A crise provocada pola I Guerra Mundial disparou a emigración aos EUA

Publicado no xornal “Nós Diario” o 11 de decembro do 2021.

Non é a intención deste artigo falar en termos xerais da emigración galega aos Estados Unidos de América, senón daquela que afectou centenares de mariñeiros galegos polas consecuencias no sector do mar que tivo a crise económica ocasionada polo gran conflito bélico acontecido entre 1914 e 1918 entre as potencias mundiais.

O motivo principal da emigración de mariñeiros tivo a ver coa falla de materia prima que encareceu o transporte ferroviario, provocando outros efectos colaterais como a venda de barcos pesqueiros a Francia ou Rusia. Na Galiza, vilas mariñeiras como Bueu, Carnota, Muros, Oleiros, Sada, Boiro e Ribeira son os focos máis importantes de emigración aos Estados Unidos no período que vai de 1917 até a guerra civil española. As pegadas destes movementos transoceánicos van ser moi xeneralizados noutras localidades mariñeiras da Galiza, como Marín e Redondela.

A orixe principal tivo que ver coa carencia de carbón e outras materias primas que van experimentar un sobre custo pola contenda da I Guerra Mundial en Europa, engadindo a esta circunstancia os graves problemas de abastecemento provocados polo conflito. Esta situación xerará desde o mes de maio de 1916 unha contundente folga no sector pesqueiro que durará varios meses.

O 24 de febreiro os armadores de Vigo e Marín comunicaron ao Goberno do Estado que só tiñan carbón para 15 días, tendo que amarrar 400 embarcacións e deixar no paro milleiros de mariñeiros e obreiros que traballan no sector.

A falla de recursos materiais afectou a todos os resortes económicos e sociais, como a interrupción en marzo do servizo do vapor “Farruco” entre Vilagarcía e Ribeira. En abril, unha comisión de armadores da Galiza acudía a Madrid solicitando que o Goberno actuase para abaratar a adquisición do carbón. A industria pesqueira na Coruña afundíase a comezos dese mes e Vigo empezaba a notar a escaseza de traballo, provocando a convocatoria dunha manifestación o día 7, anunciando que sería secundada tamén en Marín e Pontevedra. O 11 de abril outra concentración congregou na vila do Morrazo unhas 5.000 persoas, na súa meirande parte veciñanza dos barrios mariñeiros de Lourizán, Estribela e Cantodarea.

No mes de maio, o Goberno do Estado demostraba a súa incapacidade para lograr o abaratamento do carbón, sucedéndose o amarre dos barcos. A situación era tan insostíbel que no mes de decembro axentes do Goberno francés chegaron a Marín para adquirir sete embarcacións destinadas ao servizo de vixilancia, algúns vendéronse polo dobre da cantidade do seu custo, o que significou un alivio para os armadores, mais deixaba no paro varios centos de mariñeiros e obreiros.

No mes de marzo de 1917, 18 pesqueiros da localidade eran vendidos a Portugal e Sevilla, deixando sen emprego máis de 500 persoas entre mariñeiros, maquinistas e fogueiros. Unhas semanas antes un continxente de afectados de Marín, entre os máis afortunados, marchou cara aos EEUU, porén os que non tiñan para pagar a viaxe víronse abocados á maior das miserias.

Crecemento da colonia galega

Xa en 1912 constatábase unha cativa presenza de mariñeiros galegos, vascos e do norte do Estado español nos Estados Unidos, que ben puideron facer o efecto chamada a familiares e amigos tras a crise. Se do porto de Vigo saíron 42 persoas a Nova York en 1915, a cifra subiu a 437 en 1917, que representaba o 8,15% da emigración que partira ese ano desde a zona portuaria olívica. Mais este tránsito non só se fixo de maneira legal, senón que aumentou co alistamento na mariña mercante como transporte para despois fuxir ao arribar nos portos ianquis. O volume de desercións era tan abafante que ás autoridades españolas non lles quedou outra que declarar unha amnistía para todos eles en 1919.

Este primeiro movemento migratorio deixou un pouso para outras xeiras migratorias aos Estados Unidos que se espallarán nos anos seguintes. Pese a que Nova York levou a meirande parte do continxente mariñeiro e dos seus fillos, lugares como Miami, Filadelfia, Nova Jersey ou Boston tamén foron zonas de acollida para traballar principalmente na mariña mercante, outros na construción, como mecánicos, no comercio e na hostalaría.

Após a crise estadounidense de 1921, volverían de novo as múltiples desercións dos barcos mercantes españois, que foron tan constantes en 1924 que medraron as denuncias e persecucións por parte das comandancias de mariña españolas. 

Instalados nos EUA, os galegos demostraron un constante afán solidario cos seus veciños, medio centenar de marinenses de Nova York fixeron unha subscrición en 1929 a prol dunha nena de Piñeiro, outros tantos redondeláns mandaron cartos á sociedade mariñeira da localidade para repartir entre os máis pobres do lugar no período do nadal e reis entre 1927 e 1931.

O caso de Marín

O padrón do concello de Marín de 1930, realizado tras o crack da bolsa neoiorquina, reflectía que 12% da emigración marinense residía nos EUA, a súa meirande parte na cidade dos rañaceos. Ademais os Estados Unidos representaban o segundo destino preferido pola veciñanza, momento no que empezaba a emerxer unha forte emigración mariñeira cara a Euskadi.

About the Author

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

You may also like these