QEQ

QEQ, Quen é Quen, é unha base de datos veciñal iniciada por Xosé Manuel Moreira Docampo nos primeiros anos de investigación para servir como ferramenta de axuda do Proxecto “Marín: Memorias de Sal e Terra”. Fíxenme cargo de continuar na súa ampliación pois entendiamos que era necesario ter un documento onde acudir para agrandar as informacións das veciñas e veciños de Marín que viviron unha parte da súa vida entre 1900 e 1950 (mesmo hai datos de veciñ@s de Marín e Lourizán do século XVII ao XIX).

Contamos despois coas axudas necesarias dos mestr@s e investigador@s marinenses Enriqueta Otero-Molas Farto e José Antonio Pazos Pazos, pois son coñecedores da historia do concello máis recente. Tivemos en consideración a importancia de facer constar os alcumes, pois unha das dificultades que atopamos era recoñecer e ampliar as informacións das persoas que queriamos investigar por mor desta circunstancia.

O interese do mesmo chamou a atención do xornal “Diario de Pontevedra”, que o 7 de setembro do 2020 publicou un artigo chamado: “Os alcumes, as palabras que seguen a marcar xeracións das familias de Marín”.

Pese a tratarse dunha base de datos privada, ao alcance de moi poucas persoas: historiadores e persoas vencelladas á historia local, non habería ningún problema en fornecer cos datos que temos dalgunha persoa ou familia, dado que moita información fóinola achegada pola meirande parte da veciñanza de Marín e da parroquia de Lourizán.

Se precisas algúns datos, non dubides en poñerte en contacto comigo.