A Loita da Muller en Marín

Unha contribución ao papel das mulleres entre 1896 e 1936.

Publicado polo xornal “Nós Diario” o 12 de marzo do 2022.

A Coruña, Vigo e Ferrol constitúen, xunto con Marín, os lugares emblemáticos da organización obreira protagonizada polas mulleres. Isto non quere dicir que a loita se circunscribise só a estes lugares, pois atopamos a implicación organizada das obreiras espallada por toda a nosa xeografía nacional. A folga das cigarreiras da Coruña de 1857 marca un fito e un despois no traballo sindical das traballadoras galegas que irá medrando paseniñamente pese as duras barreiras que se van atopando no camiño.

Na localidade de Marín podemos falar do inicio do movemento obreiro feminino no mesmo intre en que nace a auto-organización proletaria na vila, estando documentada a súa presenza nas primeiras asembleas operarias de 1897. Anterior a esa data descoñécense conflitos laborais protagonizados por elas, aínda que a súa presenza está constatada nas protestas xeneralizadas polos impostos de consumo que se producen por toda Galiza.

En 1885 as vendedoras de peixe de Marín, en contestación polas novas tarifas, decidiron improvisar unha praza no Campo de San Roque (Pontevedra) ameazando os que por alí pasaran se intentaban cobrarlles as taxas, queimando despois as instalacións. Dous anos máis tarde un balbordo de mulleres, ao berro de “Abaixo o arrendo!”, lograron paralizar un pleno municipal en Marín que trataba o arrendo de consumos, obrigando a que unha comisión municipal fose a Pontevedra para arranxar o problema.

Pese a estas circunstancias, non podemos pensar que a muller gozaba de liberdade e dereitos. O contexto social estaba marcado pola emigración, cambios industriais e por unha sociedade machista con abundantes casos de violencia de xénero e no que eran constantes as fuxidas de mulleres das súas casas, coas denuncias correspondentes dos seus maridos para que fosen apreixadas e as conducisen ao fogar marital.

O drama social que provocaba ficar viúva, sobre todo no mundo mariñeiro pola situación de pobreza, os procesos xudiciais por adulterio, os abortos provocados e constantes suicidios de mulleres cando se miraban inútiles son outros factores a ter en conta na sociedade daquel entón. Aínda así, non é o caso deste artigo facer un estudo amplo da situación da muller nese período histórico, mais si ter en conta o seu contexto.

As mulleres de Marín traballaron fóra da casa en diferentes eidos: lavandeiras, peixeiras, cociñeiras, domésticas (coas consecuencias de violacións e abusos sexuais provocadas polos varóns da casa), leiteiras… mais van destacar os oficios relacionados coa industria mariñeira: conserveiras, redeiras, empacadoras de peixe, estibadoras ou descargadoras de carbón. Será nestes últimos traballos onde vai pivotar a auto-organización das mulleres obreiras nesta localidade.

A conxuntura laboral das que traballaban na industria de salgadura e conserveira vai vir ligada á falla de contratos formais, mesmo sen aparecer os seus nomes, recolléndose ás veces tan só o parentesco que tiñan cos homes que estaban empregados na empresa. Moitos destes traballos eran eventuais, dado que non se traballaba de modo continuo debido á temporalidade do sector. As mulleres asalariadas de Marín, apenas unhas raparigas, traballaban nunhas condicións laborais paupérrimas.

Volvendo a 1896, para os obreiros que crearon as primeiras sociedades operarias era unha necesidade imperiosa involucrar as mulleres na loita. A propia UXT e as federacións obreiras alentaban esta cuestión entre as mulleres asiduas ás reunións. Non existe documentación que nos axude a comprender as causas principais polas que nese intre non se organizaron, nas que podemos barallar entre outras o alto analfabetismo que existía entre elas e a falla de tempo e preparación para dedicarlle á sociedade.

O empeño do socialismo sindical foi abafante. En 1900 unha comisión de xastras e peonas organizadas de Vigo acudiu a Marín co obxectivo de asociar as mulleres e así crear unha sociedade de resistencia, dando lugar á sociedade El Porvenir , que non sería legalizada. Nese momento os maiores problemas laborais dábanse na industria manufactureira, onde existían 13 fábricas de salgadura que empregaba 480 persoas e tres conserveiras cun persoal de 300 efectivos.

Pese a que se anunciou a existencia de mulleres entusiastas do traballo sindical, os problemas debían ser moi fortes dado que até xaneiro de 1902 a Federación Obreira non considerou organizar unha sociedade de mulleres nas fábricas de salgadura e conserveira. Será no mes de maio de 1902 cando se constitúe unha Sociedade de Oficios Varios (SOV) onde aparecían algunhas mulleres afiliadas.

Nese intre comezan os problemas entre as operarias e os patróns, na fábrica de Ortiz formouse unha “comisión de amotinadas” pola problemática da arte do trabuque e na salgadura de Heraclio Méndez o patrón negouse a admitir mulleres asociadas, provocando que a Federación Obreira declarase a folga na fábrica, dando lugar a un dos primeiros conflitos laborais protagonizado polas proletarias de Marín.

About the Author

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

You may also like these