Publicado no Diario de Pontevedra e en Pontevedraviva.com o 19 de xuño do 2021.
Actualmente existen varias asociacións de comerciantes en Marín: Estrela de Marín, ACIMA e ACEMAS (Seixo). O noso concello historicamente foi prolífico en entes desta natureza.
Habería que remontarse a 1897 cando se contemplaba facer desde Pontevedra un Círculo Mercantil entre comerciantes e industriais da capital e a nosa vila. No mes de abril de 1903 un conxunto de empresarios deciden crear unha Cámara de Comercio elixindo unha directiva no mes de maio ao que nomearon como Presidente a Eraclio Méndez.
Legalizouse en 1909 o Círculo Mercantil Industrial e Propietarios de Marín, designando como Presidente a Benito Touriño. Ocuparon a presidencia desta sociedade, entre outros, Ignacio Barreiro e José Touriño.
No mes de xaneiro de 1920 botaba andar a Sociedade Xeral de Comerciantes de Marín, así como a Unión de Empresarios de San Xián de Marín. Presidiron a Sociedade de Comerciantes, entre outros José Pérez Graña e Ignacio Barreiro.
Desavinzas entre a pequena burguesía de Marín a finais dos anos 20, fixo que se reorganizara o Círculo Mercantil, da man do Alcalde Ezequiel Massoni. A Sociedade de Comerciantes entrou en crise en 1933 e en 1935 atopábase disolta. O mesmo debeu pasar co Círculo dado que se refundou en 1936.