballaban desde Ribadeo até cabo Vilán entre tarrafas e lanchas de mansio, así como á pesca con dinamita.

En xullo de 1910 a meirande parte dos mariñeiros de Marín posicionáronse contra dela, mais denunciaban que os que estaban a favor telegrafaran aos deputados galegos para influír polo seu mantemento.
No mes de marzo de 1911 Marín enviou á Xunta Pesqueira un telegrama manifestándose de novo a favor da supresión da Ardora. Mentres que a patronal mantíñase dividida como así o demostra a opinión contraria do dono da Lonxa, Luís Hermida Araújo, ou o do Círculo Mercantil de Marín que a defendía.
O 7 de marzo unha Comisión de Mariñeiros que apoiaban a Ardora, formada entre outros por traballadores de Cantodarea e Marín, e apoiados polo Presidente do Círculo, Ignacio Barreiro Fernández, manifestáronse e acudiron para entrevistarse co Gobernador Civil. Isto fixo reaccionar á Sociedade de Mariñeiros que convocou Xunta Xeral co obxectivo de manter a súa liña contraria, enviando telegramas á Comandancia de Mariña, Concello e ao Director Xeral de Navegación e Pesca expresando a supresión da pesca de noite por provocar a ruína na ría. Como mostra de forza, o día 14 saíron 3000 mariñeiros que percorreron de maneira pacífica a vila contra a Escurada. O día 26 outra manifestación na que acudiron mariñeiros de Marín, Estribela e Lourizán, entre outros, percorreron as rúas de Pontevedra no mesmo sentido. A protesta saíra desde Marín con 5000 persoas ao fronte (outras fontes falaban de 1000), encabezando a marcha varios estandartes das sociedades mariñeiras convocantes.
O día 18 de abril a Sociedade de Mariñeiros de Marín reuniuse en Estribela. O seu Presidente, Leonardo Landín Toucido, leu un comunicado enviado ao Presidente do Consello de Ministros, José Canalejas, que representando a 1500 mariñeiros solicitou de novo a supresión da Escurada, manifestando que os ánimos atopábanse moi excitados en Marín, chegando ameazar con recibir con tiros ás embarcacións que se presentaran no porto con sardiña pescada con Ardora e que cumprirían a ameaza.
O 23 de abril de 1911 celebrouse un mitin multitudinario contra a Escurada en Vigo, no que falou en representación da Sociedade de Mariñeiros de Marín o seu Presidente Leonardo Landín. Afirmou que era a primeira vez que falaba perante tanta xente, considerándose un pescador práctico e non teórico. Describiu as rías como piscinas onde entraban a sardiña, debendo ser apañadas sen violencia, criticando o emprego de explosivos, do balo, de pistóns, cal viva e ao carburo como causas da desaparición da sardiña e que de non cambiar estas condicións provocaría a emigración dos pescadores.
Leonardo morreu no mes de agosto de 1912 nun accidente no porto de Montevideo, ao que chegara tras fuxir por un incidente por desobediencia cun cabo de mar no mes de maio e que a familia achacou a unha protesta por unha visita real a Galiza.
Por isto, el e outros veciños de Marín foron xulgados en 1914, cando a revolta contra a Escurada esmorecía pola volta da abundancia da sardiña.