Casa de Méndez Núñez /Casa Pais ou Baladrón

CASA DE MÉNDEZ NÚÑEZ

Datada, presumibelmente, na segunda metade do século XVIII tras a chegada a Marín do compostelán José Fernández Guerra, avogado da Real Audiencia, Receitor dos Reais Alfolís en Marín, Apoderado do Duque de Soutomaior e bisavó de Casto Méndez. En 1770 armou un buque corsario chamado “El Guerra”.

Xunto coa súa muller, Tomasa Anguiano, mandaron dourar as súas espensas o altar de Santo Antón da Igrexa Parroquial de Santa María do Porto de Marín en 1791. José faleceu en Marín o 17 de maio de 1805 sendo soterrado no prebisterio da igrexa.

Deste matrimonio naceu e foi bautiuzada en Marín o 6 de novembro de 1760 Mª Carmen Fernández Anguiano, que casaría con Francisco Javier Núñez Falcón, Tenente Coronel e Capitán de Granadeiros do Provincial de Tui. Das tres fillas deste matrimonio, Tomasa (bautizada en Marín o 20 de marzo de 1793) casaría con José Méndez, pais de Genaro, Soledad e Casto Méndez Núñez. Sería Soledad a que herdaría a Casa familiar de José Fernández Guerra.

Última foto da Casa de Méndez Núñez, realizada antes de 1912

En 1890 atopábase alí un bar, ese ano o xornal “El Túnel” recollía a seguinte noticia:

“Rúa Real, esquina á da Roda. No afán de satisfacer sempre os desexos dos seus favorecedores, esta casa establecerá unha sucursal na inmediata vila de Marín, por mor das notables festas do Carme, que han de celebrarse no devandito porto os días 29, 30 e 31 do actual.

Lista de comidas: Costeletas, polos asados, polos asados en salsa de pementos e tomates, carne mechada, carne mechada asada, pementos fritos, ovos cocidos, ostras, aceitunas, postres, viños excelentes do Riveiro e do país.

Nota.- Prepáranse comidas de toda clase de peixe, encargándoas con dúas horas de anticipación.

Outra.- Para os que queiran comer de campo serviránselle os pratos que desexen na carballeira, destinada a feira, e inmediata ao establecemento.”

En 1897 o Concello de Marín arrenda a casa que o 21 de Abril de 1874 rexistrou Soledad Méndez Núñez, para Escola de Nenos pagando mensualmente 100 pesetas.

“Ten ademais a casa un parterre ou patio illado e en fronte da súa fachada principal rúa en medio. Situada na rúa Real co nº 28 e ten horta. Componse de casa de dous altos, o superior abufardillado cuxa fronteira polo N limita á devandita rúa e na súa parte inferior ten tres portas grandes de entrada e unha ventá de taboleiro, no primeiro andar 2 balcóns de ferro con 2 vidreiras lañadas e 4 de antepeito e no 2 andar outro balcón de ferro con 2 ventás lañadas. Confina polo Nacente á devandita casa e horto coa rúa da Roda en cuxa horta existe un pozo. Este terreo de D. Xoan Artime de don Francisco Orge, muralla e no medio e poñente casa dos herdeiros de don Fernando Novoa e horta de Emilio Méndez, e polo mediodía o xardín con horto unido á devandita casa.

O seu fondo entre paredes ten de longo 79 pés e de ancho 41 ou sexa 4029 pés cadrados e o xardín ou horto fechado 123 pés de longo e 73 de ancho. A devandita casa é pertencente e sempre foi dela formando unha soa finca, un parterre ou patio illado e en fronte da súa fachada principal rúa no medio e que defende ou sosteno todo cara o Norte e a beiramar cun murallón alto e construído polos seus antecesores e reparado por dª Tomasa Núñez de Méndez case na súa totalidade no ano 1865 por medio do canteiro Domingo A. Ruibal, veciño de Marín. Arrodean e cercan o devandito parterre polo norte, nacente, poñente e camiño do peirao, antepeito de pedra con remates de columnas e polo lado da rúa ao medio día, 4 postes de pedra. O alto do devandito murallón forte sobre o areal ou ribeira do devandito parterre ten 8 varas de ancho e 16 de longo, 128 cadrados.”

En 1900 Soledad Méndez Núñez era a propietaria dunha escola pública en Marín no nº28 que pasou a ser alugada polo Padroado Católico e en 1906 arréndaselle por un ano de Escola de Nenos a Narciso Nores por 75 pesetas mensuais.

Abril de 1937

Soledad Méndez Núñez faleceu en Pontevedra en 1906 aos 85 anos. Un ano e medio máis tarde os seus herdeiros venderon a propiedade a José Sobral Portela, que meses máis tarde sería nomeado Alcalde de Marín. Entre 1907 e 1912 Sobral decidiu derrubar a Casa dos Méndez Núñez e construír unha nova construción, que é a que coñecemos actualmente. Sobre a historia do novo edificio Eduardo Otero Molas realizou a seguinte anotación:

“antes de facer ese edificio había unha casa propiedade da avoa de Casto Méndez Núñez que foi vendida a Senén Sobral. No baixo houbo sala de cine de don Carlos Castillo, que fora profesor do colexio San Luis Gonzaga. Cun anaco de raíl colocado na parede, os rapaces para asistir de balde repinicaban nun ferro anunciando a función. Máis tarde alugou este baixo don Luis Jaén Canto, para café de varietés. Pechou no ano 36.”

Sabemos que a Casa abrangueu o Gran Hotel España, sendo o seu dono Luís Jaén Canto, que aínda a rexentaba en 1928, e despois foi traspasada a unha muller chamada Adelina Elvira Bouzán Vidal que lle cambiou o nome por “Adela” e que tivo funcionamento despois da Guerra Civil. Durante os primeiros anos da contenda militar o primeiro andar foi sede da falanxista “Auxilio Social”.

Máis adiante a construción acolleu varios negocios máis, primeiro como pensión Pais no segundo andar e despois como Comercial Eléctrica Baladrón a finais dos anos 80.

BIBLIOGRAFÍA CONSULTADA:

  1. Traballo de Investigación da Mestra e Investigadora Enriqueta Otero-Molas Farto.
  2. Traballo de Investigación do Mestre e Investigador José Antonio Pazos Pazos.
  3. Traballo de Investigación do Funcionario e Investigador Julio Pazos Gómez.
  4. Proxecto “Memorias de Sal e Terra”. Xosé Manuel Moreira Docampo e Celso Xavier Milleiro Sánchez.

About the Author

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

You may also like these