Nome completo: Celso Xavier Milleiro Sánchez (O Parrote-A Coruña, 1971)
- Teño estudos non rematados en C.C. Químicas realizados nas Universidades de Vigo e Santiago de Compostela. Estou titulado como Técnico en Coidados Auxiliares de Enfermaría, cunha importante formación teórica e práctica no ramo socio-sanitario, traballando actualmente de Celador no SERGAS.
- Afeccionado á Xenealoxía, colaborei en proxectos como Xenealoxía.org e Apelidos de Galicia. Coñecer as túas raíces axuda a valorar todas as culturas que che rodean fainos comprender quen somos, de onde vimos e cara onde imos.
- Afeccionado á Historia Local Galega, con investigacións relacionadas coa temática da Guerra Civil e a loita obreira nos concellos de Marín e Meis, así como na recolleita de documentación relacionada co Gremio de Mareantes no concello de Redondela (hai algúns anos que aparquei esta investigación).
- No 2005 iniciei con Mario Gallego Rei e Xosé Manuel Moreira Docampo un proxecto de estudo sobre a II República Española e a Guerra Civil no Concello de Meis. Durante este tempo colaborei nun xornal dixital sobre noticias, historia, política e cultura deste municipio do Salnés denominado Meis: Caderno de Bitácula.
- Actualmente, investigo a historia local de Marín de finais do século XIX até 1940. Traballo que non só ten a ver coas procuras realizadas nos diferentes arquivos, rexistros e hemerotecas, senón tamén polas achegas realizadas por persoas como Enriqueta Otero-Molas Farto, José Antonio Pazos Pazos e sobre todo do RESPONSÁBEL directo disto: Xosé Manuel Moreira Docampo, sen o cal este proxecto de investigación non sería posíbel.
- Hai máis de 10 anos, despois de rematar as nosas procuras en Meis, Xosé Manuel e eu iniciamos un proxecto denominado “Marín: Memorias de Sal e Terra”, co obxectivo de sacar á luz unha parte da historia agochada pola historiografía local.
- Por último, quería agradecer as achegas e o asesoramento nas procuras por parte de Dioniso Pereira González, Xosé Álvarez Castro, e polos compañeiros de Redondela Manuel Puga Pereira, Juan Migueles Fernández e José Martínez Crespo.